Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Espazos de diálogo

16:30 12/11/2008

Entre o 17 e o 19 de outubro, nas XIV Xornadas Mar por Medio, en Ribadeo puxemos en valor a nosa actividade cultural proxectándoa cara ao exterior e facendo chegar ao mesmo tempo, desde o mundo da lusofonía, a capacidade creativa dos pobos irmáns da área lingüística galego-portuguesa. Mirabamos cara ao sur e o suroeste. E por que non ao leste!?

Por cousas da adscrición afectiva á terra, e tamén polo fragor emocional dos sentimentos encontrados por mor dunha fronteira político-administrativa, que non cultural e lingüística, en Ribadeo, ao mirar cara ao leste vemos o occidente, o Eo-Navia. E por moito que quedemos máis ao oeste non deixamos de ser A Mariña-Oriental. Esta perspectiva poliédrica configura uns vimbios heteroxéneos cos que cómpre fiar delgado. A maior abondamento, a rivalidade socio-económica entre Ribadeo e Navia (e por extensión Luarca) introducen outro matiz nada desprezábel.

Que se nos perde mirando ao leste (o Eo-Navia, pero tamén O Bierzo, As Portelas e o Val do Ellas)? Espazos de convivencia, áreas de influencia mutua, posibilidades de desenvolvemento, pontes. Tal e como no seu momento afrontamos o debate do achegamento ao mundo luso-brasileiro (se ben é certo que non predominou a tese lusista) por que non imos poder abordar con seriedade, rigor e respecto mutuo a posibilidade de achegamento e colaboración coas áreas galegófonas non pertencentes á Galiza administrativa?

O paciente, discreto e persistente traballo das asociacións culturais de base está a dar os seus froitos no Bierzo e nas Portelas. Tamén no Val do Ellas hai pontes de colaboración establecidas coas institucións estremeñas. Non podemos dicir o mesmo do Eo-Navia: a colaboración institucional está baixo mínimos. Unha política empresarial encamiñada a marcar ferozmente o territorio fronte á competencia do lado galego da ría, nomeadamente Ribadeo, levou por diante a cuestión da lingua integrándoa nunha estratexia empresarial remisa a calquera achegamento (agás o dunha bucólica e decimonónica Galiza-Lugo ben identificada coas esencias do caciquismo provinciano fronte a unha dinámica e emprendedora Asturies).

Houbo momentos especialmente intensos nesta campaña informativa. Calquera feito era magnificado e, por extensión, convertido en ariete contra... contra o que non se puxer do seu lado.. Carlos Xesús Varela Aenlle non pode ser membro da RAG polo Eo-Navia: é un acto imperial por parte do BNG=nacionalismo= radical=extrema esquerda rupturista, separatista e antisistema. [Todo medo que se poida meter é pouco!] Pero A ALLA si pode ter membros de León ou Miranda do Douro, porque son boa xente e nada malo queren facer. Curiosamente, desde León houbo queixas pola actitude da Alla á hora de pretender impartir a normativa asturiana en territorio leonés. Cando o BNG fixo a súa proposta de Estatuto cunha disposición final referíndose á posibilidade de que aqueles concellos limítrofes achegados á Galiza lingüística, xeográfica e culturalmente puideran integrarse na mesma, pero sempre que o decidiran democraticamente e segundo marcara a lei, semellaba a proba definitiva dos plans expansionistas do nacionalismo-imperialismo galego. Iso si: os estatutos de Asturies e Castela-León fan referencia á posibilidade de modificar os límites do seu territorio e non pasa nada. Os que son bos por natureza e por definición poden facer o que queiran, que nunca van espertar ningún receo. O da proposta do cambio horario serviu para moito choteo, pero pouco máis. Co da ría de Ribadeo meteron ben o zoco; sen maior importancia, agás os infortunios do señor Touriño.

Con todos estes temas mantívose acesa a chama da polémica de xeito máis ou menos intermitente. No asociacionismo de base do Eo-Navia tamén se produciron momentos de tensión, pois os sentimentos eran encontrados. A máxima “son asturiano e falo galego” cambaleaba por carreiros espiñentos que dificultaban o proceso de recuperación, dignificación e desenvolvemento da lingua propia. Tamén, ás veces, desde o lado galego faltounos algo de sensibilidade para tratar o tema.

Mais as polémicas artificiais apáganse elas soas. E pouco a pouco a xente realmente preocupada polo desenvolvemento da súa lingua vai vendo que mellor que terzar nelas é ir construíndo espazos de encontro, de diálogo. É máis importante sacar adiante un novo libro de contos, un artigo sobre a etnografía, a economía, ou calquera outro aspecto da comarca, un poemario ou unha novela, recuperar as tradicións, que mergullarse de novo en disputas ao servizo de estratexias empresariais non centradas na zona.

Nese sentido, desde Galiza podemos aportar o noso grao de area. Se dicimos sentilos como irmáns de lingua por que non imos facer o esforzo, dentro das nosas posibilidades, de dar a coñecer os autores e autoras do Eo-Navia, os seus grupos musicais, de teatro, etc? Por que non ofrecerlles a posibilidade de ir pouco a pouco integrándose nas redes culturais galegas, sen menoscabo da súa adscrición ao mundo asturiano? (*) Pensar que isto é unha lea entre tres ou catro do Bloque (facendo caso á campaña de intoxicación de certos medios) é tirar pedras contra o noso tellado (de todos). Se baixaran as audiencias da RTVG, Vieiros, Xornal.com, LVG, El Progreso-A Mariña, etc., por mor desta campaña de desprestixio cara a todo o que soe a galego afectaríanos a todos. Conseguirmos que se recupere a cordura neste tema é fundamental.

Pero o máis importante é o proceso de dignificación da lingua propia no Eo-Navia. Queda moito por facer. Se imos construíndo entre todos eses espazos de diálogo, eses puntos de encontro, avanzaremos, por amodo que vaiamos. Despois de termos estado en Ribadeo nas Xornadas Mar por Medio, e esta fin de semana na IV Escola Fermín Penzol, creo que se fai necesario levar á práctica aquilo de que a nosa actividade cultural pode ser xeradora de riqueza, por moi modestas que poidan ser as apostas que fagamos. Hai cativos detalles que comezan a alumar ao fondo do túnel. Por exemplo: Aurora García Rivas vai ser traducida ao portugués. E cos seus libros, mundo adiante, vai ir o espírito do Eo-Navia. Parabens!
(*) Aplíquese isto tamén ao Bierzo, As Portelas e o Val do Ellas.

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...