Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

A loita pola cidadanía

11:10 15/12/2008

A mediados do século XIX, tras a derrota das revolucións democráticas europeas do 48, é por primeira vez cando se formula unha loita de carácter internacional pola xustiza social e contra a pobreza e marxinación de amplas capas da poboación, arredor da creación da AIT (1863-1873).

Algo máis dun século despois, un novo movemento internacional sitúa con forza elementos antisistema e é capaz de mobilizar a miles de persoas no mundo.

Moitas son as diferenzas e tamén moitas as semellanzas entre os devanditos movementos.

En todo caso, trátase dunha longa loita pola xustiza social, pero, máis aló, unha loita pola cidadanía, que entronca cos grandes ideais emancipatorios da Revolución Francesa de 1789 (liberte, egalite, fraternite) que aínda hoxe seguen vixentes e, en moitas situacións xeográficas ou espazos sociais, pendentes.

O Foro de Porto Alegre ten moito que ver coa 1ª Internacional nos elementos estratéxicos que sitúa enriba da mesa: a loita contra a exclusión (democracia), a loita contra a explotación –o ser humano non é unha mercadoría– (xustiza social), a loita por un contorno habitable (ecoloxismo) e a loita contra a alienación –libre albedrío– (humanismo). Os dous sitúan a utopía como motor de cambio e os dous formúlannos que “outro mundo é posible”.

O Foro de Porto Alegre entronca coas dinámicas máis ilusionantes e refrescantes dos primeiros anos da 1ª internacional: o papel central dos movementos sociais –daquela sindicatos, hoxe organizacións cidadás–, a pluralidade de ideas –o antidogmatismo– e a capacidade de integración e a apertura –o antisectarismo–.

A evolución posterior –tras a derrota da Comuna de París (marzo-maio de 1871) e as conclusións que delas saca o movemento obreiro –e a dinámica histórica do último século– teñen avanzado por modelos e contramodelos nos que o desenvolvismo económico se instalaba fronte á autosostibilidade, no que se priorizaban as estruturas de poder en lugar dos espazos de participación da sociedade civil, nos que aumentaba o peso dos partidos fronte ás organizacións sociais, o fortalecemento dos estados fronte á nación –na súa interpretación laica de 1789–, a visión eurocentrista e occidentalista fronte a unha visión multipolar, etc.

Se a 1ª internacional se puña en marcha tras a crise profunda do modelo bonapartista que pechaba –en falso– e sen dar resposta aos grandes ideais emancipadores, á vez que se expandía ao conxunto de Europa, o Foro de Porto Alegre ábrese como consecuencia da crise que para os ideais emancipadores supón a caída do muro de Berlín e a crise do modelo staliniano no que desembocou a revolución soviética.

Pero non debemos perder de vista os anos sesenta do século pasado, pois nalgúns dos seus elementos alternativos está o pouso da maioría dos ideais que hoxe configuran o movemento antiglobalización no seu conxunto. O coñecido como movemento do 68, ao igual que o foran as revolucións do 48 do século anterior en Europa, non eran nin máis nin menos que profundas emendas democráticas da cidadanía.

Trátase da rebelión democrática da sociedade civil contra o anquilosamento democrático nos países do norte capitalista, contra a burocracia e a represión nos países “socialistas” e contra as limitacións, degradación e burocratización que impoñen os novos dirixentes na periferia. Taratábase dunha contestación cívica no que se atopa moito pouso do que posteriormente deu lugar ao movemento antiglobalización en canto a ideais:

  • A posta en cuestión do proletariado como único suxeito revolucionario
  • A crítica antiautoritaria ás estruturas burocráticas, monolíticas e xerarquizadas de partidos en particular e do poder en xeral.
  • A creba coa tradición revolucionaria moderna dirixista –leninista–.
  • A recuperación da nación –cidadáns/ás– fronte ao estado –poder–.
  • O rexeitamento á alienación e miseria da vida cotiá nas sociedades opulentas
  • A irrupción do cuestionamento aberto das relacións de xénero e o dominio patriarcal.
  • O dominio do capital sobre a natureza.
  • O pacifismo. A mobilización e a desobediencia civil como elementos de resposta cívica.
  • A reivindicación da utopía.

