Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Apupos e incógnitas neste Parlamento que vén

09:30 17/04/2009

De cinguírmonos ao enfrontamento Feijoo-Leiceaga-Aymerich poderíamos estar dicindo agora que, independentemente de adscricións ideolóxicas, asistimos a un combate político de altura. Pero nos detalles abrolla a decepción.

Leiceaga e Aymerich amosaron este xoves ser un tándem opositor dunha categoría que hai tempo que non se vía. Habilidade dialéctica e contundencia na argumentación, facilidade para a disección das feblezas do rival, didáctica parlamentaria e vehemencia construtiva. Pola súa banda, o socialista amosou a súa fortaleza cando no debate gaña protagonismo a esfera económica, zoupando nas eivas do discurso de Feijoo sen práctica necesidade de botar man dos papeis. Os socialistas estrean un voceiro rigoroso e sólido. Doutro lado, o nacionalista marcou un punto de inflexión na súa xa ampla traxectoria parlamentaria, ofrecendo un firme perfil de liderado e os momentos de maior enerxía e dureza desde a oposición.

Enfronte, Feijoo mudou sensíbelmente o ton que lle vimos hai un par de días. Eu son dos que pensa que, buratos e indefinicións aparte, o primeiro discurso de Feijoo foi unha escolma perfectamente medida para o consumo cidadán, e non só dos máis incondicionais seareiros. O calculado distanciamento coa súa anterior etapa de Goberno ou as apelacións e tópicos a diálogo, tamén as camuflaxes de técnico pretendidamente desideoloxizado serán máis ou menos sinceras, o tempo dirá, pero son unha exitosa escenificación fronte á sociedade. Con todo, non saber da existencia dos plans para o emprego da muller ou do plan para a sociedade da información son exemplo de referencias no seu discurso que amosan un desacougante descoñecemento por parte de Feijoo das políticas realizadas durante os últimos catro anos e din moito, e non bo, da oposición practicada en moitas ocasións.

Por outro lado, na súa intervención inicial deste xoves, tería perdido Feijoo moito lucimento de non ser por que lle precedeu Manuel Ruíz Rivas, quen agasallou cun envurullado fato de excesos e desacertos, nun discurso cheo de imprudencias impropias do voceiro do grupo que en breve ía avalar cos seus votos o novo presidente da Xunta. En comparación coa belicosa e innecesaria intervención do deputado ribeirán, pareceu enganosamente menos soberbia a posterior do líder do PP.

Heteroxéneas citas nunha cita para a historia

Así, mentres uns citaban a Hemingway, outros, Rivas, sorprendía acordándose de Fernando Esteso. A Ruíz Rivas neste caso, quen ten demostrado que o sabe facer mellor, convíñanlle por isto unhas clases urxentes de diplomacia política na súa re-estrea agora como voceiro na bancada do grupo que avala o Goberno. Se cadra podía tirar leccións da exquisita cortesía e o prudente tacto co que Ismael Rego movía o florete na Cámara no seu similar papel os catro anos pasados. De cinguírmonos ao enfrontamento Feijoo-Leiceaga-Aymerich poderíamos estar dicindo agora que, independentemente de adscricións ideolóxicas, asistimos a un combate político de altura. Estragouno a estridencia de Rivas e a innecesaria arrogancia que, xusto a continuación deste, elixiu Feijoo para a súa segunda intervención neste debate de investidura. Mágoa para o debate.

Mencionar por último o desafortunado protagonismo da presidenta do Parlamento que, nesta cita grande para o país, sorprendeu coa inflexibilidade na aplicación dos tempos impedindo acabar os seus discursos aos voceiros da oposición, negándolles o tradicional extra de minutos para expoñeren as súas réplicas. Apenas un día despois de pedir flexibilidade coa aplicación aos deputados das normas sobre incompatibilidades, Rojo esqueceu estoutra chamada a ser fléxibel, obstaculizando a confrontación dialéctica dos deputados.

Por certo, é curioso que a propia acusación de Rivas á oposición, "soberbios na vitoria e arrogantes na derrota", sexa en realidade unha definición precisa do proceder co que se conduciron as últimas semanas os propios populares. Dicir finalmente que eu confío en que a comodidade do poder e o confort dos sillóns calme as ansias e urxencias irreprimíbeis amosadas e á volta dun tempo vexamos nacer oportunidades para algúns consensos imprescindíbeis. "Non sei se serei capaz de facelo, pero imos intentalo", concedía o novo presidente ao tempo que unha trebón de auga se deixaba notar sobre o tellado da Cámara, un Feijoo que volvería pechar intervención cun "Deus fratesque Gallaecia". "Aí vén Deus", escoitábaselle ironizar no medio da tronada desde o seu escano ao nacionalista Bieito Lobeira.

4,2/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: