Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafa Villar

A por eles: caza ao inmigrante na Europa do capital

09:30 23/06/2008

Tal como era de prever, e malia os chamamentos á reflexión habidos -como o do presidente boliviano Evo Morales-, o Parlamento Europeo acaba de aprobar (18 de xuño de 2008), sen modificación ningunha, a mal chamada Directiva de retorno dos inmigrantes. Unha Directiva vergoñenta que cheira a neofascismo máis ou menos encuberto.

A fantasmagórica Europa, por medio dunha maioría relativa dos seus deputados no Parlamento europeo (367 a favor por 206 en contra e 109 abstencións), vén de aprobar unha Directiva que non é máis que un intento de facer pagar os seus propios excesos a unha franxa social, tan débil e desprotexida, como a que representan os cidadáns inmigrantes. Cidadáns e cidadás que, de certo, se ven desposuídos de dereitos elementais e, polo tanto, da súa propia condición cidadá.

A Directiva, que fora fraguada polos ministros de Interior dos países membros da Unión Europea (feito que xa daba pistas de cal sería o tratamento a dar á inmigración), é agora asumida pola maioría da clase política do continente que se dá cita en Estrasburgo. Unha clase política que é expoñente do proceso de dereitización que padece a actual Europa, con gobernantes tan desconfiábeis e temíbeis como o francés Sarkozy, a alemá Merkel ou o italiano, Berlusconi.

Eses son os que nos deberían dar medo. Eses, e non o venezolano Hugo Chávez, do que lograron construír (empregando esas “bombas en acio” denominadas mass media) unha imaxe tan deformada que conseguiron convertelo, segundo enquisas feitas no Estado español, no líder político mundial peor valorado, por riba do propio George W. Bush, o xendarme imperial dos nosos días.

A desculpa da harmonización das políticas migratorias

O texto aprobado polo Parlamento, que leva o longo e rimbombante nome de “Directiva do Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea relativa a procedementos e normas comúns nos Estados membros para o retorno dos nacionais de terceiros países que están ilegalmente no seu territorio”, tenta presentarse ante a opinión pública como un documento que ten como obxecto harmonizar as políticas dos diferentes estados a respecto dos inmigrantes sen papeis. Así, dáse un prazo de dous anos para a súa adopción por parte dos devanditos estados.

Máis alá diso, da súa lectura o que se tira é que a Directiva non é máis que o habilitamento de medidas puramente represivas, que se pretenden disuasorias para as persoas que queiran entrar no continente europeo, procedentes principalmente do continente africano ou de Latinoamérica. Como se fose posíbel reter a auga coas mans! Como se as razóns que moven a estes novos migrantes (igual que nós o fomos, e os italianos, os portugueses e tantos outros nesta medoñenta Europa) non fosen dabondo poderosas! Como se a fame e a miseria non fosen argumentos máis fortes que as ameazas represivas urdidas en luxosos despachos!

E así hai que entender que o texto da Directiva contemple a posibilidade de que a persoa inmigrante poida estar “retida” até 18 meses nos chamados “centros de internamento”. E para a súa detención, abondará cun simple orde de carácter administrativo, é dicir, sen que se faga necesaria inicialmente unha intervención xudicial.

Pero máis sangrante, se cadra, é que a Directiva admite na práctica o mesmo tratamento cando se trate de inmigrantes menores de idade aínda que non estean acompañados. Isto é, van poden ser detidos por medio dunha orde administrativa, retidos nun centro de internamento por longo tempo e finalmente expulsados e repatriados ao seu país de orixe, sexan cal sexan as causas que o botaron fóra del para iniciar o camiño incerto da emigración.

No fondo, o que latexa detrás da coñecida como “Directiva do retorno” (e baptizada por algúns como “Directiva da vergoña”) é o devezo por construír unha “Europa fortaleza”, blindada aos fluxos migratorios, agás a aqueles que sexan bocado apetecíbel para empresariado e que lle sirvan para o abaratamento de custos. Un xeito de continuar flexibilizando o mercado laboral e de facer pagar boa parte da actual crise económica aos sectores sociais máis desamparados e máis imposibilitados para dar unha resposta en clave de mobilización.

PSOE, PP e CiU votaron a favor, o PNV abstívose

Como é sabido, as eleccións ao Parlamento europeo no Estado español validan como circunscrición única o ámbito estatal, polo que son máis que evidentes as dificultades para que o nacionalismo obteña nas urnas representación na devandita Cámara. Nese ámbito, no estatal, as posicións favorábeis ao texto da Directiva foron moi maioritariamente favorábeis. Dunha banda, o PP, partidario dun endurecemento aínda maior das políticas de inmigración, tal como figuraba no seu programa electoral nos últimos comicios xerais, e en liña coas propostas do Partido Popular Europeo (PPE), do que forma parte.

Doutra, o PSOE, que, malia apoiar unha serie de emendas promovidas polos bancadas socialistas no Parlamento europeo –as cales finalmente non se aceptaron-, acabou por votar (agás 3 deputados) a favor do texto, pregándose ao chamamento nese sentido feito polo propio Goberno español. Así, o nomeamento de Celestino Corbacho como Ministro de Traballo e Inmigración, feito por Rodríguez Zapatero, só cabe interpretarse como un aceno en favor de máis man dura contra a inmigración no Estado español. No propio Grupo Socialista da Cámara de Estrasburgo o consenso a respecto da votación da Directiva non foi total, e houbo eurodeputados que se desmarcaron da consigna oficial de apoiar o texto aínda sen modificacións.

As forzas nacionalistas, CiU e PNV, a pesar de se teren presentando (xuntamente co BNG) ás eleccións europeas na plataforma Galeusca, mantiveron estratexias de voto diferentes. A dereita catalanista apoiou de maneira entusiasta o texto da Directiva, mentres que o único deputado do nacionalismo vasco optaba pola abstención. Pola contra, tanto o único deputado español do Grupo da Esquerda Unitaria Europea como o do Grupo dos Verdes manifestaron o seu rexeitamento á Directiva votando Non.

Hoxe, case coma nunca, un sentimento vergoñante percórrenos a algúns o espiñazo. E dicimos, como deixou dito o poeta Curros Enríquez (cen anos despois do seu pasamento”: “Se eu fixen tal mundo/ que o demo me leve”.

3.7/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafa Villar

Rafael Villar naceu en Cee en 1968. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, foi cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras da Cal. »



Anteriores...