Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Ponte firme, Madalena!

10:00 05/08/2008

Venres, 1-8-08. 17,30. Aquelas persoas que queiran ler o presente artigo deberán agardar corenta minutos. Quen escrebe está moi ocupado e agora non pode atendelos. Iso si: cando me poña, fareino con tal paixón e interese que endexamais se terá visto cousa tal no mundo do xornalismo. (...)

18,10. Reducir toda a acción política dun goberno a unha entrevista é absurdo. A política é moito máis ca unha xuntanza dunhas horas. O traballo continuado e levado a bo porto desde a base mesma pode ser a mellor garantía de que, ao remate, o encontro en cuestión culmine con éxito.

Para a súa visita á Moncloa, Emilio Pérez Touriño levaba no seu maletín o apoio de todos nunha serie de temas fundamentais: prazos de execución do AVE, reforma do voto emigrante e financiamento autonómico. Nada menos que o Parlamento Galego en pleno lle brindou a súa confianza para que conseguira o compromiso firme na execución dos prazos do AVE, o voto en urna aquí como na Patagonia xa para as vindeiras eleccións autonómicas, e os criterios de avellentamento e dispersión da poboación como pezas clave para o novo sistema de financiamento das autonomías.

Porén, Touriño saíu da reunión monclovita como transformado, Debeu ser tal o “interese excepcional” que amosou Zapatero na entrevista que o deixou abraiado. Dos prazos do AVE (de certo un tema moi complexo, mais non debe quedarnos a sensación de que se usa dita complexidade para adiar a súa execución, senón que se debe loitar contra a mesma paso a paso) quédanos por comprobar no 2009 (presupostos horribilis?) se todos os tramos pendentes van estar licitados. De novo apelación á fe. Iso si: a comisión de seguimento aprobada no Pazo do Hórreo... ad kalendas graecas. Para que comisións, se tomando un café coa señora Magdalena Álvarez poden controlar o tema. Ben fará o señor Touriño non lle deixar á ministra de Fomento servir o azucre.

No que atinxe ao voto por correo, grande lección de voluntarismo político: a ver se os prazos necesarios para a modificación da Lei (pensando en todas as súas posibilidades e ignorando o aspecto puntual que propón o Parlamento Galego, para facer máis tempo, claro) nos permiten... patatín patatán. Iso, por non mencionarmos a actitude raiana no choqueiro da señora Fernández de la Vega dicindo pouco menos que non había cartos abondo para tantas urnas, cabinas, papeletas, etc. Unha mágoa que Xoán Carlos non lle pedira asesoramento a Hugo Chávez namentres ían á praia.

Que dicir do financiamento autonómico sen que Zapatero mire de esguello cara ao teléfono a ver se salta un 93... E despois aínda os hai por aquí que se atreven a dar leccións de fidelidade ao PSC.

Touriño saíu debilitado da reunión con Zapatero. Unha vez resolto o tema das xerais, e comprendida a verdadeira dimensión da crise que nos vai tocar sufrir, queda a amarga sensación de que o PSdeG vai ser deixado da man de Deus. Os que seguimos crendo que hai que loitar por unha alternativa ao vello PP de sempre en Galiza temos que empurrar para que dita alternativa teña un novo capitán. E se outros renuncian ás súas responsabilidades na locomotora de dita alternativa, alá eles. O pacto asinárono PSdeG e BNG para gobernar a Xunta. En todo caso, en Madrid todos somos libres; uns, para seguir os dictados de Ferraz; outros, para emprender accións políticas que permitan obter o aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

O máis melindroso da entrevista foi (se é que tal ocorreu) o da chamada á Ministra de Fomento: “Madalena, ponte firme! E a tomar un cafeíño con Touriño por trimestre”. “Vale, pero sirvo eu o azucre, non é?”

3.5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...