Nadal na Terra
O especial "Nadal na Terra" que elaborou Vieiros dende as últimas semanas de 1997 desaparece a partir de hoxe, luns, da nosa portada para formar parte do directorio e servir como punto de referencia para outras posibles iniciativas, convocatorias, festas ou, simplemente, para sabermos algo máis de nós mesmos. Nestas tres semanas o especial recibiu perto de 12.000 visitas reais (non hits), das que mías dun 30% proveñen de fóra do estado. "Nadal na Terra" contou coa colaboración do Xacobeo e máis do grupo Sargadelos.
Compos e Dépor reaccionan
Cun gol apurado no minuto 88 do xogo, o Deportivo da Coruña demostrou en Riazor estar mentalizado para remontar a súa posición na táboa. Pola súa parte, a Sociedade Deportiva Compostela, non atopou demasiados problemas para gañar en Molinón con dous goles fronte a un Sporting que non dá remontado a súa mala racha. Mais non todo foron boas noticias para a nosa primeira división; se a afección coruñesa celebraba unha segunda victoria consecutiva do Dépor, os e as siareiras do Celta de Vigo asistían a unha segunda derrota do seu equipo. Aínda que os vigueses comezaron ben, o Zaragoza, arroupado pola afección, foise facendo co dominio do xogo e sentenciou o encontro cun 1-0.
Atlas de empresas Galicia-N. Portugal
O Instituto Nacional de Estatística de Portugal e o Instituto Galego de Estatística acaban de finalizar a elaboración dun atlas de empresas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, froito do traballo conxunto desenvolvido por ámbalas entidades nos últimos tres anos. O atlas fornece unha valiosísima información que dotará as empresas galegas e portuguesas dun instrumento útil para coñeceren mellor a realidade económica, cultural e humana do territorio. Non obstante, aínda que os datos estatísticos recollidos revelan un predominio dos portugueses en emprego, número de sociedades e volume de vendas, o estudio non rexistra aquelas empresas que traballan en Galicia e Portugal e teñen a súa sede social fóra da Eurorrexión.
Ferrol Hoxe comeza o seu labor informativo
Ferrol Hoxe, semanario informativo de actualización semanal dependente do Concello de Ferrol, comeza o martes día 13 de xaneiro as súas emisiós para dar unha información rigorosa sobre a sitruación e medidas a doptar pola catástrofe do Discoverer Entreprise. Esta información irase ampliando día dí danndo as noticias, as medidas e problemas que se vaian plantexando ou solucionando.
Grave accidente deixa a Ferrol case incomunicado
Un grave accidente producíase ás 01:30 hh. (hora galega) do martes 13 na ría de Ferrol. A plataforma petroleira "Discoverer Enterprise" situada nos peiraos do estaleiro Astano rompía amarras e ía dar contra a parte aérea da Ponte das Pías, partíndoa nunha lonxitude de 100 mts. Un forte vento (de máis de 140 Km./h.) que os meteorólogos non foron quen de predicir provocou este suceso.
As primeiras informacións que se producen prevén un período de varios meses para a reconstrucción do tramo desfeito. Mentres tanto, os veciños, empresas e institucións da zona, espertan intentando imaxinar cánto e qué negativamente vai cambiar este feito as súas vidas, aínda que sexa apenas por uns meses. Será o martes e trece? Máis información
Editorial de Vieiros
O nobel de economía, Paul Krugman, na Coruña
Os vindeiros 15 e 16 de xaneiro, na sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza, o premio nobel de economía Paul Krugman disertará sobre "A globalización da economía e as crises financeiras". Estas conferencias enmárcanse no ciclo "Primeiras leccións de economía Barrié de la Maza" organizadas pola citada Fundación. As persoas interesadas en segui-las intervencións do controvertido profesor da Universidade de Stanford deberán formaliza-la correspondente preinscrición.
A cidade da diferencia
A "Fundación Paideia" organiza, conxuntamente con outras entidades, a exposición "A cidade da diferencia" que terá lugar na Estación Marítima da Coruña dende principios de febreiro e ata mediados de abril. Trátase dunha exposición contra o racismo, a xenofobia e o antisemitismo. Segundo os promotores desta iniciativa "A defensa dos beneficios da diversidade comporta unha denuncia das ideoloxías e as conductas que querían extinguila baixo un único modelo cultural homoxeneizador. Esta vontade de combater calquera intento de exclusión pon o acento nunha circunstancia: "na cidade todos somos diferentes, todos formamos parte dunha ou outra minoría cultural". A exposición complementarase cun ciclo de conferencias, "A cidade da diferencia, todos iguais, todos diferentes" que comezarán na sede de Paideia o vindeiro 16 de xaneiro.
