Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

Lingua, lingua que nos marchas

10:58 25/04/2007

Hai uns días aproveitei para xantar nunha faculdade que foi, xunto aquela na que estudei, epicentro compostelán do nacionalismo xuvenil no ensino superior e símbolo da loita pola defensa do noso idioma. Faculdade esta onde as linguas son obxecto de análise e estudo e onde coñecín, anos atrás, a sacrificados e sacrificadas militantes na loita en contra do derrubamento dos vellos muros que terman desta nosa nazón.

Ben, o reencontro non puido ser, quizaves, máis decepcionante. E acho que non ten a ver con aquilo de que a mente deforma as imaxes que retén, segundo o paso do tempo actúa no intelecto, por veces magnificando outras minguando... Este contacto co devandito centro tornouse en contacto cunha faculdade española como cualquier otra, y luego, ¿no estamos en España?. Percibín o mesmo que, tempo atrás, de visita na cafetaría de Ciencias da Información da Complutense en Madrid, onde agardaban por min uns amigos galegos; estes eran os únicos que falaban o noso idioma (algo esperável) face unha imensa maioría de españolfalantes. No caso galego a estampa coa que me atopei foi a mesma, coa diferenza de que, lembremos, en España o idioma proprio é o español e na Galiza o galego...

Nesta nosa(?) Torre de Babel mozas e mozos socializándose maioritariamente en español, cunha fonética, por certo, española (entre castiza e puzelana), rótulos e cartaces nos taboleiros no idioma cervantino, nengún resto de campaña ou reivindicación en favor do galego...e a lingua de Rosalía poderosamente minorizada. Dixen para min: será casualidade, será este un mal día para estas cousas...[que xeito de pretender enganarse]. Repetín a operación por varias ocasións e máis do mesmo. Nen Filoloxía se salva da desfeita.

Ah, iso si. Puiden comprobar como algunha reivindicación de anos atrás surtira efeito na cuestión que nos ocupa: a máquina expendedora de bonos para mercar alimentos na cafetaría desta faculdade ficaba en galego. Un grande avance este. E claro... como non ía a maquiniña ficar en galego se o galego é a lingua oficial da USC e por riba hai informes que teñen testado o aumento do prestixio do galego neste ámbito. Sería un disparate que non se atendera tal demanda; abofé.

Para alén do particular, a realidade exposta non deixa de ser reflexo dunha realidade a nível xeral. E non é só que unha outra faculdade sucumbira á tónica xeral universitaria galega, senón que a nível nacional o idioma non fica vivo, en todos e cada un dos ámbitos que compoñen a nosa realidade, de xeito normalizado e maioritario e que esta desfeita xa chegou mesmo até un dos centros referenciais da loita polo idioma desde a súa criazón.

E falamos do proceso de queda do idioma parello ao crescimento do seu prestixio. Algo semellante lle aconteceu aos fidalgos que, de inanición, aínda que cheos de prestixio, morreron como clase/segmento social. E é que de prestixio non se come, non se vive. Os idiomas, como corpos vivos, precisan de alimento e de quen os alimente e aquí non hai máis que branco ou negro, militancia (de rúa, avenida ou corredoira... non necesariamente de carné) ou desleixo (porque enon é esta unha nazón normalizada na que a xente fale porque lle peta, como dixera Celso Emilio, de xeito natural e maioritariamente no seu idioma sen presión contraria nengunha respeito o uso do idioma proprio...).

É contraditorio que a inxente perda de galegofalantes (e a raquítica incorporación de novos e novas falantes) se dea non só parello ao medre do devandito (e museístico) prestíxio, senón tamén ao crescimento organizativo do nacionalismo galego ao longo dos últimos vinte cinco anos. Un marco temporal ao longo do que temos visto como este movimento relaxou o seu corpus e acción canto a un dos piares esenciais do, digamos, ser nacional como é o idioma.

Coda
Chegados a este ponto, cómpre sermos honestos e, aínda que resulte incómodo, repararmos nos problemas da nosa sociedade praticando autocrítica (necesariamente construtiva), asumirmos a alícuota parte de responsabilidade que cada quen tiver no que atinxe á nosa realidade socio-lingüística. Neste senso sería saudável perguntarse, para alén de constatarmos unha (triste) realidade como a tratada, que é o que facemos para que a lingua avance? Que é o que facemos para que o idioma non siga a recuar? Para que sexa percibido e sentido como elemento necesario/útil para a comunicación? Para que con orgullo sexa empregado? Para que novas xerazóns lle dean futuro? Que é o que facemos (e que facermos) para que a nosa lingua non esmoreza definitivamente?

4,24/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...