Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao


X. Antón L. Dobao

X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego.

É membro do Comité de Redacción d'A Trabe de Ouro desde a súa fundación. É tamén membro, desde a súa fundación, das Redes Escarlata.

Como escritor, ten publicados catro libros de poemas: Desde o teito da noite (Xerais 1987), Caderno dos dereitos e das horas (Deputación da Coruña, 1994), O tempo entre murallas (Xerais 1997) e Materia (Xerais 2005)

No ámbito audiovisual:
Un Mundo de Historias (miniserie de 7 episodios, da que foi director e guionista) e mais as longametraxes para televisión A biblioteca da iguana (director e guionista) e O bosque de Levas (director e guionista). Neste momento, está en proceso de posprodución a película A mariñeira, da que é director e coguionista (con Xabier Cordal).

Participou, tamén, no libro colectivo das Redes Escarlata Xuro que nunca volverei pasar fame. Aparte destes textos, ten colaboracións publicadas en libros colectivos e revistas.

Ten no prelo un libro de relatos, en Edicións Xerais.

Tamén ten publicados diversos traballos sobre lingua, sociolingüística e cuestións sociopolíticas.

Ten tamén algunhas traducións literarias publicadas. Obras de Salinger, Auster, Antoni Marí,, etc.

E uns cantos artigos publicados en diversos medios. Foi ademais profesor asociado da Facultade de Ciencias da Información durante cinco cursos, entre 1995 e 2000.