Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Manifesto moi partidario

11:25 07/07/2008

Ao longo desta primavera foi cobrando vida un manifesto que a priori é presentado como apolítico e en aras do ben común: a defensa de algo tan nobre como a propia lingua; iso si, a que eles consideran a súa lingua e común a todos os cidadáns do Estado Español: o castelán.

Coidadiño! Ben patente deixan que é unha preocupación política (logo xa non é apolítico o manifesto), pois o español goza dunha vitalidade sen igual no mundo enteiro; mágoa de chineses e anglófonos! En realidade, trátase dunha preocupación político-institucional (máis ben político-partidaria) polo claro predominio que, segundo os defensores do escrito, debe ter o español.

Tal predominio vese claramente referendado cando constatan que só é obrigatorio coñecer unha das linguas do Estado. A Constitución ampara unha evidente asimetría lingüística (o cal non ven inxusto, noutros casos si). Consagra así mesmo unha opción política moi concreta: non hai dereitos colectivos; só individuais. Son os cidadáns os que teñen dereitos lingüísticos, non os territorios, nin tampouco as linguas.

Seguindo con esta visión superior do español, combina a obrigatoriedade do seu coñecemento cunha voluntariosa aspiración a coñecer as outras linguas, desexo que só poderá ser estimulado o suficiente para que poidamos convivir cortesmente cos demais. Eh!, que os demais somos os que temos lingua propia, non catro paspáns que pasaran por alí por onde eles estiveren. Aínda que, lendo o manifesto, non se sabe moi ben por que nos toman.

Curiosamente, a constitución que sacralizan ao comezo do escrito pasa a ser, posteriormente, interpretada segundo o seu “san” xuízo. Ollo ó piollo co artigo 3, apartado 3, non o leamos de calquera maneira, só como eles digan. Eles si que poden interpretar a Constitución; os demais, non. Aínda máis: con toda a fachenda postulan unha reforma constitucional regresiva e de grandísimo calado: tanto como para derrogar total ou parcialmente varios estatutos de autonomía. Mi madriña! Menos mal que só se trataba dun manifesto de carácter lingüístico. Velaí vai a reforma:

-Aos españois só se lles pode supoñer a comprensión e coñecemento do español (en esencia, unha España unha e unilingüe); por certo, defenderán o mesmo para o inglés en EEUU? De se incorporar Xibraltar a España, que lingua habería que presupoñerlles?
As linguas cooficiais nunca poderán ser vehiculares no ensino de xeito exclusivo; mais en que quedamos, os dereitos lingüísticos son individuais ou colectivos?; segundo o caso, entón? Por exemplo: Luís, da Estrada, poderá estudar todo en castelán (agás o galego, claro) e Antón, da Laracha, podería estudalo todo en galego (agás o castelán)? Se aquí, na Galiza, si, por que non en Euskadi, por un dicir?

-Que haxa algún funcionario/a exótico/a  que saiba a lingua autóctona correspondente está moi ben; é guai, ponlle cor á vida e a un traballo tan gris; mais non todo o funcionariado debe coñecer a lingua cooficial correspondente (aquí non se especifica se é ou non recomendábel comprendela un pouquichiño polo aquel da convivencia cortés, e tal). E digo eu, entón tampouco fará falta que os cidadáns da UE que veñan opositar ao Estado Español realicen o exame previo eliminatorio de castelán, abondará con que demostren ao realizar as probas pertinentes que se saben expresar con soltura (polo menos para unha convivencia cortés).

-Xa na enésima ovella de tan infausto soño, ata se atreven a propoñer lexislación sobre un aspecto non regulado legalmente, aínda que si admitido tacitamente e recomendado colectivamente, como é o uso da lingua propia nos parlamentos autónomos; se alguén o quere facer, que o faga; outra cousa é que a aceptación social sexa nula.

Que unha nova organización política, como UPYD, queira facer proselitismo non ten nada de estraño. Que o PP lle entre ao trapo, ata certo punto, tampouco, pois xa boa estopa lle deron aos Aznar, Acebes e compañía en Valencia. Apoiando isto quedan como Deus e non gastan un can. Pero que o PPdeG lles siga a corrente non os leva a ningures; alá eles. Querer facer crer que na Galiza o castelán corre perigo e como dicir que a zorra, no medio do galiñeiro, vai ter que ser custodiada polo granxeiro. Que o PSOE cale, tampouco é bo (agás algunha beizón urbi et orbe que daremos por imposíbel). Que o PSdeG mire cara a outro lado non é nada conveniente. O BNG ten que facer notar máis a súa posición. Estamos achegándonos ao Día Nacional de Galiza. Imos defender entre todos os que nos sentimos orgullosos do galego o mesmo status xurídico para el e o castelán a todos os efectos e en todos os ámbitos legais? Imos poñer fin a esta, agora máis que descarada, superioridade do castelán sobre a nosa lingua?

4.71/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...