Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Terras de Turonio e O Morrazo contra da especulación

13:20 05/07/2009

A veciñanza das Terras de Turonio e do Morrazo manteñen cadansúa loita contra da especulación urbanística e a famosa burbulla inmobiliaria. Semellaba que a xente tomara conciencia logo de bater de fociños coa crise financeira mundial, que no Estado español foi axigantada coa “burbulla urbanística”. Mesmo parecía que a propia caste política decidira minguar o seu axitado interese na construción. Mais polo pan, baila o can.

A loita do pobo de Cangas xa é histórica, xa che escomeza a inicios dos noventa, cando fora aquilo do Bochechón (Lois Pena)que mobilizou a toda a veciñanza cun resultado vitorioso. Arestora, dentro do goberno tripartito (BNG-PSOE-ACE), hai algunhas posturas máis encalladas no neolítico da política urbanística, potenciando o silencio cómplice dun Xuncras que traizoa o pacto de goberno. Hai calma chicha no Salgueirón logo dunhas semanas de mobilización, secundadas só pola ACE como organización política electa, quen ten a responsabilidade na área de urbanismo. Decotío se mobilizaron pequenos grupos de persoas, artífices da paralización das obras, para deter as escavadoras e camións que viñan pola Congorza. Hoxe xa non poden pasar grazas a teima da ACE de dar validez aos informes do arquitecto municipal, que recomendaba a prohibición de paso a vehículos pesados. O pobo segue vixiante.

En Terras de Turonio zurrichara nova seiva contra a “marbellización” do Val Miñor hai uns poucos anos. O pobo, en Nigrán, até ocupou a casa consistorial perante a xordeira desa caste de filisteos que gobernan. Logo os especuladores alentaron a queima do coche dun concelleiro contrario ao PXOM coa conseguinte reacción popular. En Gondomar, o alcalde Carlos Silva, fora denunciado por prevaricación e delitos urbanísticos. Foi xulgado e condenado a dous anos por delitos urbanísticos. Aquela maré miñorana non quixo sosegar e trocou a situación.

Aínda todo, o poder dos cartos é enorme. A miseria ética que circundea os cabazos baleiros duns delincuentes morais favoreceron unha moción de censura contra o goberno en minoría do BNG. O pobo retorna á mobilización: asembleas populares, debates, mobilizacións, proclamas... Quere respecto á súa vontade. Non lle presta a traizón. Para máis burla resulta que Martín Urgal (PP), promotor da moción de censura que conta co apoio dos concelleiros do PSOE e Move Gondomar, é propietario dun hotel inacabado cun proceso aberto de demolición por ilegalidade urbanística no termo municipal de Gondomar e está vencellado á promotora inmobiliaria Prodein Val Miñor.

A responsabilidade no goberno débese amosar na súa praxe. O perigo do retorno ao poder da dereita centralista e cavernícola, celtibérica que diría o outro, debe ser motivo de reflexión. O PSOE debería actuar con contundencia contra os felóns (supoño que o pacto PP-PSOE non responde ao esquema resultante en Euskadi) e o BNG postularse firmemente contra o porto deportivo de Massó, como fixera denantes das eleccións, sen miramentos a Caixanova e o Grupo Puentes y Calzadas. Non se poden agrandar as fendas que o PP empregará para mutilar internamente o goberno municipal e catapultarse ao poder. O populismo da dereita évos de sobra coñecido e estarán agora como ratos enriba dun queixo.

A desfeita da ética política nestes concellos, por parte de dous partidos que cogobernaron Galiza, é un grave risco para un pobo engulipado polo máis esperpéntico da espenuca centralista cun proceso avanzado de glotofaxia.

Amordiquen aos seus.

4.78/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...