Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

Evo Morales, referendado

14:00 22/08/2008

“Compañeros de la prensa internacional…”, así comezaba, flanqueado pola bandeira nacional e polo xeneral en xefe das forzas armadas, o presidente de Bolivia ratificado a conferencia de prensa posterior ao revogatorio, antes de enumerar moi de vagar, con voz tépeda e un sorriso atravesado por un laio triste, o ronsel de inexactitudes, manipulacións xornalísticas, mentiras difundidas sobre o seu goberno, sobre a súa figura dende os tempos nos que lideraba o movemento sindical dos cocaleiros, mesmo sobre os resultados e datos referendo revogatorio avalado polos observadores internacionais.

A maioría da prensa internacional, entre a que ten un papel activo o grupo Prisa, que controla poderosos xornais opositores como La Razón, transpiraba no perídodo previo ao 10-A, percepcións dun goberno debilitado, acurralado, en minoría social, bloqueado e con importante perda de apoio electoral.


Quizais por iso, cando o envíado especial da cadea SER,(PRISA), expresou publicamente a súa felicitación persoal ao presidente polos resultados, Evo Morales lle pediu encarecidamente que difundise a realidade que percibiu.

Hai meses que entre os analistas solventes, politólogos e institutos demoscópicos serios, só barallaban a hipótese do triunfo de Evo Morales, aínda que ningún chegase a atinar impresionante dimensión do apoio popular.

Entre as razóns que podan explicar este resultado poderían estar unha seria de accións de goberno que o conflicto territorial dos estados orientais da Media Lúa sepultou como:

Que o crecemento medio do PIB na era Evo foi do 5,2%, a diferencia de anteriores gobernos Eduardo Rodríguez (4,0), González Mesa (4,2), Sánchez de Lozada (2,6), Jorge Quiroga (1,6), Hugo Banzer (2,5).

Que o investimento público executado no 2007,case duplicase ao de exercicios precedentes.

Que as reservas internacionais, sextuplicasen ás que promediaron entre os anos 1999 e 2005.

Que nos últimos tres exercicios houbese por primeira ver na historia superávit fiscal.

Que a débeda pública externa se reduciu á metade.

Que se triplicase a transferencia de recursos aos concellos do imposto de hidrocarburos. Que a recadación por hidrocarburos se triplicase.

Que a produción se duplicase e o emprego se cadriplicase no sector mineiro.

Que o investimento público na industria se multiplicase por dez.

Que tan só nos últimos dous anos se duplicase a media de infraestruturas viarias construídas durante os últimos corenta anos.

Que os maiores teñan subsidios do estado.

Que se dividise por oito o número de analfabetos.

Que se duplicase o número de construcións escolares.

Que as rendas máis baixas vexan reducida nun 25% as tarifas eléctricas.

Que o número de conflitos sociais se reducise considerablemente.

Que Bolivia descendese cen chanzos na clasificación internacional da corrupción…

Este paquete de datos, poden explicar, en parte, que o presidente Evo Morales Ayma, obtivese un respaldo do 67,41% dos bolivianos, que acudiron a votar nun 83%.

A oposición que sempre se negou permitir que o revogatorio, e que tan só cando estivo cegada polo espellismo das consultas unilaterais autonomistas dos departamentos da media lúa posibilitou sumou os seus votos para posibilitar os referendos, non atinou a albiscar a magnitude da derrota.

A eles, un presidente Morales fortalecido dirixíase durante a rolda de prensa internacional para advertir: “ Se alguén entende autonomía como independencia, pode haber reacción popular. Estamos comprometidos coa autonomía para os pobos, non coa autonomía para os grupos económicos e para as familias oligárquicas”.

En Bolivia, como en outros países postergados de América Latina, hai en marcha un proceso de transformación social, que non pode agachar detrás da pequena etiqueta de indixenista, nin vai parar polas tensións territoriais.

Está en marcha proceso de cambio que Evo Morales etiqueta como de construción do socialismo en democracia.

Sen deixar a voz pausada que mantivo durante toda a rolda de prensa internacional, rematou cunha confesión case confidencial, sobre o concepto de socialismo en democracia;

“ Nunha prolongada conversa con Fidel Castro este díxome: “Non fagan o que eu fixen, son outros tempos, constrúan o socialismo en democracia”.

Eu entendín perfectamente a mensaxe…concluíu.

Os conflictos continuarán, as tensións territoriais tamén, pero o peso de democracia chantou a Evo sobre alicerces moito máis sólidos. Xa sabe que dispón de prórroga para poder erradicar a pobreza extrema que se marcou como primeiro obxectivo.

Laudelino Pellitero, A Paz (agosto de 2008)

4,35/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...