Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Contra Fraga viviamos mellor

10:37 20/04/2009

Ao longo desta semana (*) vaise producir o debate de investidura de Núñez Feijoo(*). Culmina así un proceso posto en marcha desde a noite, ben amarga, do un de marzo. Foron moitos os erros cometidos. Non por iso hai que negar os acertos. Pola miña banda, tócame recoñecer que me deixei levar, nos distintos foros de opinión nos que participei, pola premisa da reedición segura do bipartito. Equivoqueime. Equivocámonos moitos. Pero a vida segue; a política tamén; outrosí o BNG.

A touro pasado, todo o mundo vía vilo todo. Agora parece que todos rexeitamos as campañas publicitarias por desideoloxizadas, ou mesmo por seren unha técnica propia do sistema capitalista e da sociedade de consumo. Mesmo nos poderemos permitir o luxo de ridiculizar o recurso ás NN.TT e a Internet. “Personalizouse moito no líder. Esqueceuse a base”. Deixémonos de contos. No líder sempre se centraron os esforzos para potenciar a súa figura e dalo a coñecer a cantos máis sectores da sociedade mellor. Así foi ao longo dos anos 90. Outra cousa é que quedou claro e manifesto que non tivemos éxito nesta ocasión. Porén, tampouco debemos ignorar que tamén está a fallar a organización, todos e todas nós. Non fomos quen de ir mudando ao ritmo dos cambios que foi experimentando a sociedade galega.

O BNG foi moi útil a aquela parte do pobo galego (e por extensión a todo o país) que precisaba dun referente claro fronte á pax fraguiana. Estando o PSOE a velas vir, o nacionalismo galego foi quen de ir abríndose á sociedade e amosarlle a súa alternativa e utilidade. Sectores antes inaccesíbeis ao BNG (por seren tradicionalmente votantes de forzas de esquerdas de ámbito estatal, ou abstencionistas) depositaron a súa confianza nun BNG capitaneado por Beiras, pero tamén nunha organización cun traballo político, social, sindical e cultural cada vez máis intenso e un nacionalismo cada vez máis unido. E produciuse o sorpaso. Soaron as alarmas e o PSOE comezou a ser máis PSdeG e púxose a traballar. Comezaban a verlle as orellas ao lobo. En Ferraz comprenderon que había que prestar máis atención a Galiza.

Calquera referencia a tempos pasados, vistos como o paraíso político, que ignoren a conxuntura do momento, non son do todo atinados. Cando a alternativa se ten que materializar, e non servir só como referente a longo prazo, xorden as contradicións, as limitacións, os erros, tamén o oportunismo‚Ķ Nunca o BNG chegara a estes niveis de responsabilidade política. E iso, nunha organización á que nada lle foi nin dado nin doado, págase. Atreverse a lle facer fronte aos verdadeiros poderes fácticos do país, non só ao poder político-institucional, ten o seu prezo. Que se ve agrandado cando a inocencia do primeirizo nos delata. Pero tampouco é cuestión de pasar polo goberno e que non se note a túa presenza. Hai semente abondo botada por todo o país como para que se acabe notando a nosa ausencia.

Non podemos ignorar todo o capital político acumulado ao longo destes anos, tanto na figura dos nosos homes e mulleres que o levaron a cabo como na da propia organización. Iso si: un tranquilo pero profundo exame dos erros cometidos non nolo quita ninguén. E se non o facemos, mal asunto. Pero no seo da propia organización, sen complexos, sen medos, con fidelidade á mesma e dispostos, ao día seguinte, a seguirmos traballando. Agora ben: enlearnos nun debate longo que nos leve a dar a impresión de interinidade e andar aos nosos contos sen atender aos problemas da sociedade, podería abocarnos a certo ostracismo. A ver se resulta que o que non conseguiu o PSdeG no goberno, a fagocitación tipo Orozco, vai ser quen de acadalo na oposición por mirármonos demasiado o embigo.

(*)Referencia á semana do 13 ao 19 de marzo, datas entre as que foi escrito este artigo.

3.08/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...