Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Olga Castro Vázquez

Metade igual a décima parte

10:53 01/06/2007

Chego axiña á páxina 19 do xornal da miña provincia, El Progreso de Lugo, onde por fin atopo o especial El 27 M municipio a municipio. Xa é luns 28 post-electoral. Vou boa de saber resultados, trala consulta insaciábel na rede a diferentes xornais dixitais. Pero eu vou aínda demasiado á antiga e para min non hai como ver a información impresa en formato tabloide. É como poder ver as cousas con perspectiva. E entón, de súpeto, fico parva.

Na páxina aparecen, de Abadín a Cospeito, todos os concellos da provincia moi ben distribuídos en recadros e ordenados alfabeticamente. E debaixo do nome do concello, os escrutinios da xornada do domingo e as fotos da persoa máis votada nas municipais en cada concello. Todos, é dicir, todOs, homes. Dezasete. Na páxina 20 insírense dezaoito concellos, do Courel a Negreira. De non ser pola candidata do PP de Mondoñedo, Elena Candia López, e pola socialista de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, volveríamos ter pleno. De homes, quero dicir. E Guitiriz, por certo, foi o único concello galego onde tres mulleres do PSdeG, BNG e PP se presentaban ante a cidadanía para convertérense en alcaldesas fronte a un só candidato de Terra Galega. Breve reflexión e paso á páxina 21. Inclúense vinte recadros correspondentes a outros tantos concellos entre As Nogais e Samos. E a outros tantos candidatOs máis votados. Última páxina do especial cos doce concellos restantes, de Sarria a Xove. Once fotos de homes nesta páxina 22. A excepción é para Raquel Arias Rodríguez, candidata popular de Sober.

De 77 fotos só 3 corresponden a mulleres. O 3,9%. Claro que sería unha tremenda torpeza votarlle a unha candidata só polo feito de ser muller. A ninguén se lle ocorre facer tal, [por ese mesmo motivo, a ninguén se lle ocorre mallar nunha muller polo feito de selo... ou si?], pois entran en xogo as afinidades ideolóxicas, as capacidades profesionais e as calidades persoais. Destes cálculos matemáticos tampouco estou a insinuar que as cidadás e cidadáns deixasen de votar a un partido por presentar este a unha muller como cabeza de lista, por moito que nalgún foro puidera ler, por exemplo, que o PP de Mondoñedo perdeu a alcaldía por deixala na man de Elena Candia. Nin por moito que (como ese mesmo comentario deixa entrever) as calidades máis valoradas nunha persoa estean sempre definidas por atributos que a sociedade patriarcal, é dicir, a NOSA sociedade, considera tipicamente masculinos: valentía, forza, raciocinio, cultura, entrega absoluta sen ter que preocuparse da vida familiar, etc.

Lei de igualdade
En definitiva, do que si falo é de que para alguén poder ser a/o máis votada/o, previamente ten que ir no posto número un do seu partido. Así que, pensándoo ben, ese 3,9% tampouco debe estrañarnos tanto se en toda a provincia só unhas 25 mulleres encabezaban as listas ás eleccións municipais por diferentes formacións políticas, de entre as case 250 persoas candidatas. É dicir, as mulleres lucenses encabezaban o 10% das listas. A metade equivale á décima parte.

Onte escoitei dicir a alguén que estaba en contra das cotas nas formacións políticas estabelecidas recentemente pola Lei de Igualdade porque eran inxustas para os homes, porque se os homes eran bos non podían ter acceso a ese posto ao estar reservado para mulleres. Estupefacta, quedei. Que eu saiba, antes desa lei xa había cotas, si. As cotas que había antes dicían o seguinte: ‘Se es home, podes entrar. Se es muller, tes que ser tres veces mellor có home (e se non tes crianzas, aínda mellor) para que che dean unha oportunidade. Pero por moi boa que sexas, a oportunidade rara vez se transformará nun posto de poder porque acabarás batendo, forte e coa cabeza, no teito de cristal. E iso manca’. Pero en calquera caso, o sistema de cotas paritarias non implica reencher o 40 % dos postos con mulleres. Pola contra, o sistema de cotas si implica reservar esa porcentaxe de postos para mulleres coa preparación profesional e capacidade de traballo requiridas, ao seren mulleres que doutro xeito non poderían ter acceso ao posto por sufrir a discriminación de xénero que existe no mundo, en todas partes. As cotas, que están aí para corrixir unha situación discriminatoria co obxectivo de seren innecesarias o antes posíbel, son esenciais na actualidade en todos os órganos de toma de decisións. Pero son aínda máis esenciais na política, se queremos que as nosas sociedades sexan realmente democráticas e representativas de toda a cidadanía.

Pois nestas andaba eu cando outra declaración da radio me fixo rebulir. Dicían que en efecto as cotas eran necesarias, pero que coa súa introdución no sistema de representación política o problema xa estaba resolto. Pasmada e incrédula, desta vez. Nestas eleccións as cotas estaban vixentes. E cumpriuse a lei. Pero iso non implicou a penas ningún cambio nos verdadeiros postos de poder das diferentes formacións. Non hai máis que botarlle unha ollada ás páxinas 19-22 do Progreso do luns!

Conclusións
Xustificacións de por que as mulleres quedaban relegadas aos postos máis baixos ouvín varias ao longo das últimas semanas: ‘É que non queren responsabilidades’, dicían algúns. ‘E por que cres que é?, digo eu. Quizais por teren xa dabondas? Por teren que coidar a un pai enfermo, ou a unha filla con discapacidades? Ou por teren xa unha tripla xornada laboral (fábrica, casa, crianzas) que as deixan exhaustas? Ou por teren uns compañeiros de partido de consideran as súas reivindicacións como secundarias? ‘É que a política non lles interesa’, dicían outros. ‘Dubídoo bastante, porque facer política é mellorar a vida de toda a cidadanía. E a quen non lle interesa mellorar a súa vida?’, digo eu. Política é decidir que directrices van rexer a actuación d@s nos@s representantes nos asuntos públicos (e privados). Política é ter sempre presente que o mundo formámolo dous sexos, e que polo tanto o enfoque de xénero é sempre necesario, en absolutamente todas as decisións que se tomen nos órganos de goberno.

Que conclusión tirar disto? Pois que as cotas son esenciais para reequilibrar unha situación historicamente moi desequilibrada. Pero que aínda fai falta máis: cómpre un cambio social no que a ideoloxía dominante (esa que adquirimos inconscientemente, esa que xustamente por ser dominante vemos como ‘normal’ e ‘natural’, esa que ten a xente que di non ter ningunha ideoloxía) sexa dunha vez cuestionada e subvertida. Superada. Refírome, claro está, á ideoloxía patriarcal. E para daquela, as cotas deixarán de ser necesarias.

Sendo as mulleres a metade da cidadanía, como é posíbel que esteamos ‘case’ unicamente representadas por homes electos? Non podemos esquecer que sen os feminismos, a democracia non sería tal (como non foi durante tantos anos, malia lucir con orgullo ese nome).  Os feminismos foron a contribución máis importante á democracia porque fixeron que esta, por primeira vez, comezase a tomar consciencia da metade da humanidade. E o mundo, sen nosoutras, só é medio mundo.

4.66/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Olga Castro

Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »



Anteriores...