Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

Medios de comunicación e/ou axentes de información

09:30 18/08/2009

Cando naceu o meu fillo unha amiga agasallounos cunha maleta onde meteu todos os medios escritos daquela data coa intención de que co tempo recordara cales eran as novas que estaban de actualidade durante aquela xornada tan importante para el.

Obviamente as noticias que aparecían nos xornais daquel día estaban manipuladas ou mutiladas, e non todas aparecían en toda a súa dimensión e importancia, mesmo as había que non aparecían. Á fin e ao cabo xa sabiamos que as crónicas as determinan os poderes políticos ou económicos/mediáticos dominantes.

Co tempo volvín reler aqueles xornais e, aínda que xa pasaron máis de seis anos, a situación de transparencia informativa non ten mellorado moito, máis ben o contrario. E digo isto porque os de xullo de 2003 non eran precisamente bos tempos para a lírica. A globalización xa impuxera a súa cerrazón informativa, intensificada pola guerra global contra o terrorismo internacional acabada de iniciar, onde soamente medios coma Al Yasira escapaban do control do capitalismo mediático global. Aquí a situación non era mellor, e aínda que os mellores tempos do “pequeno goebbels” (en terminoloxía acuñada por X. M. Beiras) xa  pasaran, aínda viviamos no reino do “príncipe das tebras”.

E a pesar de todo iso, a situación, como digo, non ten mellorado e dáme a impresión de que aqueles xornais do 8 de xullo do 2003 eran máis permeables a novas críticas, alternativas e mesmo “politicamente incorrectas” ca os actuais.

Hoxe os medios teñen reforzado o seu control ideolóxico sobre a poboación, cunha diferenza moi sutil pero perigosa. O período de guerra global contra o terrorismo internacional deu paso a unha  nova fronteira onde a pluralidade está permitida para a crítica aos mecanismos ou modelos do sistema pero non para a crítica ao sistema en si.

Do período da “guerra global contra o terrorismo” ao período da “crise financeira global” pasouse poñendo en cuestión os métodos da anterior administración Bush e as súas administracións replicantes do noso continente, pero o esforzo céntrase agora en relativizar e criminalizar a disidencia, e mesmo ridiculizar calquera alternativa ao sistema. E niso xa non están só os “neocon” senón a nova “global social democracy” cos seus poderosos medios informativos.

Aquí a situación non é mellor. Un  grupo mediatico xáctase de ter derrubado un goberno (valente estupidez e antidemocrática formulación) e recibe un pagamento de 1.023.854 euros polos servizos prestados: se non como entender o resultado da resolución da convocatoria de axudas a medios de comunicación pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia?

En termos económicos, máis ca unha repartición obxectiva parecen os créditos dun filme ou os agradecementos previos ao prólogo dunha novela de moda e, claro, nesa listaxe La Voz de Galicia aparece destacada e en maiúsculas mentres que Xornal de Galicia recibe menos ca unha asociación xuvenil parroquial de calquera das nosas deputacións. Curioso resulta, non obstante, volver observar como a oposición se ausenta de facer comentarios sobre o resultado dunha convocatoria impulsada polo bipartito.

Pero mais aló da contía recibida, o feito en si é a propia convocatoria e os que participan dela. Postos a subvencionar aos medios, que se subvencionen elementos ausentes na nosa estrutura informativa, isto é:

- Creación de mecanismos de vertebración global da información e construción dunha visión nacional superadora dun esquema comarcal ao servizo dos poderes  parasitarios provinciais.

- Incorporación de maior e mellor información social. A súa ausencia ou a inexistencia dun espazo informativo claro resulta sorprendente cando segundo todas as sondaxes a temática social é cada vez máis demandada e goza dun prestixio do que carecen outros sectores.

- Impulso ao galego (perdón, esquecíame de que iso é agora unha reivindicación obsoleta e, á vista dos resultados e se non o remedia a sociedade civil, tamén poderá ser innecesaria).

De non ser así os medios que teñen recibido moito quedan desautorizados para calquera información obxectiva e os que reciben menos deberían renunciar as axudas aínda que só fose por dignidade empresarial.

Axiña se van facer 20 anos desde que Gorvachov puxera de moda a “glasnot” que foi tan ben recibida desde os medios de occidente, e sobre todo desde a cidadanía da antiga Unión Soviética. Daquilo non queda nada nin en oriente nin en occidente.

Como punto de esperanza queda o florecemento de medios alternativos de información que se espallan na rede. Pero ollo, que o sistema é unha maquinaria ben engraxada e con moita capacidade de engulir. Non teñamos que combater a manipulación de internet en poucos anos... namentres sempre nos quedará a afirmación de Jack Lemmon na fabulosa comedia de Billy Willer ,The Front Page, de que “os xornais de hoxe so serven para envolver peixe maña”.

4.11/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...