Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

“Se en algo faltei pido desculpas”

18:10 15/10/2008

Con esta frase remataba hai uns anos o seu discurso o profesor de Filosofía Ramón Regueira durante o acto que os seus compañeiros lle tributaban con motivo da súa xubilación.

De entrada este exceso de modestia e humildade que encerra a frase podería ser atribuída á súa procedencia rural, recordemos que nacera nunha aldea de Rodeiro, ou á educación na mansedume e ductilidade recibida no Seminario de Lugo. Regueira é una das persoas máis cordiais que coñecín e por tanto estou seguro, e penso que el mesmo era plenamente consciente diso, de que nunca lle faltou ao respeito a ningún dos compañeiros presentes. Sen embargo parece que a prudencia lle aconsella, quizais para curarse en saúde, desculparse de antemán non polas ofensas infrinxidas a alguén senón polas que puidera ter causado inconscientemente. A citada expresión, sen ser ningunha novidade para min, pois téñoa escoitado moitas veces, fíxome reflexionar en máis dunha ocasión na procura de darlle una explicación lóxica aos motivos que puideran levar ao catedrático de Filosofía a emitila. Descarto que na súa base estivera presente esa certa actitude servil dos galegos motivada por una longa ringleira de agravios que padeceron as nosas clases populares ao longo dos séculos. Tendo en conta que estamos a falar dunha persoa cunha sólida formación académica e, sen dúbida, cun fondo coñecemento do xeito de pensar e axir das nosas xentes, intúo que quizais o filósofo o que estaba intentando transmitir naqueles intres era una actitude educada por medio dunha alocución tan propia do noso povo, e por tanto, facendo ao tempo un aceno de reivindicación da súa galeguidade popular.

Algúns anos atrás tiven outra experiencia moi distinta, mais que, non sei por que, non podo evitar poñela en relación con esta. Estaba eu internado nun hospital en Madrid e mentres me achaba na zona onde estaban emprazados os telefones do andar de cardioloxía, aloumiñaron os meus ouvidos as palabras dun ancián galego que falaba cun parente da terra sobre o dilema que lle apresentaban os médicos sobre a conveniencia ou non de ser sometido a una intervención cirúrxica, dado o risco que entrañaba a súa avanzada idade. Tamén me chamou a atención que nada máis colgar o teléfono o ancián se dirixira a min de maneira moi respeitosa, pedíndome desculpas por ter estado falando en galego polo teléfono, dado que presupuña que eu non era galego e por tanto quizais puidera non ter entendido o que dicía.

Recentemente asistimos a unha campaña lingüicida emprendida desde distintos ámbitos por grupos de sicarios do PP, que culminara e tivera a súa plasmación gráfica nun manifesto falaz que foi asinado por algúns intelectuais e personaxes coñecidos no mundo do deporte, das artes, da empresa‚Ķ, de todo o Estado, e no que, como non podía ser doutra maneira, non faltaron os nomes dalgúns galegos desleigados. Esta bárbara manifestación da actitude resentida e neofascista que encerra o españolismo máis fanático foi respostada coa propagación de manifestos que reaccionaban perante o ataque, ao meu modo de ver, dun xeito insuficientemente contundente, especialmente o que foi redactado pola Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”. O alegato en lugar de limitarse a facer a defensa do galego como único idioma de Galiza (aínda que non sexa o de todos os galegos),  pérdese un pouco en cuestións nas que subxace, en certa medida, a filosofía manifesta tras certo tipo de actitudes dos galegos como as que andaba a analizar ao comezo. Refírome a indicacións nas que coido que se albisca un certo grao de resignación en expresións como “a realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español”, “a enriquecedora realidade plurilingüe española”. Mesmo se cae na perogrullada de manifestar que a nosa lingua é lexítima e útil (“códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta”) e se transmite explicitamente unha mensaxe de tranquilidade no que atinxe ao perigo de desaparición do español: “en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado”.

Aínda que non se chega a teses como as emitidas polo PSOE no sentido da tan gabada “Galicia plurilingüe, diversa e tolerante", si que está presente unha actitude de asunción do bilingüismo e de medo a que se nos tache de inimigos do español.

En calquera caso con estas liñas non quixen nada máis que facer unha simple reflexión, posibelmente errada, coa que de ningún xeito quixera que se sentisen ofendidos os autores ou autoras dos manifestos a favor da nosa lingua (textos que eu asinei a nivel persoal e desde distintos colectivos aos que pertenzo), nin tampouco aquel ancián que coñecín en Madrid, nin, por suposto, o compañeiro Regueira. En todo caso se en algo lles faltei pido desculpas.   

4.67/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...