E tamén en canto a elementos de vertebración alternativa –movemento dos non aliñados (Bandung, 1955), comercio xusto (UNTAD, 1664), vertebración das organizacións campesiñas no Sur, primeiros movementos indixenistas, auxe do movemento das ONGD, iniciativas de economía social alternativa (cooperativismo, banca ética, radios libres...), rede en Europa de movemento okupas, primeiras prácticas de agricultura ecolóxica...

MOVEMENTO ANTIGLOBALIZACIÓN

A caída do muro de Berlín e o esfarelamento do bloque do leste, xunto coa incorporación de China ao modelo neoliberal tras a represión da Praza de Tiananmen (1989) teñen achanzado o terreno para que xurda a inicios dos noventa o capitalismo global.

Son os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo as que se teñen oposto á globalización neoliberal.

Un primeiro paso foi poñer en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. A raíz dos chamamentos que no verán do 96 fai o EZLN para convocar un encontro Intergaláctico contra o neoliberalismo e pola Humanidade xorde en Xenebra (1998) a chamada Acción Global dos Pobos (AGP) contra o “libre comercio”. Constituíndose así a primeira coordinadora estable contra a globalización económica e o neoliberalismo.

Pero esta coordinación non pasa de ser unha coordinación de protesta, converténdose case nunha moderna ruta de peregrinación polos novos lugares “sagrados”, sen propostas alternativas concretas e cun crecente desprestixio froito da actuación violenta de minorías participantes.

Así xorde como xorde o Foro Social Mundial (2001) , como foro alternativo ao de Dávos que reúne anualmente a máis de 2.000 proclamados líderes mundiais, dirixentes políticos e un milleiro de presidentes de corporacións transnacionais e institucións financeiras.

Co lema “outro mundo é posible”, xorde un foro tan antisistema como o movemento da AGP, pero coa diferenza da busca de propostas que, sen perder o seu carácter anticapitalista ou antidesenvolvista, formule modificacións do status quo que permitan non só mellorar as condicións de vida das persoas senón tamén acumular forzas para unha transformación radical do noso mundo.

A dinámica dos foros sociais nestes anos ten sido positiva en canto a reagrupamento de ideas e vontades, en canto a intercambio de experiencias e en canto a formular, aínda que fose no teórico, a posibilidade de que o cambio de sistema é posible.

O ALTERMUNDISMO NA ETAPA DA CRISE GLOBAL

Pero as cousas teñen cambiado moito nestes case oito anos. Asistimos á primeira crise da globalización con dificuldades obxectivas para a súa superación. Ata o de agora as crises eran de sobreprodución e o sistema capitalista resolvíaas destruíndo forzas produtivas, ben fora por guerras ou por reconversións, pero agora non hai forzas produtivas que destruír pois asistimos a unha burbulla financeira inflada artificialmente por movementos especulativos.

Así, sen perder os seus principios fundacionais, e salvagardando por riba de todos o seu carácter plural, o movemento altermundista debe afondar en liñas estratéxicas de cambio e tamén nas liñas programáticas para que este se produza, tendo presente que os dous elementos clave para construír calquera alternativa sempre son: programa e política de alianzas.

Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o desenvolvemento económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Trátase de elaborar políticas globais de concreción local e políticas locais globalizadoras. E sobre todo deben ser propostas de cambio de sistema concretas que non poidan ser asimiladas polo sistema.

Unha estratexia clara ao servizo do cal estea unha táctica precisa e non ao revés. O “principismo” ten sido paralizante para os movementos sociais e as súas dinámicas de cambio, pero ten sido aínda peor o tacticismo, sobre todo nun momento en que os partidos renuncian á política, aséntanse na xestión e sitúan aos movementos sociais como correas de transmisión ao servizo dunha táctica electoral conxuntural.

