Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Facendo balance (3): a maioría absoluta menos un

12:22 28/01/2009

Cada vez que o PP emprega o argumento da «maioría absoluta menos un» fica espido ante a sociedade non sei se de xeito dramático ou choqueiro. Insinuar fraude político argüíndo que gobernan os perdedores e os gañadores están na oposición é absurdo e infantil. Dicir que 13 poden máis ca 37 é deixar en ben mal lugar a eses 37 e esquecer os outros 25 que, con 13, fan 38, 1 máis ca 37. Pura matemática.

Cada vez que nun debate agromaba esta pueril falacia daba vergoña allea. Pero non só iso. Na mesma discusión os voceiros do PP eran quen de dicir A e, pouco despois considerar mellor B, só porque no caneo inmediato podían destacar diferenzas (claras ou de matiz) entre os socios de goberno. Como regra xeral o PP estivo máis pendente de meter o dedo no ollo do bipartito que de ofrecer alternativas propias.

Na cuestión do voto emigrante as sensacións son encontradas. O cinismo descarado do PP é insoportábel. O oportunismo do PSdeG mirando cara a outro lado e finxindo que non vai con eles, meus probes!, é patético. E o querer e non poder do BNG, que por mor do seu pactismo ten que asistir impotente a unha traxicomedia con aires de sainete, desmoralizador. Alá cada quen cos seus feitos e/ou indiferenzas. De seguro que algún sagaz columnista acabará responsabilizando aos nacionalistas por non teren conseguido antes o voto en furna.

Para tomar posicións neste tema, e en xeral ante un hipotético resultado, o señor FeijÓO9 anda a argallar un novo concepto político: o de vencedor na noite electoral en Galiza, pero perdedor días despois co voto emigrante. Semella imaxinar moi ben o que se podería facer con dito voto. Experiencia propia? Pero non é iso o máis grave de tal afirmación. De novo se pon, e se supón, o PP como perdedor en última instancia e busca xustificacións de cara á galería. Aínda non se mancaron e xa andan a voltas coas vendas e o esparadrapo. Que discurso tan pouco construtivo, tan perdedor e de tan pouco empuxe para comezar unha precampaña.

Despois de 16 anos de goberno resultou moi difícil facer oposición, máis aínda sen ter conseguido renovar substancialmente o grupo parlamentar. Por certo, parouse alguén a imaxinar en que situación política e institucional nos atopariamos con Fraga de presidente? O da esclerose do goberno Albor sería cousa de afeccionados. Pois os mesmos que hai catro anos defendían a valía de Fraga para toda a lexislatura (xornalistas tamén de por medio) pouco van poder soster agora unha suposta renovación do PP. Non é de estrañar que se acuda ao FeijÓO9, que soa a outro mundo, de pelííícula!, e non á vida real (agás no caso madrileño, que alí de espías seica saben moito).
En tempos de necesidade non é moi acertada esa posta en escena. Despois de ter baseado a súa imaxe no “patrón”, despois de ter percorrido mil e un carreiros co “galego/paisano coma ti” vir agora cunha campaña de corte tan mediático, urbanita, de película e (aparentemente) xuvenil, reflicte unha carencia clara como punto de partida: non son quen de crear o seu espazo. A figura política de Feijó, o papel que xoga no seu partido, a dependencia da liña marcada desde Génova 13 (nomeadamente na cuestión da lingua), ese constante mudar os argumentos ao longo da lexislatura segundo puidera desgastar por un lado ou polo outro a un socio ou outro, ou para destacar desavinzas entre os dous, todo isto xera no ambiente a sensación de non ter os pes no chan, de vivir noutro mundo. Se todo isto non deriva nunha creba é polas sólidas estruturas do PP e polo inmenso apoio mediático do que goza.

Cando rematará este? Cando certos empresarios vexan que o futuro das súas empresas comeza a ligarse ao da deriva do PP, por doce e pracenteira que esta semelle. Cando se decatarán as bases do PP da política errada de negar un estatuto de primeira, de atacar o galego? Pois cando vexan que seguir cegamente a Génova 13 e a certos líderes radiofónicos é suicida. Queda a sensación de que Feijó pretende salvar os móbeis e sobrevivir. Por iso toca desesperadamente tantas melodías tan diferentes a un tempo. E segundo os resultados, a esperar outros catro anos por momentos mellores cun grupo parlamentar á súa medida. Estarán todos dentro do PP dispostos a agardar con/por el, ou preferirán ser máis PPdeG?

3.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...