Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta ao Club Financiero de Vigo

16:00 06/09/2008

Distinguidos señoritos:

O seu documento sobre da lingua galega tróuxome un cheiro a novela costumbrista mesetaria ou de temática señoriteira andaluza. Xa ven que cousas ten isto da memoria. Naquelas obras todo canto sucedía nos pobos nos que se situaba a súa acción, era analizado por un grupo de individuos ociosos que se reunían no casino e alí pasaban revista a canto ocorría na vila. Esta revisión levaba consigo a sanción dos acontecementos analizados, o debate (curto) sobre os vieiros polos que a poboación debía poñer os seus pasos e, finalmente, decisión de cales serían as medidas a adoptar para que a cousa se encamiñase debidamente cara á solución que os membros do casino daban como a boa, sa e conveniente para a vila.

Como nestes casinos sempre estaban presentes os responsábeis da gobernación ─del mesmo, do casino, saíran os seus cargos nun xeito de quendas de reparto do poder que só eles comprendían e a só a eles competía─ isto faría que fosen tomadas as medidas necesarias para que a poboación reconducise a súa conduta polas boas ou polas outras.

Estas institucións, nacidas ao acubillo dos costumes caciquís do dezanove, tiveron continuidade no franquismo de xeito que funcionaban como prolongación das “cortes” da ditadura. O seu poder era tanto que chegou un momento que, en moitos pobos andaluces, apareceron outros casinos chamados “casinos dos pobres”, formados por advenedizos e que nalgúns pobos teño observado que se situaban nun edificio o máis enfronte do casino dos ricos que lles era posíbel. Pero nunca chegaban a máis ca un café-bar con billar e butacóns. Os verdadeiros eran os outros, os que tiñan poder.

Esta lembranza veume á memoria ao ler o documento que emitiron, porque tenme toda a pinta de algo saído dunha arroutada de señoritismo. Todo soa a vello, a aristocrático, a nós somos os que sabemos o que hai que facer e outras lindezas parecidas nacidas de sentirse guieiros do pobo, porque para iso naceron no berce onde naceron ou subiron á cama á que subiron.

Pois miren eu non pertenzo a ningún club nin casino, nin sequera ao dos pobres, pero, entre as moitas cousas que se me ocorre dicirlles, só quero facerlles presente unha: están vostedes mal informados sobre o presente, porque é radicalmente falso que o castelán desaparecese do ensino. E son incapaces de albiscar o futuro (véxase o que pasou con esta crise que sufrimos), porque, miren vostedes, a peregrina idea de que cada pai escolla a lingua na que os seus fillos recibirán o ensino (falso dereito que tiran vostedes do lugar de onde sacan os tahúres os ases falsos, da manga da chaqueta), serán vostedes mesmos os primeiros en rexeitar tal disparate: iso significaría dobrar todos os medios dedicados ao ensino non universitario: centros, profesorado…Isto levaría unha suba descomunal dos impostos, eses que vostedes, precisamente, son os que de máis mala pagan. E, na mesma liña de dereitos de decisión dos pais, o seguinte será o das materias de estudo (fóra latín, historia, literatura, filosofía…).

Así que déixense de trangalladas e de hipocrisías e digan claro dunha vez que a vostedes moléstalles máis o galego ca raña. Que cada vez que din defender a liberdade de uso do galego o que queren dicir é “yo no tengo nada contra el gallego, lo que no quiero es que lo hablen conmigo, con mis hijos o delante de mí. Entre ellos que hablen lo que quieran”. E esa frase é idéntica á que se utiliza fronte aos negros, aos ciganos, aos homosexuais… E iso chámanse racismo, algo moi presente naqueles casinos de pobo de tempos pasados.
De todos xeitos, e por se hai algo de sincero nas súas palabras, estou disposto a lles facer unha proposta de acordo, pero, para non estenderme máis, diso falareilles nunha próxima carta.

Atentamente,
Xabier P. DoCampo

Noticias relacionadas con este artigo:

4.78/5 (130 votos)