Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Para termos un país normal o cambio non pode ser "tranquilo"

11:15 16/01/2009

Acórdome ben daqueles días de xuño de 2005, co país lambendo case o verán. Recordo a Touriño pedindo o voto para "a renovación" de Galiza e explicando o que para el era o cambio: "Consiste en darlle a este país un goberno que o impulse e non o deteña", dicía o daquela candidato. "Votade polo cambio", insistía. E acórdame Quintana, analizando que o cambio galego "terá máis forza canta máis xente teña detrás".

Lembro tamén o esmorecente Fraga advertíndolle ao "sabio pobo" que Galiza non precisaba cambio porque o país xa o cambiara "o PP" durante 16 fraguianos exercicios. E teño na memoria a Rajoy apurando para pechar un mitin porque tiña que coller un avión para ir a Madrid a unha manifestación contra os dereitos dos homosexuais: "Galiza xa está cos mellores", teimaba.

E acórdanse vostedes, días despois da cita coas urnas, da vertixe daquel martes de reconto de sacas dos residentes ausentes na xunta electoral de Pontevedra? Quilombo electoral: o desputado voto do Sr. Diáspora, titulaban en vídeo-denuncia os da plataforma Arredemo. Aquel día e de madrugada decidiuse se había cambio ou non, peneirando votos válidos e inválidos, ao tempo que a televisión pública do país emitía un serodio filme daquela detective septuaxenaria: "Escribiuse un Crime". Xeitosa alegoría do cambio posíbel: confeso que pensei naqueles días que, cando menos nese eido, a actuación sería exemplar: reforma da lexislación sobre medios públicos e garantías de limpeza no voto da emigración. Na velocidade a pé de redacción aquel ano a min iso parecíamelles o mínimo. A partir de aí veríamos cambios máis ambiciosos...

E veu o "cambio tranquilo"
A sorpresa veu cando apenas quentados os tronos do poder, o aguerrido discurso da transformación virou, en palabras do novo presidente, na chamada a un "cambio tranquilo". E o socio concedeu a redución de expectativas coa escusa de que o cambio "leva tempo". Inxenua petición a dos novos líderes. Querer poñerlle buceira ao berro libre de tantos compromisos pendentes, fechar unha inercia de ilusión e esperanzas alimentada durante tantos anos? A sociedade do país non navegara tantos trebóns para que agora viñesen pedirlle paciencia.

Por iso nesta altura, o máis interesado en cambios rápidos foi o partido de Feijoo. Se queren cambio tranquilo, eis o verdadeiro. Promesa de renovación profunda nas listas, nova linguaxe e novas formas, e ideas claras enriba da mesa, estéase ou non de acordo con elas. Porque o cambio do PPdeG inclúe por exemplo a desacougante derrogación dalgunhas das leis máis ambiciosas e loábeis do actual Goberno, apostando por desrregulacións gratis para o ladrillo ou eliminación do decreto sobre o galego no ensino. Velaí un cambio que non só é tranquilo, tamén é sincero.

Outra oportunidade para "cambiar" o cambio
Co PP gañando forza neste treito final e co ruxerruxe das sondaxes apuntando perigo crecente para o pacto parlamentario actual, os promotores do ciclo de cambio prometido afirmarán precisar o esforzo doutros catro anos. Pedirán ver o vaso medio cheo e aparcar decepcións concretas para peneirar éxitos evidentes. Pero toparán cunha Galiza ben diferente á de hai catro anos. Un país que se cadra xa non cederá a confianza a cegas e que esixirá a renuncia a retóricas calculadoras e a ofrecementos difusos. Porque son necesarias novas ambicións, propostas moi concretas, itinerarios ben definidos. A ansia do cambio xa non é abondo para gañar o apoio se non hai o aval dun plan detallado e sincero. Apelar á ameaza dunha frustración colectiva no caso dun cambius interruptus é un argumento conmovedora e dramaticamente pobre á porta doutras eleccións.

O futuro conséguese con ambición, ilusión e sobre todo ideas. Sen complexos e soltando o lastre dos prexuízos. Pensando o mundo desde aquí. Un país normal non é o que deixa cambios para mañá se os pode facer hoxe. Un país normal non é o que non se arrisca, o que couta liberdades, ou o que se deixa prender dos complexos e temores. O "país normal" non queda no pasado: está no futuro. Facelo abrollar máis rápido e firme require de esforzo, desexo e ambición. Eu, particularmente, non lles quero un cambio tranquilo. Quero un cambio profundo. Quero un país normal.

4,8/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: