Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Xerusalén Oriental

09:35 07/08/2008

En 1947, Xerusalén pasaba a ter o recoñecemento de cidade cun réxime especial, internacional, administrada pola ONU. Con todo, a guerra do 48 deixou un 85% da urbe en mans israelís, mentres os xordanos capturaban un 11% e o 4% restante era declarado terra de ninguén. Esas porcentaxes foron variando cos anos, logrando que o estado xudeu se apropiase da cidade, malia non contar co recoñecemento internacional.

En 1949, Israel outorgaba a capitalidade do país a Xerusalén Oeste, ocupando a vertente oriental trala guerra do 67, e anexionándoa en 1980. Dende aquela, o goberno tratou de deseñar unha serie de medidas para así conseguir incrementar a masa de poboación xudía, decretos que inclúen a destrución de casas, declaradas ilegais.

Máis dun terzo das construcións de Xerusalén Oriental (unhas 20.000) non teñen permisos legais, segundo a lei israelí, e iso serve de pretexto para a súa demolición, que entre os anos 1994 e 2006 levou á destrución de máis de 700. Para a ONU, a parte Oeste de Xerusalén está en Territorios Ocupados, pero os seus residentes seguen sen contar coas licitacións oficiais para viviren alí. Deste xeito, a demolición destas casas continúa día a día, deixando sen fogar a moitos palestinos.

Beit Hanina, na beira norte da cidade, é un deses enclaves onde se suceden as continuas demolicións. Hai uns días, a municipalidade ordenou a destrución dun dos edificios da veciñanza, alegando a falta de permisos que, tardan tanto en concederse que, normalmente, os veciños optan por construír en vertical. Nesta ocasión, os buldózeres non puideron entrar polas estreitas rúas do lugar e usáronse explosivos do exército, que chegou ás tres da mañá para sacar aos veciños do seu fogar. Noutros casos, os veciños esperan decisións xudiciais que tardan, e viven pendentes da súa recolocación en casas de familiares ou amigos. Algúns deles quéixanse da dor que provoca en todos, como nos nenos, que moitas veces saen cara ao colexio cedo, e cando volven non teñen onde deixar os seus cadernos.


Poden ver aquí o vídeo.

5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...