Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

A lea electoral: No canto de solucións, dose extra de retórica

19:00 28/08/2008

O presidente da Xunta e a dirección socialista proporcionaron en semanas recentes un extravagante e gratuíto período de incerteza que, independentemente do que cavilen as calculadoras estratéxicas dun partido, non lle convén de ningún modo ao país.

Di a sabedoría popular que 'labor feito, ben parece', recomendación tradicional que aló en Monte Pío non parecía conmover a misteriosa contadoría que o noso presidente e aconsellantes lle aplican á delicada alquimia de fixar a data das eleccións. Será por iso que seica flirtearon con tirar vantaxe dun esaxerado adianto da cita coas urnas sen importarlles confirmar así o incumprimento dalgunhas das promesas máis urxentes asinadas cando gañaron a confianza do cambio en 2005.

'Se labor feito, ben parece, e ao que o fixo, ben o merece', non lles sei eu que reproche a sabedoría do pobo lles pode reservar aos que deixen o labor a medio facer. Á porta destoutra votación, as eivas en materia de transparencia, medios públicos e voto emigrante aparecen como asuntos pendentes máis graves en canto a capacidade de distorsionar un proceso electoral. Queda por ver se nos meses por diante haberá vontade e esforzo por atender esas prioridades. No caixón están tamén un golpe de proxectos clave para Galiza, desde as directrices de ordenación do territorio até o plan para o litoral.

Á luz dese escenario e co engadido da conxuntura económica desfavorábel, a decisión de adiar as prioridades comúns do país en beneficio da táctica concreta da dirección en Madrid dun partido político, o PSOE, era unha concesión perversa e desleal contra os electores. Unha decisión coa que, paradoxalmente, xogaron até esta mesma semana. E se habería que recoñecerlle á Xunta que nun primeiro momento a resposta diante da crise parecía ser áxil e prometedora mentres se deseñaba, ou así o aparentaban, desde Galiza e para Galiza, a viraxe foi nos últimos tempos significativa. Nas corredoiras sancaetánicas recoñecérase antes que nos tronos monclovitas a existencia dun escenario adverso que se lle viña enriba ás inercias positivas que seica mantiñan a boa velocidade a locomotora socioeconómica. A tendencia favorecida por Touriño nos últimos tempos semellaba frear ese cambaleante tren, co risco de que despois custase o dobre acender o motor...

A ansiedade é mala conselleira, e combinada coa cobiza urxente de repetir asento no poder tráenos episodios como o que vivimos nestes días en Galiza. Manter a dúbida sobre as eleccións con contraditorias e ambiguas declaracións xa foi na práctica unha forma de alimentar o lume do electoralismo paralizante. A propia visita esta semana do presidente do goberno español para non dicir nada que non se dixese na xuntanza de xullo e que xa daquela non era novidade, foi un agoiro pouco prometedor. Pero a confirmación este xoves de que non haberá máis adianto que o estritamente "técnico" podería ser un punto de inflexión en positivo... ou non. Polo de agora, e nun momento clave, no canto de facilitar o pragmatismo e a proposta de solucións, o presidente da Xunta ofrécenos outra dose extra de retórica.

3,5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: