Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Ao señor Feijoo

14:05 20/05/2009

Que chova, que vente, en galego sempre. A combinación do azar e da necesidade provocou un día chuvioso. E as rúas composteláns convertéronse nunha danza de costureiriñas de mil e unha cores que berraban: na Galiza, en galego. E deixémonos de andrómenas de pailán cosmopolita e apoucado que sente o idioma propio do seu país como unha limitación.

De acirrar ás linguas bífidas e emporios mediáticos comenenciudos que non dan puntada sen fío advertíndonos da dramática situación do español en Galiza, o señor Feijoo pasou nesta última semana a ser o adaíl do galego fronte a aqueles perversos e malvados que se queren apropiar del. Imaxínanse  vostedes que o marido maltratador lle bote en cara a aquelas persoas que lle axuden á súa esposa que se queren apoderar do seu cariño (dela) e que iso é inxusto pois, quen a vai querer máis ca o seu propio cónxuxe? É ben certo que hai amores que matan.

Para disimular as súas vergoñas o señor Feijoo lanza agora unha cortina de fume e pretende converter ao nacionalismo galego, nomeadamente á Mesa, e tamén ao BNG polo seu papel político-institucional, nos responsábeis da situación actual do galego. Como se o problema de fondo fora que a xente chega a ter receo cara ao galego porque uns perversos radicais amolan demais coas súas consignas.

Que un líder radiofónico de extrema dereita perverta a realidade ata puntos insospeitados, e mesmo faga mofa da nosa lingua, dos nosos literatos, da nosa cultura en xeral, e o señor Feijoo cuase lle renda vasalaxe e non teña o valor de dicir que iso non é así, ese conxunto de actitudes si que axudan a deteriorar a visión que a xente teña do galego. Se ademais se fixo bandeira política co tema do galego rachando os consensos logrados por todos en torno ao tema da lingua (cando gobernaba o PP, non o esquezamos), iso tamén axuda a deteriorar a situación do galego.

Señor Feijoo, a LNM foi aprobada por todos cando vostedes gobernaban. O decreto que leva á práctica o espírito desa lei contou co beneplácito dos representantes do seu partido ata o último día, ata que desde Génova 13 dixeron que non e vostedes baixaron a orella. O proxecto de novo estatuto de autonomía, no que atinxe á lingua, outro tanto do mesmo. Xa poden inventar vostedes as ocorrencias máis estrafalarias que todo o mundo ten moi claro que quen rachou coa anterior situación de consenso foron vostedes, por puro egoísmo, por puro cálculo electoral. Deixen de botarlles culpas aos demais. Asuman os erros cometidos e volvan ao consenso xa construído entre todos. Non pretendan inventar un novo, ficticio e do que, de entrada, pretenden excluír a unha boa parte da poboación: aquela que tinxiu de cor as rúas composteláns e outras moitas persoas que aman a súa lingua e séntense orgullosos dela, queren que os seus fillos e fillas se poidan desenvolver nela en todos os ámbitos da vida e non a consideran unha limitación.

4,89/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...