Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

A importancia de ter un presidente d'Os Peares

09:30 04/05/2009

Estreamos un presidente que, sendo rapazolo, viviu e medrou nun recuncho, Os Peares, onde no transcurso dun golpe de minutos un pode dar os bos días n'A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo ou Ferreira de Pantón e acender un pito en Lugo e rematalo en Ourense. E todo nun pequeno espazo de mundo de caótica fermosura.

E digo eu que na práctica gobernativa, nunca se sabe, proceder dun crebacabezas como este pode, podería, inxectar un certo pragmatismo construtivo á hora de poñer en marcha un proxecto, propio, de país. Non é desafío pequecho nunha terra coma esta onde os marcos das leiras, concellos, vilas e metrópoles, parecen trazados moitas veces por revirados e inescrutábeis caprichos. E xa sabemos o que pasa ás veces no país cando se move un marco, mesmo cando ao atrevido lle asiste a razón.

No que respecta a este desafío, socialistas e nacionalistas teñen sido tímidos no discurso e inoperantes na práctica. Unha das cuestións diante das que encolleron ao gañar o temón hai catro anos foi precisamente esa. Parálise e vacilación fronte aos posíbeis plans metropolitanos, indiferenza coa reorganización municipal, no caixón a prometida coordinación coas deputacións, aeroportos de xoguete e descoordinados, nin unha voz aos campus universitarios que andan a cobadazos cun xa anárquico mapa universitario... En fin, moitos exemplos posíbeis sobre a cousa dos marcos aos que ninguén lle mete man.

Neste escenario é inevitábel a sorpresa de escoitarlle a Feijoo durante o seu discurso de investidura falar da aposta do asociacionismo entre concellos como chanzo previo a posíbeis fusións municipais, e insinuar despois reformas en favor da colaboración de Xunta e Deputacións. A mesma retórica aparece agora na ponencia política coa que chegan ao congreso do PPdeG este 10 de maio. O tempo dirá en que quedan tales promesas, pero é lóxico preguntarnos se pensaba o presidente Feijoo no seu lugar de nacenza ao cavilar en moverlle marcos ás leiras municipais.

A cantarea do "Galiza é unha cidade única" e a promesa de goberno "sen cotas territoriais" ha de xulgarse nesa práctica, nas diplomacias despregadas para lidar coas teimosías localistas que debuxan ese caos indomábel en asuntos como os antes comentados. En todo caso, choios dese estilo é difícil que acaben saíndo adiante con xeito de non haber vontade de diálogo das principais forzas políticas, do lado do goberno e do da oposición. Nin especialmente o PP, nin PSdeG nin BNG, se caracterizaron en tempos recentes por explorar as flexibilidades necesarias para eses grandes temas de país. Oxalá que vexamos novas sensibilidades nesta etapa que iniciamos. A importancia de ter un presidente d'Os Peares? Imos ver.

3.65/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: