Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Cristo que, ho?!

09:50 01/12/2008

Conseguir que os símbolos relixiosos foran desaparecendo dos centros educativos non foi labor doado. Sempre había algún que outro detalle que espertaba grandes receos por parte dos totems, cadeirádegos, vacas sagradas, pata negra (e reminiscente camisa azul) dos institutos e colexios.

Desde a capela como lugar sagrado, intocábel, inviolábel, etc., ata os crucifixos nas aulas, salas de profesores e salóns de actos, todo un universo iconográfico semellaba quedar por riba do ben e do mal; e o que é peor, por riba da transición política cara a un sistema político aconfesional. Vaia coa que se armou no IES Alfredo Brañas cando, querendo facer unha reforma na cafetaría se facía preciso afectar unha parte da sancristía da capela do centro! “Isto é unha manobra encuberta para facer desaparecer a capela do instituto!” Tamén no IES Marqués de Casariego houbo que botar man dunhas reformas no salón de actos para retirar un retablo cun enorme crucifixo no centro. E tantos exemplos máis! De todos é sabida a produtividade neste tema das reformas, necesarias por outra banda, levadas a cabo tanto na vía pública (probe (?) burro montado a cabalo!) como en edificios públicos.

En sentenza emitida polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Valladolid, e por recurso dun grupo de pais defensores dun ensino laico, obrígase a un colexio a retirar os crucifixos das súas aulas. Dito xulgado considera que a presenza de calquera símbolo relixioso, nomeadamente o crucifixo, vai contra o espírito da Constitución, que define ao estado español como aconfesional. Ademais, xa o Tribunal Constitucional sentou doutrina acerca da laicidade e neutralidade do Estado. Nun campo tan sensíbel como o da educación, débese velar polo respecto ás distintas confesións relixiosas, así como polo non seguimento de ningunha delas. Acostumados como estabamos ata hai ben pouco a ter escasa presenza de poboación inmigrante e de distintas relixións, parecía como normal contemplar o crucifixo e que, en todo caso, pasaran por rariños os non seguidores desa crenza (ou sexa, os non crentes ou os estranxeiros, pois non lles cabían na cabeza “nacionais” non católicos).

Semellaba que o debate quedaba lonxe. Que as distintas reformas foran deixando no caixón dos trastes a vella simboloxía relixiosa. Pero non. Nestes momentos en que a dereita non apoucada se manifesta abertamente cara aos demais reafirmándose nos seus principios ben conservadores, agora é a quenda da iconografía cristián. Tal e como puidemos comprobar que o principal problema da cidadanía era a brutal e atroz persecución do castelán polos imperiais idiomas galego, euskera e catalán, agora son esas hostes de pérfidos ateos cristofóbicos os que poñen ao país en xaque querendo borrar os sinais de identidade dunha civilización milenaria. Xa sentou doutrina a xerarquía eclesiástica española despois da XCII Conferencia Episcopal Española: hai que defender o crucifixo como elemento base da nosa (enténdase que deles) cultura. Por suposto, como non podía ser menos, o PP xa se apuntou ao carro. A ninguén molesta un símbolo tan entrañábel. Farán deste tema outro dos eixos da vindeira campaña electoral? O goberno, pola súa banda, de novo xoga ao gato e o rato: que cada consello escolar decida. Cren vostedes que un aspecto tan básico recollido pola Constitución de 1979 como é a aconfesionalidade do Estado pode ser sometido ao criterio de cada Consello Escolar?

4.44/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...