Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fermín Paz

Conversas con Ksiusha

12:45 13/12/2008

Hai poucos dias voltei falar con “Ksiusha”, cerca de Budapest. Sabendo que íamos coincidir nas mesmas datas en Hungria, chameina de contado, non só por mirala, senón pois ficara pendente algun choio da conversa anterior.

Logo de falarmos das nosas cousas, quedamos que ao dia seguinte pasariame recoller para visitar o palacio real de Godollö. Díxome que era o lugar axeitado para seguir a falar dos asuntos tratados en Compostela.

Dende que chegamos recreouse no ambiente coas suas explicacións. O complexo do palacio fora a residencia de verán para a Reina do Emperador Fracis Joseph Elisabeth, entre 1867-1916 e para o Gobernador Miklós Horthy Berween entre 1920-1944.

O palacio que estamos vendo, dixo, podes ver que é de estilo barroco, é o mais grande na Hungría e o segundo despois de Versalles, con moi boas historias nas suas interioridades e cunha arquitectura única. A sua construción foi ordeada por Antal Grassalkovich, un dos nobres do século XVIII e o axente confidencial da Emperatriz María Teresa.

Así era a maneira de vivir da nobleza, díxome Ksiusha. Agora ademais de vivir ben, tamén pensaban en como termar dos que facian posíbel que eles, a nobreza, disfrutaran de todo isto. Pero son nas interioridades deste palacio e doutros polo mundo adiante, onde se desenvolveron as historias das que non se recollen nas guías, nin nos libros, pero a dicir verdade, son as que condicionaron e aínda teñen pegada na vida actual dos homes e mulleres.

Podes imaxinar (entrando de cheo nos nosos temas pendentes)- interrogoume- que a representatividade democrática actual é produto dunha dialéctica que escomeza co rexeitamento da asemblea coma forma de goberno? Iso si, antes de nada, concretouse quen podia gobernar. Mais adiante a élite lexitimada polo pobo para gobernar precisou da estabilidade, así foi, mentras non superou os límites do consentimento outorgado. Así o fixeron as primeiras monarquías electivas xermánicas que logo foron mutando, a través da alianza co altar, dando paso ás monarquias de orixe divino e con sucesión herdaria, e neste palacio que rematamos de visitar, sucederon moitas das intrigas das monarquias europeas daquela época. De aí o meu interese por traerte a Godollö, moita da vida ou dos condicionantes dela, igual que no teatro, cócense entre bambalinas. Queria que visitaras un lugar importante, onde uns actores principais da traxi-comedia de Europa, sentaron os seus reais.

A miña amiga xa puxera a directa e non contenta con pór de manifesto as entreteas dunha forma de goberno, pasou a páxina da historia e díxome, pero o proceso dialéctico non parou, senón que cando a burguesia toma o poder, impón a representación delegada, logo de negar o dereito divino e da bragueta, o que deu paso á elección dos e das gobernantes e representantes. Pero tamén a burguesia precisou “trampear” os mecanismos electorais para que só eles poideran acadar o status representativo-gubernativo, impoñendo o sufraxio mediante censo, logo xa tí e eu sabemos, dixo Ksiusha, o seguinte paso, a circunscripción eleitoral, as listas, etc… Na seguinte volta da roda da historia, en Europa foi tomando corpo e espazo, o mandato imperativo, polo cal, un reprentante só podia moverse dentro dos límites do programa votado, e para derrubar iste atranco foi eliminado para chegar até hoxe, onde con pequenas variacións, conformouse un corpus xurídico de autonomia para o representante protexido polo principio de inviolabilidade até o remate do mandato, cunha sanción máxima a nivel eleitoral pola banda dos e das representadas de “non voltar a votar , ou facelo doutro xeito”, se a organización ou partido político non resposta ás expectativas ou incumpre as suas promesas ou programa.

Proseguimos a nosa visita polo corredor brillante en branco e ouro, espazos interiores luxosamente pintados, o baño vermello de mármore e o invernadoiro; mais adiante a escola hípica, o teatro barroco e o grande parque. Chegados aquí, dixo ela, non deixan de ser unha curiosidade evolutiva, as monarquias parlamentares pois mais que unha volta son unha reviravolta da historia, case unha antíteses de todo o proceso, aínda que o caso español, iso si que é “muiñada”.

É dicir, díxenlle a Ksiusha decatándome da “xogada”, sempre houbo unha necesidade dende o goberno e a representación, de que o control colectivo fora o mínimo posíbel e pola contra, foran eles os que exerceran o control do colectivo. A política actual, tanto na sua vertente interna coma externa (democracia interna-democracia representativa), ten amosado que canta mais delegación, mais desviación. Asentiume cun xesto de complicidade, pero tamén aproveitou para sentenzar, hai que ser iluso para sorprenderse do que está a acontecer; democracia si pero vai sendo tempo que sexa de verdade, o goberno do pobo e para o pobo, e ti máis eu sabemos que ninguen regala nada.Calei, e camiñando fomos enfiando a saida, ainda que non me faltaron ganas de berrar o ei carballeira!! en Godollö.

Xa de volta, seguimos conversando doutro asunto (a lectura recomendada do libro de Michéa), pero por hoxe abonda, os seus comentarios quedarán se vos parece para outro dia.

3.96/5 (27 votos)



Fermín Paz Lamigueiro naceu nas Pontes en 1951. Militante de Movemento pola Base é secretario xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía –Sos Futuro”. »



Anteriores...