"Desafortunadamente para eles, o continente queda illado de Ferrol"
Logo da sorpresa producida polo sinistro da plataforma "Discoverer Enterprise" que destruiu a Ponte das Pías, principal vía de acceso á cidade departamenal, a reacción cidadá e institucional consolida unha petición unánime para que as distintas institucións e poderes amañen a situación deficitaria de accesos á cidade. Paralelamente, a idiosincrasia ferrolá, tan particular e tan semellante en moitos casos á inglesa, xeraba no día de onte frases tan oportunas coma a do noso titular. Polo memos non perde-lo humor. Segue con nós as últimas informacións xeradas, as reaccións, as mobilizacións, etc...
O Concello de Ferrol informa en Internet
Tralo desastre producido na Ponte das Pías, o Concello de Ferrol decidiu adianta-la saída á rede da súa páxina web e do seu boletín electrónico, Ferrol Hoxe, para dar informacións sobre a situación e as accións que se están a desenvolver por parte da institución. A web de Ferrol está nunha fase de proba e polo de agora funciona unicamente na nosa lingua.
Ramón Sampedro, o dereito á felicidade
Na mañá do luns 12 de xaneiro sabiámo-la noticia do falecemento de Ramón Sampedro, o mariño mercante de Porto do Son que dende había 29 anos repousaba nunha cama a causa da tetraplexia que fixo del unha cabeza pensante. Del non falariamos nada en absoluto se non fose pola súa insistente petición, que chegou incluso ós tribunais, de morrer e vivir dignamente, que para el, segundo expuxo na súa derradeira entrevista, viña sendo o mesmo. As últimas instrucións xudiciais falan de que foi un suicidio asistido, unha eutanasia activa, etc... Tanto ten. Só é o dereito á felicidade.
A UE decide, á fin, intervir en Alxeria
Os terribles acontecementos rexistrados en Alxeria nos últimos meses, provocaron que onte a UE decidira enviar unha delegación a este país. Logo das primeiras reaccións do réxime alxerino en contra desta misión, parece que por fin, o goberno de Liamín Zerual está disposto a aceptar a intervención dos Quince, a condición de poder presentala coma un apoio ao seu goberno.
A diplomacia europea, que terá que negociar con Alxer tanto as datas coma o mandato da súa misión, tentará buscar o diálogo das distintas organizacións políticas alxerinas, prestará apoio á loita contra o terrorismo, e procurará medidas de axuda ás súas víctimas.
Por outra banda, os xornais alxerinos de onte, informaban de que na última masacre rexistrada en Sidi Hamed, o espeluznante número de mortos era de 400, contra as informacións do Goberno que falaban de103 mortos e 70 feridos.
Para máis información: Africa News Service Alxeria, Amnistía Internacional, ArabNet, Prensa e Actualidade, Online News Worldwide, Hot Spot e Grupos Islámicos de Liberación.
Apple volve obter beneficios
Uns meses despois de que Steve Jobs regresase a Apple como director executivo provisional, a compañía da mazá anuncia unha previsión de beneficios de 45 millóns de dólares para o primeiro trimestre de 1998. Fontes da empresa afirman que os beneficios teñen a súa orixe no éxito de vendas da gamma de ordenadores G3, na decisión de Jobs de abrir unha canle de distribución de ordenadores para o consumidor final a través de Internet, na presentación do Internet Explorer 4.0 para Mac, na inminente disponibilidade do conxunto de aplicacións Mac Office 98 e no desenvolvemento do sistema operativo Mac OS 8.1, que ofrece unha maior compatibilidade con Java, un sistema máis depurado de xestión de arquivos e unha mellora na velocidade de execución das aplicacións.
Continúan os traballos para solventa-lo sinistro das Pías
Ferrol vai notando os primeiros cambios , cambios que afectan ós distintos medios de transporte cun uso maior de tren, liñas marítimas e autobuses de cernanías, á vez que o comercio sente a baixada progresiva das súas vendas e o centro da cidade carece do tráfico habitual.
Por outra banda Rafael Arias Salgado, ministro de Fomento, afirmou que o Goberno Central construirá unha ampliación de dous carrís na vella ponte sobre a ría de Ferrol á vez que, en menos de mes e medio, o tramo destruído contará cunha plataforma provisoria que permita o tránsito de vehículos lixeiros. A ampliación, que segundo tódalas informacións poderá ser aprobada o venres día 16 en Consello de Ministros, tardará un ano en ser construída. Nese mesmo Consello de Ministros agárdase a ratificación dun creto extraordinario que permita dar luz verde á construcción da autovía Ferrol-Narón que permita conecta-la cidade coa autopista do Atlántico.
Máis informacións.
Un autobús viranos informar sobre a Internet en catalán e castelán
O autobus da Fundaciò Catalana per a la Recerca (entidade de investigación que conta co apoio da Generalitat, a Unesco e distintas entidades privadas actuanaters en Catalunya), percorrerá todo o Estado e tamén as cidades galegas co obxectivo de achegar a rede ás empresas. No noso país, a actuación, contará co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia e coa Fundación Empresa-Universidade Galega. Nun primeiro momento anunciouse que as informacións estarían dispoñibles apenas en castelán, mais unha pequena polémica fixo que se decidisen a presentarse tamén en catalán.