É necesario poñer a estratexia por diante da táctica, reinventar a folla de ruta da transformación social e, sobre todo, poñer aos partidos de reforma do sistema (socialdemócratas e/ou nacionalistas progresistas) ao servizo dos movementos sociais para trazar unha aposta de cambio. Non podemos permeternos o luxo de estar avaliando o cumprimento ou non dos compromisos eleitorais das forzas de “reforma” namentras non adicamos o esforzo a elaborar as estratexias para o cambio estructural.

Un dos grandes logros do sistema á parte de socializar a estupidez e xerar a idea de que non hai cambio posible, é a fragmentación de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de cambio.

Non é posible abordar a loita contra as desigualdades norte-sur sen abordar os límites de crecemento (ecoloxismo); abordar a loita por un comercio xusto norte-sur sen abordar a soberanía alimentaria (Vía Campesiña); abordar o cambio do modelo produtivo sen atender as demandas das vítimas da deslocalización (feminismo); traballar procesos de integración sen abordar os dereitos dos inmigrantes…

Outra cuestión chave é a política de alianzas. É necesario ver a relación dos movementos sociais co poder. Ponderar a relación cos partidos políticos que renunciaron á política e politizar a acción social.

Algunhas das chaves deste liña de traballo son:

-Formularnos construír contrapoderes paralelos, imprescindibles en calquera proceso transformador. Nese senso, o traballo coas institucións transfórmase en incidencia directa e sen posibilidade de absorción.

-Políticas de alianza coa sociedade civil, entendendo que a maioría social nunha sociedade desestruturada como na que vivimos está sen organizar.

-Política de alianzas coas forzas políticas “de reforma” pero tendo como eixo que son elas as que están ao servizo da nosa estratexia (entender os partidos como meros elementos tácticos).

-Reorientar, na mesma liña, o concepto de incidencia institucional, partindo de que calquera das campañas de presión colectivas ten unha incidencia relativa na medida en que existen contrapresións mediáticas e de empresas máis poderosas. Reinventar a acción non violenta, a desobediencia civil e a insumión ás políticas perxudiciais

Estamos inmersos nunha crise global sen precedentes. Na nosa man está buscar os mecanismos para que ela non sirva para fortalecer políticas económicas desiguais e inxustas. Mentres os líderes mundiais pretenden refundar o capitalismo, o movemento antiglobalización, reunido a finais de xaneiro en Belém de Pará, debe abordar o calendario e os instrumentos para converter o 2009 nun ano de acción global contra o capitalismo con resultados efectivos e non só efectistas.

Aínda estamos a tempo de mudar as cousas e salvar o planeta. O infarto financeiro do sistema adiantouse ao infarto ecolóxico. Por agora estamos a salvo, pero non debemos esquecer que o capitalismo global non só é un sistema homicida senón tamén suicida.

Foro Social Galego en Belém: Paradoxalmente, como case sempre, houbo que esperar a finais de 2008 para celebrar o I Foro Social Galego. Isto pode ser entendido como que os galegos chegamos tarde aos novos tempos ou, e prefiro pensar isto, que chegamos despois dun proceso de madurez, incorporámonos con máis forza e ademais facémolo no momento máis interesante.

Os máis de 80 colectivos adheridos e os varios centenares de persoas que seguiron os diversos debates que se celebraron na cita do 6,7 e 8 de decembro en Compostela amosan unha importante madurez do movemento asociativo altermundista galego.

Galicia estará presente no Foro Social Mundial pero non só o fará para presentar as súas reivindicacións identitarias senón, e isto debe ser o inicio dun novo xeito de entender o carácter nacional, achegando iniciativas e elaboracións intelectuais desde o ámbito local para o necesario cambio global.

4.58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...