Mulleres das que aran nas leiras da historia subiron ao escenario do Teatro Principal de Santiago de Compostela este sábado día 3 de marzo de 2007. Cerca de 30 labregas, mariñeiras, obreiras, escritoras...mulleres que sofren a historia que outros contan, na súa maioría de máis de 80 anos de idade. Mulleres con memoria, como o título do acto organizado pola Consellaría de Cultura, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Concellaría de Cultura do concello da cidade. Subiron ao escenario e choraron como so o fai a dignidade das mulleres que sufriron e resistiron a represión da Besta. Pais mortos, nais mortas, exiliados, exiliadas, encarcerados, encarceradas, aldraxados, aldraxadas. Irmáns, irmás, fillas, fillos, elas propias paseadas, peladas, violadas... Choraron as mulleres e choramos nós no público a canda elas. Riron as mulleres e rimos con elas nós no público. Avisaron mulleres a navegantes despistados: eles aínda están aí, non hai que baixar a garda. No público aplaudimos, aplaudimos, aplaudimos... Xustísimas as intervencións das mulleres máis novas: a condutora do acto, a profesora da Universidade, as dúas mulleres que hogano son autoridades políticas. E outra muller soubo transmutar en peza musical de beleza e intensidade cósmicas o sufrimento e a resistencia das súas compañeiras máis vellas. Todas diferentes. Todas iguais. Case ateigado o Teatro que ergueu a burguesía compostelá no século XVIII para gozar dos espectáculos de moda e mirarse nos palcos e rexoubar. Tamén nos mirabamos entre nós, o público emocionado perante das Mulleres con memoria. Tamén se escoitaron rexoubes coa retranca viva da terra: -E non botaches de menos algún político sentado entre o público? -Que queres. Non o verían politicamente correcto. -Pero tamén non vin moitos historiadores. -Tamén ti criticas todo. Terán que dedicarlle o seu tempo a elaborar teorías de vangarda sobre a Historia. Moi pobre, a cobertura na prensa escrita, e, onde o acto ocupa algún espazo, semella que sexa máis por empeño persoal de xornalista que por política de xornal. Espeso silencio nos media máis difundidos. Será que aínda están aí. Para botalos de vez, cómpre seguir a tecer o mapa que sinala derrotas cara futuros de igualdade, de liberdade, de fraternidade, sen explotación. Para arribar, por camiños de terra, aire e mar, ao porto de Utopía. Nese mapa están desde hai tempo os sinais que as bágoas foron deixando nas caras dignas e fermosas das nosas Mulleres con memoria.
O Decreto de Reconversão 1271/84 que encerrou Astano foi um crime de lessa humanidade perpetrado no exercício das suas funções por El-Rei, Juan Carlos I, e o presidente do governo espanhol, Felipe González, cujos efeitos perduram a dia de hoje, crime que está a ser julgado pelo Tribunal Europeu dos Direitos Humanos de Estrasburgo a meio da queixa 43.766/06 por mim apresentada com representação outorgada por outras das pessoas declaradas excedentes estruturais que pode condenar o Reino da Espanha e mesmo a União Europeia que tem que eliminar qualquer restriçao produtiva para Astano estabelecida desde a VII Directiva em 1984. A iniciativa do BNG de privatizar o estaleiro naval colide com está hipotese condenatória que o tornaria galego e público e do operariado, em condições óptimas para concorrer a um mercado com uma demanda que não é capaz de atender. Por tudo o qual rogo-lhe não colabore com os continuadores desse crime considerando a alternativa de PRIVATIZAÇÃO DE ASTANO que apresenta o BNG nem qualquer outra que não seja a apresentada por nós em Estrasburgo que tornaria a propriedade do estaleiro naval galega, quer dizer da Junta da Galiza, portanto pública, com participação na dita propriedade das pessoas que foramos declaradas excedentes estruturais para dirigirmos e gerirmos o estaleiro naval sem qualquer límite da comissária da concorrência, a terceira, depois de Van Der Miert e Mário Monti, que durante 23 anos determinou no submetimento à polìtica de guerra dos EUA contra a Coreia do Norte o ilegal financiamento através do Fondo Monetário Intrernacional da Coreia do Sul para a corrupção e a violação das leis do mercado com o consentimento e benevolência de todos os países que integram a UE nomeadamente o Reino da Espanha para cometer o crime de lessa humanidade contra a Galiza que é política crimonosa que estabelecem para Astano e não apenas desde essa Comissaria e desde a Comissão Europeia.