Todo o que sexa popularizar os distintos usos da rede parécenos interesante e merece o noso apoio, pero a verdade, sen sacarlle valor ao proxecto, quen está a redactar isto comeza a ter unha sensación de indio a quen veñen evanxelizar. ¿Haberá aquí polémica?
Continúa a guerra de ofertas gratuítas na Rede
A tremenda competencia nos distintos mercados que se teñen aberto coa popularización da Internet fai que moitas das grandes compañías incrementen os seus servicios gratuítos seguindo a idea de "marketing" da Rede de dar valor por nada. Así, Altavista vai permitir buscar tamén persoas a través do seu motor, Netscape estudia a posibilidade de ofrecer un servicio de e-mail sen custos desde o seu NetCenter e Yahoo, que xa daba correo de gratís, podería regalar espacio para páxinas webs aos seus visitantes.
Helmut Rilling dirixe a Real Filharmonía de Galicia
O prestixioso director alemán Helmut Rilling, responsable ata hai pouco do Festival Musical de Oregón, regresa a Compostela para dirixi-la Real Fhilarmonía de Galicia e a Gächinger Kantorei Stuttgart nun concerto que se celebrará hoxe xoves, 15 de xaneiro, no Auditorio de Galicia. Baixo a batuta de Rilling, a Real Filharmonía interpretará As Estacións de J. Haydn.
Estocolmo, capital cultural de 1998
A partir de hoxe, Escolmo, convértese en Capital Europea da Cultura de 1998 collendo o relevo deixado por Lisboa. A grande cidade branca, que comezou os traballos preparatorios en 1993, acollerá ó longo de todo este período exposicións culturais, como Arquipelag presente simultaneamente en sete grandes cidades, mostras de arte contemporánea, concertos, monográficos sobre cine, entre os que destaca o dedicado a Ingmar Bergman, e conferencias e debates centrados en termos de urbanismo. Para os responsables deste evento é unha oportunidade incrible para que os suecos, que tradicionalmente teñen unha visión negativa e irónica da súa cultura, melloren esta idea.
Novela de Manolo Rivas podería ser levada ao cine
Segundo declaracións de Manuel Gutiérrez Aragón (do que hoxe se presenta o seu último traballo "Cosas que deje en La Habana"), a súa próxima película estará baseada nunha novela do escritor galego, aínda por escribir e que terá por título "Noite de Vodas". O director calcula que a estrea se producirá a mediados do ano 2000.
Comeza o Centenario de Lorca
Veñen de cumprirse 100 anos do nacemento de García Lorca e comezan os actos para celebrar este aniversario. A Fundación que leva o seu nome informa na súa web de tódolos actos e homenaxes. Por outra banda, nunha entrevista publicada en "La Voz de Galicia", Ian Gibson apostaba, como tamén outros estudiosos, que o famoso poeta español non fora o autor dos Poemas Galegos, senón que probablemente os escribise en colaboración co ferrolano Guerra da Cal.
A Comisión Europea non limitará a telefonía ao través da rede
Segundo a C.E.: "a telefonía vocal por Internet non ten os criterios de calidade que se require para ser considerada "servicio universal" e por tanto para sometela ás actuais normas telefónicas". Para aclarar todo isto a Comisiópn emitiu onte (15/01/98) un comunicado no que afiorma que non regulará estas posibilidades da rede, ata que chegue a un niveis de calidade que a fagan considerable como 'servicio universal'. Máis información nun documento do Servicio de Documentación da U.E.
II Encontro empresarial da economía galega
Co subtítulo "A Euro-rexión Galicia-Norte de Portugal, un espacio para os negocios", o xornal económico Cinco Días e Caixa Galicia organizan o II Encontro empresarial da Economía Galega que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 20 de xaneiro. No encontro participarán altos cargos da Xunta de Galicia, directivos das entidades promotoras e das empresas Unión Fenosa, Adolfo Domínguez, Inespal, Finsa, Coren, Adegas Vilariño e Froiz.
Entre as webs que máis se moven destacamos:
- Çopyright
- Filosofía
- Ciberconsultorio de Nana
E na fin de semana puidemos:
...Ler "Darío a diario", unha reflexión poética de Xela Arias sobre as incertezas e dúbidas que provoca a maternidade. Propómosvos igualmente que consigáde-lo segundo número da revista Bravú que acaba de saír e que agardamos teña o mesmo éxito que o número inicial.
... Viaxar aproveitando a ocasión, á Coruña e se podemos, visita-la Casa das Ciencias, a Casa do Home e o Museu Arqueolóxico no Castelo de San Antón.
... Oír Amparanoia que o venres día 16 actúa no Pub Cisco da Coruña para presenta-lo seu disco "El poder de Machín" e no que contou coa colaboración directa de Mano Chao, francés e fillo de galegos, líder dos desaparecidos "Mano Negra".
...Ver "In&Out;", un dos ultimísimos filmes americanos que, protagonizados por Kelvin Kline e Joan Cusack, tratan o tema da homosexualidade utilizando tanto a ironía coma o respecto.
Outras edicións de Cousas
Vieiros
|