Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Lectorado de galego en Palestina?

10:30 03/07/2008

“Se Mahoma non chega á montaña, entón a montaña irá a el”, reza un proverbio atribuído ao profeta Mahoma e que serve para explicar que a fe move montañas ou que para conseguir algo hai que buscalo. Por iso, aínda que Palestina sega adoecendo da falta dun lectorado de galego entre os milleiros de montes que a ocupan, os palestinos acoden a Galiza para estudar a súa lingua e cultura.

Despois de tres días de peregrinación, chega á Universidade de Vigo o último grupo de estudantes de galego para este verán. Tres rapaces e unha moza belenitas, de diferentes relixións e condicións sociais, aproveitarán as bolsas de estudo entregadas polo departamento de Normalización Lingüística, encabezada por Henrique Costas, para mergullarse na cultura de Galiza.

Pasado o primeiro obstáculo, a saída dos Territorios Ocupados, onde algúns deles foron interrogados durante máis dunha hora, a aprendizaxe doutra lingua preséntase como unha tarefa lúdica e catártica. E é que, entre outros exemplos, o día da súa partida de Belén, os soldados israelís entraron na cidade e detiveron a varias persoas. Na fiestra dunha desas casas, nas que as familias se despedían duns deses mozos, un dos máis cativos berraba: “basta, basta!”; e non era pola saída voluntaria do irmán, senón polos disparos que, dende o fondo, acompañaban a marcha.

Para algúns destes mozos, esta é a primeira vez que logran o que parece unha liberdade condicional. Viven entre muros de varios metros, aos que non se poden achegar, e péchanse nas casas ao caer a tarde. Temerosos de calquera incursión repentina, contan as horas que faltan para o día seguinte e, nalgúns casos, ata se esquecen das datas. Naceron en berces de angustia, medo e odio; mamaron confinamento e represión; algúns atrevéronse cos deportes de risco, como lanzar pedras ou mesmo o fútbol; e en poucos anos creceron, mesturando a súa adolescencia coa infancia e a madurez, descoñecedores de que existe un mundo máis alá das pantallas de pedra ou plasma.

En todos eses anos que foron da infancia á madurez, viviron a expulsión de Kuwait, o comezo da Segunda Intifada, os corenta días de toque de queda en Belén, e o pechamento. Grazas á axuda particular de amigos solidarios, estes palestinos comezarán a estudar galego, aprendendo como se vive fóra dunhas celas que os adoptaron, e das que aínda non foron quen de independizarse.

4.29/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...