Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Efecto búmerang

09:00 07/06/2009

Por primeira vez en moito tempo atopámonos ante grupos que manifestan abertamente a súa aversión cara ao galego. Por vez primeira, e por motivos claramente electorais, o tema da lingua foi usado política e partidariamente rompendo o consenso previo. Aínda moi frescos na nosa memoria os ataques e razoamentos falaces, os agora responsábeis políticos semellan querer buscar expresións coas que disimular as palabras de groso calibre empregadas para alentar certas bases coa fin de sumar votos.

O dano está feito. Pero o balbordo no que se meteron, no que nos meteron os novos gobernantes, ten máis consecuencias que as simplemente dialécticas. En conxunto, a imaxe de Galiza viuse minguada. E, por suposto, a do galego. Canto máis acentuemos os riscos definitorios dos nosos produtos, máis lembrarán a Galiza, e por iso mesmo ao galego. E canto máis os disimulemos, máis os diluiremos nunha indefinición nefasta nun mercado global.

Nesta situación, calquera competidor desaprehensivo poderá usar iso como ariete contra nós. Que lle pasou senón a un coñecido medio de comunicación galego en Asturies? Ver ao seu editor representado como abandeirado do nacionalismo radical e expansionista da man do señor Beiras usando como pretexto un relatorio sobre medios de comunicación dunha asemblea do BNG resultou choqueiro, cando non paifoco. Pero á prensa da zona en absoluto lle tremeu o pulso e emprendeu unha campaña feroz para evitar “intrusos” (para eles “invasores” cheos de afán expansivo) no seu “mercado natural”. Tiñan ben abandonada informativamente falando a comarca eo-naviega, pero iso pouco lles importaba: o que amolaba era ver como outros se abrían camiño na zona.

Imaxínanse vostedes que a partir de agora se recorran as oposicións por cuestión de dereitos fundamentais, o de elección lingüística (!), por ter que acreditar o coñecemento do galego? Ou que empresas foráneas do audiovisual se queixen de que lle dean subvencións ao audiovisual en galego (por certo, aspecto este o da potenciación da lingua propia recomendado polas novas directrices europeas)? Se o que máis pode identificar aos produtos propios é a marca Galiza, imos ter que renunciar ao seu principal sinal de identidade? Imos ter que xustificar o uso público do galego en aras dunha suposta amabilidade lingüística como se fora algo estraño en Galiza? Hai que ser amábeis tamén con informes como os da FAES? Levados ao paroxismo, ao mellor ocórreselle a alguén asemellar o “acento” coa propia lingua. Teriamos que abrir unha floraría e contratar os servizos dun garboso profesor de español? A canto ascenderían as apostas para ver se consegue pulir ben a nosa dicción cervantina? Velaí algunhas das eivas da ruptura do consenso lingüístico.

Na miña acordanza aínda teño presentes (“Habla bien”, dicíannos de cativos ao irmos á Coruña) as voces dun coruñesismo moi conservador que renegaba do propio. A máis cidade, menos país. Ben nos ten sintetizado un líder local este pensamento nunha escatolóxica e desafortunada máxima. De novo ventean aires localistas de cruño exclusivista e agora neo-con. Como pano de fondo: a economía. Hai quen non sabendo concibir unha Galiza en rede, poliédrica, só pensa nunha cativa (pen)ínsula barataria illada da realidade, desde a cal emprender a Reconquista. Ollo: na miña acordanza tamén permanece vivo o papel xogado pola Coruña no desenvolvemento das Irmandades da Fala, a dignificación do galego e a loita polas liberdades e a xustiza social. Fagamos futuro.

4,93/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...