Normalmente os casos de persecución sindical realizannos os Empresarios. Son os Empresarios os que tentan de silenciar a aquelas traballadoras e traballadores que loitan por mellorar as condicións laborais; que se moven por agrupar á xente que quer mellorar o seu nível de vida. Pero as veces hai lamentabeis excepcións. Penosas excepcións. As veces a persecución sindical realizannas persoas dos propios Sindicatos, e contra traballadores do seu Sindicato ou doutros Sindicatos. A instancias do Inspector -mal Inspector- do SERGAS Gonzalo Rudiño, o INSS impúxome o 27 de novembro do 2006 unha Incapacidade inxusta. Co asesoramento do meu Sindicato -a CIG-, e presentando máis Informes médicos, un escrito de traballadoras e traballadores do meu Centro -Centro de Asistencia e Educación Especial "Santiago Apóstol"; un escrito de Delegadas e Delegados da CIG, e unha insistencia continua, logrouse que o INSS revocara a súa decisión e anulara a Incapacidade dende o 31 de xaneiro deste ano. Unha vez logrado iso, e pensando que xa podería traballar tranquilo, e presentarme ás Eleccións Sindicais, reulta que se produce algo insólito. Comisións Obreiras -CCOO- presentou un recurso diante da Mesa Electoral esixindo que se me retirara do Censo Electoral porque non estaba traballando. Continuando co insólito, resultou que este xoves 15 o recurso foi denegado pola firme postura da Administración de defender que eu son traballador do Centro. Cando xa estaba todo decidido, o venres 15 Comisións volta á carga e tras moitísimas discusións, e grazas á penosa actuación da maioría dos representantes sindicais, quitáronme do Censo. Para mín, en Sindicalismo e en Política, e na vida en xeral, non todo vale. Podemos competir, podemos ser rivais, pero converternos en seres cometedores de actos despreciabeis, non. Comisións sabe que eu gañei o recurso ao INSS. Sabe que son traballador do Centro. Sabe, claro está, que a Incapacidade Permanente só supón "a suspensión da relación laboral, con reserva do posto de traballo durante un período de dous anos" tal como pón o artigo 48 do Estatuto dos Traballadores. Pero Comisións quer impedir como sexa que eu saia elixido como Delegado do Comité. Hai algo máis grave en todo isto. No "Santiago Apóstol" hai outra compañeira traballadora -afiliada a Comisións- que está nunha situación de IncapacidadeAbsoluta e segue no Censo. Na Residencia de Maiores de Ferrol hai outra compañeira traballadora en situación de Incapacidade -non só afiliada a CCOO senón que é Delegada do Comité- e segue no Censo. Comisións, con bó criterio, non esixeu que estas compañeiras traballadoras foran elimiñadas do Censo. A CIG e UGT tampouco. Pero Comisións sí esixeu que eu fora elimiñado. Por iso falo de persecución sindical. Por iso na CIG vaise estudar que posibeis accións xudiciais pode haber contra os membros da Mesa Electoral que me impiden votar. E que impiden que se me vote. Algo característico das Dictaduras é que non se pode votar. E algo característico das Democracias é poder votar. É insólito que un Sindicato quera quitarlle o voto a un traballador. É grave que se xogue tan suxo impedíndolle a alguén un dereito democrático, o dereito máis elemental en democracia. Poder votar, poder elixir.
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas máis ou menos recurtadas. Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", que forma parte do colectivo "Sinhor Afranio", implícase na tarefa de colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron agochar. Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco (Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con outro monumento -algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas "Terra de Tod@s" de 2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro, titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionisio Pereira. Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de 2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior, provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático honre a quen participou no seu esfarelamento. En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do "Caudillo" non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible. No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que non se repita. Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro, "Verbo Xido" dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin fere. ¡Pola liberdade de expresión!
Que sexa época de eleccións implica ¿unha época marcada pola reflexión ou unha época caracterizada pola compra e venda de sentimentos e ideoloxías? Vivimos nun mundo no que a hipocresía e a falsedade governan por maioría absoluta. As eleccións están a volta da esquina, e xa se asoman as eiras asfaltadas, os favores dende o concello a particulares, as promesas que algún día quizais se cheguen a cumprir…algún día que esté próximo ás seguintes eleccións, porque se algo caracteriza a un alcalde é iso, as promesas. O primeiro paso, é dar o sí as numerosas peticións, sí que esquecerá del tralo día sinalado, iso si, non o esquecerá para sempre, non dramaticemos, acordaralle cando esté próximo o seguinte día do seu particular xuízo ante os cidadáns, ese será o seu seguinte paso, a realización da promesa, e con ela a conclusión da mesma, para as próximas votacións haberá que pensar nun novo favor que cumprir, tarefa que se convertirá no terceiro paso a dar polo ben querido alcalde. Vamos, que ser alcalde resúmese neses tres pasos, polo menos os alcaldes que eu coñezo, xa dirán vostedes… Señores/as, se precisan algún favor especial, este é o momento ideal para ir reclamalo á casa consistorial. A política é un mundo practicamente hipócrita, nel todos son boas caras e mil mentiras; as miñas preguntas son as seguintes, ¿Esíxenlle aos políticos ser mentireiros e falsos? ¿Ou será algo que van adquirindo co tempo? ¿A quen votamos, ó máis bo ou ó menos malo? Sempre me gustou moito o movemento denominado romanticismo, e gustaríame pensar que nalgún lado quedan políticos de verdade, deses que non compran nin venden ideoloxía. ¿Qué pasa coa xente? Ninguén quere falar de política, alegan: -Ai, eu de iso non opino que non entendo… Digo eu, se non entenden, ¿por qué votan? Claro que o voto é libre e un dereito para todos, pero se non entendes, deixa que decida a xente que teña polo menos unha lixeira idea dese mundo político, pensa que estás condicionando o futuro dun pobo e a veces dunha nación enteira. A parte de reflexións como estas, só me queda agardar o día tan sinalado para estes figuríns da política, e votar, porque xentiña, eu non entendo de política pero como o voto é un dereito que custou tanto conseguir, haberá que facer uso del, quen sabe, ó mellor nalgún momento logramos rematar con este mercado negro de votos, que non deixa de ser o coñecido caciquismo; ou sexa que a fin de contas seguimos vivindo na Galiza dos caciques. Non sei que pensan vostedes pero a min paréceme unha boa razón para votar, aínda que siga sen entender de política.
