Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Facendo balance (2): ansias contidas.

19:10 07/01/2009

E logo, dito o dito hai uns días, semella que todo é coser e cantar para Quin & cía? Das miñas clases de Latín venme ao acordo unha máxima á que lle teño moito aprecio: «omnia labor vincit improbus». Outra cousa é o tempo que leve e o desgaste que implique.

Aínda que a rodaxe institucional (concellos, universidades, deputacións) era considerábel, nunca chegara o BNG a tales cotas de poder. Alí onde a formación técnica foi acompañada de bos cadros municipais (os que mellor coñecen o día a día das nosas vilas e cidades e mesmo a enleada idiosincrasia da vida dos nosos concellos) houbo éxito. Non podo evitar lembrar o kantiano «intuicións sen conceptos son cegas; conceptos sen intuicións son baleiros». Como é posíbel que “A cultura circula” instale unha carpa en Villaselán (sic), Ribadeo? Por moi rechamante que resulte, non se pode gratificar con 120 € (por merecidos que sexan) uns monitores de tempo libre, mais si mercarlles, por dita cantidade, material para esa actividade. Cousas do procedemento administrativo.

Por outra banda, a realidade non é unha célula que se reúne constantemente para debater que facer. A xestión impón ritmos executivos. A liña política por suposto que se ten que tratar no seo dos órganos pertinentes, pero non se pode reproducir dito debate, como se dunha mitose se tratara, en todo o organigrama institucional.

Todo parto é difícil, mesmo ás veces traumático. O do goberno bipartito traía consigo unha tara ben importante. Burro grande ande ou non ande, ao señor Fraga non se lle podía ocorrer outra cousa. «Mausoleo de Fraga», fartabámonos de dicir. Máis ben semellaba o nicho político do go...; non, do seu piar nacionalista. Non é xusto que a señora Bugallo teña que asumir toda a responsabilidade por tirar cara a adiante cun proxecto mastodóntico. Éo de toda a organización que asume un pacto de goberno e de todo o goberno, todo, por levalo adiante. Pero a vida é así, e queixarse diso a estas alturas non ten sentido e carece de toda lóxica.

Conseguir amosar os logros dunha política de promoción e desenvolvemento da nosa cultura nunca visto ata o de agora é fundamental para o BNG a fin de evitar que as xentes da cultura se desanimen e opten ben por outras vías (FPG, EU, etc.), ou por unha abstención por descontento inducido ata a saciedade (quizá a máis perigosa). O mesmo cabe dicir no eido deportivo. Por moito que se explotara o caso dalgún deportista de elite, cada vez que se facía referencia a el, reforzábase o papel da consellaría cara aos demais deportistas de base.

As xestións de Medio Rural e Industria, con seren excelentes, non están exentas de perigo. A resposta sindical ás novas políticas de contratación de persoal para prevención de incendios e outras actividades relacionadas co sector agro-forestal comportan descontentos, mais sempre sectoriais e parciais. Da mellora da eficiencia deses novos modelos de contratación e da súa percepción no mundo do rural vai depender que non se vexan truncadas as expectativas electorais neste sector. Con todo, o grave problema é o do leite. Semellaba próxima a solución, mais esta antóllase moi complexa. Sobre todo, mentres non se constitúa un grupo lácteo galego. Tamén, mentres algúns non deixen de amolar. O Banco de Terras dou máis alegrías. Incluídas as dos patéticos razoamentos apelando á expropiación (que veñen os roxos quitarche o monte!).

A estrela da coroa, o concurso eólico, está a situar ao BNG no centro da escena política. A súa transcendencia é tal que hai quen se ve máis preocupado por falar agora do tema o que calou durante anos e anos con adxudicacións totalmente opacas. Digan o que digan, será un dos máis grandes logros do bipartito. Pero todo o mundo ten claro que é unha aposta do BNG, pois ata o señor Touriño chegou a valorar con certo desdén este labor dun conselleiro do seu gabinete. Co acontecido na semana de Nadal deuse unha grande lección de valentía e saber facer políticos.

E que dicir dos bailes do señor Quintana? Aí foi onde máis se viu canto doía cada peza que lle botaba. Máis que de análise política, tratábase de encirrar porque si. Se acaso, o que conseguían era reforzar a súa imaxe de persoa achegada e afábel. Agora ben, os xestos, que son importantes, esvaécense se despois a realidade non aporta datos. Como se retarden moito as axudas pola dependencia, entón o problema será serio. Con todo, o camiño avanzado sempre xogará a favor de Anxo Quintana. Ata nisto lle ten botado unha man o goberno central coa súa actitude amarrada. Cada vez que o BNG lle arrincaba un compromiso tras un proceso negociador nas Cortes Xerais, o papel dos nacionalistas víase reforzado. Tamén, cando Rajoy lle preguntaba a Zapatero polas supostas hipotecas contraídas, entre outros, cos nacionalistas galegos.

Velaí algunhas das potencialidades do BNG de cara a estas eleccións. Tamén algúns dos seus riscos. As perspectiva son boas. Pero a esta organización política nunca nada lle foi doado.

4.05/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...