Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Netaniahu abre a muralla?

12:00 17/06/2009

O formigón que separa Israel de Palestina crece ou mingua dependendo da visión que teñan os espectadores de tal arquitectura. Nestes momentos, Bibi Netaniahu é o enxeñeiro que articula os pasos a seguir, o que dicta os procesos e traza liñas que aseguren a viabilidade de dita construción e dos pequenos centros satélite que se abortaron dentro dela. Pero Netaniahu non traballa só, amais dos fieis obreiros que secundan as súas obras, a produción das grandes obras asinadas no seu terreo ten capital americano; un capital que tentará mellorar coa colaboración do mundo árabe.

No seu discurso do domingo, Netaniahu repetiu a palabra paz en diversas ocasións, á que seguiron rituais de conformidade e aplauso. "A paz foi sempre o desexo da nosa xente. Os nosos profetas tiveron unha visión da paz, nós saudámonos coa palabra paz, as nosas oracións rematan con paz," apuntou o primeiro ministro israelí. Por iso, seguindo este sendeiro, Netaniahu propuxo unha paz económica que faga que os nenos soñen cun futuro mellor para a humanidade. A cita parece tirada do presente, posto que os soños son a única feliz realidade para moitos cativos palestinos. A paz económica tamén semella sacada do presente, posto que os negocios cos países árabes é un soño israelí para continuar os seus avances no terreo monetario. A non consecución destes obxectivos, ten un claro culpable para o primeiro ministro: os palestinos.

En 1947, lembra o líder hebreo, "cando as Nacións Unidas propuxeron un plan de partición para un estado xudeu e un estado árabe, todo o mundo árabe rexeitou a proposta, mentres a comunidade xudía o aceptaba con gran gozo." A felicidade do pobo xudeu proviña dos 3.500 anos afatados da terra dos seus antepasados: David, Salomón, Isaías e Xeremías; polo tanto, unha terra que non era estranxeira, senón lugar de nacemento do xudaísmo, e do Libro dos Libros. De aí que, apuntou Netaniahu, interrompido por aplausos, a súa lexitimidade non deba ser eliminada por culpa da poboación palestina, que, vivindo alí, "creou importantes desacordos entre a sociedade israelí."

O matiz no uso do termo "poboación palestina" que vive en Xudea e Samaria, e non "palestinos" foi un máis dentro do discurso sibilino de Netaniahu; un sermón que tentou achegarse ás premisas promulgadas dende a administración Obama, pero sen desligarse das súas verdadeiras pretensións: continuar a "presenza israelí" na zona, por outros denominada "ocupación." A escolla de frases seguiu coa confirmación de paralizar a construción de asentamentos de colonos en Cisxordania; con todo, iso non implica a necesidade de crear máis garderías para unha poboación alí establecida e sempre en aumento. E é que, Netaniahu asegurou que os asentamentos son necesarios -nun deles vive Liberman, ministro de Asuntos Exteriores-, pois xa se demostrou que as retiradas nunca tiveron o resultado esperado e sempre foron seguidas por un aumento de ataques conta a súa poboación. Pero, cabe preguntarse se esas retiradas se axustaron a unha estratexia para deixar o terreo libre e así facelo cómplice das incursións do exército israelí. Calquera que sexa a resposta, o goberno israelí non está disposto a ceder terreos, cando menos, mentres os palestinos non recoñezan Israel como un estado xudeu -onde un 20% da poboación non é xudía-, sen a esixencia de falar de Palestina como un estado, senón como un grupo poboacional con dereito a vivir na Terra -Israel.

Dúas das cuestións máis importantes para os palestinos, o retorno dos refuxiados e a capitalidade de Xerusalén, tamén foron tratadas no discurso. Sobre o primeiro tema, non hai dúbida: os 3000 anos de vinculación entre o pobo xudeu e a terra de Israel serven para tomar a decisión definitiva sobre o dereito dos refuxiados palestinos a vivir entre as fronteiras de Israel, unha tarefa que debe dilucidarse no estranxeiro, apuntou Netaniahu. No caso de Xerusalén, a resposta foi unívoca: "Xerusalén, por sempre, individida."

En conclusión, a mensaxe de Netaniahu virou lixeiramente con respecto á dos seus antecesores: os refuxiados e Xerusalén son temas indiscutibles, e o resto de negociacións son posibles, de darse a resposta correcta por parte dos palestinos. E a resposta correcta é a desmilitarización palestina e o recoñecemento do estado de Israel como a terra dos xudeus. En definitiva, un pequeno paso para Palestina, pero un gran salto para Netaniahu.

4,18/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...