Moi Sr. Noso : Pola prensa enterámonos que Vostede estivo en Ferrol, para entre outras cousas dar unha charla sobre da CONTAMINACIÓN DA RIA DE FERROL. Polo que dixeron os periódicos, comprometeuse moi pouco con un problema, no que Ferrolterra se está a xogar non soio, un problema económico cal é o do marisqueo senón un problema de saúde humana e sobre de todo, a perda irremediable da biodiversidade da nosa Ría. Co que afectaría tamén a vida humana que vive nas ribeiras da Ría. Polo que leemos, soio tivo a ben o pedirlle aos Concellos que se poñan de acordo onde instalar a EDAR do Sur da Ría. E non sabemos si falou de algo mais. De ser así ou non está o suficiente enterado ou non quere falar de problemas. Dado que ADEGA, é unha organización moi preocupada pola Ría, problema que non é soio dos mariscadores, senón que é un problema que afecta a toda a cidadanía que vive ao arredor de ela, quixeramos facerlle chegar a nosa preocupación por un medio como é a Ría ferrolá, e que de non atendela, suporá cada día que pasa, un día de agonía menos. A Ría a estamos a matar, e nós non queremos ser cómplices. Ao risco de ter unha empresa como Reganosa, dentro da Ría e da que xa foi informado, quixéramos que se interesase polos recheos –non todos legais- da mesma Reganosa ou de Forestal do Atlántico que consigueu inutilizar un dos mellores bancos marisqueiros galegos como é o banco intermareal da Barca. Falando de recheos, sabía vostede que na Ría van 3.000.000 m2. uns legais e outros ilegais. E os recheos en beneficio de quén ?. O perxuicio é para todos. Socializamos as perdas ecolóxicas, en detrimento da saúde pública. Algo do que apenas se fala e nos ten intrigados, é o sabermos qué gardan os polvoríns da Armada Española . Será soio pólvora, ou estará adaptada para as novas tecnoloxías guerreiras, con armas bacteriolóxicas?. Unha institución que vostede podería tocar, sería a Autoridade Portuaria de Ferrol e San Cibrao. Xa que se vai a descargar o clinker no porto exterior, o porto carboeiro da enseada da Malata,podería ir levantándose, para poder recuperar dito esteiro en beneficio do marisqueo que alí tanto abundaba e poder adicalo tamén ao lecer dos cidadáns, como antano,e poder bañarse, na aquela praia bautizada como Copacabana. Outra “modernidade” que está a transformar tódalas ribeiras da Ría en encaixonamentos de cemento,son os paseos marítimos, verdadeiros sarcófagos para enterrar a Ría unha vez morta. Este é outro dos problemas que a nosa Ría está padecendo- Gustaríanos explicarlle cando por aquí viñese de que se vixiase o efecto de tapón en que se converte o Porto Exterior, non vaia ser que as augas non entren o suficiente e a nosa Ría se converta nunha cloaca, e dentro duns anos, teñamos que pechala, Non quixéramos tirarlle a sua atención das altas coitas que o trouxeron a Ferrolterra, pero para outra vez que veña e si o ten a ben, gustaríanos comentarlle todos estes males que están a levar a Ría de Ferrol a se converter nun cemiterio, para persoas, flora e fauna. De tódolos xeitos estamos abertos a todo tipo de información que nos queira achegar dende a sua Consellería sobre da Ría de Ferrol, e si podemos, colaborar, informando a poboación na preservación, e protección do noso medio ambiente. Para calquera cousa estamos a sua disposición no noso correo electrónico adegatrasancos@adega.info OUTRAS CARTAS: |
Ramón Vilar
Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. STAFF: Lois Rodríguez. Editor
Ramón Vilar. Director Óscar Martínez. Xerente Roberto Noguerol. Xefe de Redacción. Ana Triñanes. Coordinadora de edicións locais Gael García Lara Rozados Manuel Vilas Modesto del Río Fernando Arrizado |
|||||||||||||||||||||||||||