Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

Modelos en crise..., modelos para unha crise

18:00 24/10/2008

Europa e América propoñen modelos antagónicos para afrontar a crise financeira:

Por Francia e Italia transcorrían, case en paralelo, na pasada fin de semana, dúas magnas manifestacións que lanzaron a ducias de miles de cidadáns contra das reformas educativas en marcha, impulsadas por Sarkozy e Berlusconi.

En ámbolos dous casos, existe un substrato de insatisfacción colectiva que urxen medidas excepcionais demandadas por unha sociedade, que reclama cambios estruturais na prestación de servizos.

Pero, na vez de aumentar persoal e recursos, os modelos franco-ilatianos, optan por unha drástica redución de orzamentos e docentes. No caso italiano, o país máis endebedado de Europa,  cun recorte no gasto educativo de 8 mil millóns de euros e o cuestionamento de 120 mil postos de traballo.
Recortes en gasto social na Francia de Sarkozy, que repite o modelo para unha crise coa supresión de 40.000 docentes.

Na outra beira do Atlántico, o péndulo da historia aínda bandea cun movemento histórico contrario.

Durante as décadas dos 80 e dos 90 privatizáranse servizos esenciais como correos, sanidade ou o sistemas de pensións.

Esta semana ven de estoupar  outra proposta de xestión de servizos tirada dos modelos  neoliberais que tiveron en América Latina, o seu laboratorio de probas mundial:  as AFJP arxentinas (Administradoras de fondos de Xubilacións e Pensións).

O modelo teórico defendía que  as pensións non deben ser unha carga para o Estado. Coas achegas dos traballadores, cunha boa xestión, e cunha boa enxeñería financeira...multiplicaríanse o aportes dos traballadores, cos que poderían autopagarse as súas xubilacións.

No ano 1981, cando o xeneral Pinochet levaba no poder oito anos, Chile co asesoramento de economistas da universidade católica chilena, con postgrao da Escola de Chicago (Chicago Boys) implanta un modelo pioneiro que ten vocación de espello para toda América.
Vinte e sete anos máis tarde o goberno tivo que facer afrontar con diñeiro público unha gran reforma en xaneiro do 2008, que cubrise as pensións mínimas. Esta foi a principal promesa electoral de Michelle Bachellet.

Nos primeiros tres anos, a reforma terá un custe de 850 millóns de dólares, que o Estado inxectará sobre as administradoras para que outorguen as pensións a aqueles que non teñen dereito a pensión privada (traballadores pouco cualificados, descontinuos, informais...)  A lei contempla unha aplicación gradual que culmina o 2012, cando o  60% da poboación máis pobre poida ter acceder a estas prestacións. Nesa data haberá 1,5 millóns de persoas recibindo estas pensións.
Aínda así, non esta asegurada a viabilidade do modelo e na nova reforma prevista o goberno chileno prevé a creación dunha Administradora de pensións estatal.
Estes fondos de pensións tan ligados ao casino financeiro mundial, en crise dende setembro, perderon o 21% do seus valor en bolsa nos últimos dous meses.

Dende o estoupido da crise,  as AFJP arxentinas minguaron outro 20% do seu valor. Trinta e tres mil arxentinos xa tiñan consumidos todos os fondos  e o Estado tivera que facerse cargo da súa xubilación, a outros 180.000 hai que completarlles as pensión para que poidan chegar a unha pensión mínima.

Por unha desas ironías dos novos tempos, a nacionalización  dos fondos de pensións arxentinos ensarillados na bolsa de valores, implica que o estado arxentino pasa a posuír accións de 39 empresas privadas (construtoras, enerxéticas, distribuidoras de gas, bancos (entre eles o grupo financeiro Galicia, do que detentan entre o 15 e o 20 por cento das accións), muíños de cereais...etc

Modelos de xestión privada de servizos públicos esenciais que tamén están crebados en países como Colombia, onde a pervivencia da violencia das FARC, agacha a visibilidade doutras fracturas sociais, coma a dos sistemas de asistencia sanitaria de carácter privado que ocupan o lugar da sanidade pública.
 
Oxalá que Europa nos teñamos que agardar 14 anos como en Arxentina , ou 27 como en Chile para percibir os cáusticos efectos dos modelos de xestión privada de servizos esenciais. “Conceptualmente inadecuados e economicamente crebados”.

Se non queremos ollar doutro lado do Atlántico, podemos lembrar os efectos na vella Europa daquela Secretaria de Estado para a Educación e a Ciencia que comezou suprimindo o leite para os nenos nas escolas, e rematou por  limitar o Estado do Benestar, xa como Primeira Ministra.  Chamábase Margaret Hilda Thatcher.

4,27/5 (15 votos)



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...