Os do “Caxigo” (ver páxina once deste número) preguntan en alto por que o señor Lence os escolleu a eles para penalizar ao sector lácteo. A prensa magnificou a crise con datos parciais, portadas e circunstancias de escándalo. A queima dun carro tradicional galego no fragor da batalla por labregos leoneses e asturianos traídos polo sindicato Unións Agrarias, é todo un símbolo.
Despois de varios contactos previos, celebráronse dúas xuntanzas, a mediados de febreiro e principios de abril, para avanzarmos na constitución dunha plataforma en defensa da laicidade do estado. Este asunto resulta de máxima actualidade e xera, ademais, debates de gran interese na sociedade en xeral e entre os grupos de igrexa de base en particular aos que se convida a participar neste movemento social. Sería de enorme interese que ese debate se incorporase de maneira serea e rigorosa nestas nosas páxinas e invitamos a todos e todas a que mandedes as vosas opinións.
O Día das Letras Galegas deste ano 2008 recoñece o labor que Xosé María Álvarez Blázquez desenvolveu ao servizo de Galicia. O seu é un traballo que, moito máis alá da produción literaria persoal, atinxe estudos de investigación nos eidos da literatura medieval e dos Séculos Escuros, da poesía popular, da etnografía, da angueira como editor e recuperador do libro galego na posguerra... Foi ademais mestre, arqueólogo e xornalista. Un recoñecemento que se estende a esa xeración do 36 rota pola guerra e que tivo que ir dando pasos difíciles pola “longa noite de pedra”. Mantemos con el esta “entrevista exclusiva” grazas aos volumes de Carlos L. Bernárdez, Darío Xoán Cabana e Clodio González, editados por Galaxia, Xerais e Toxosoutos respectivamente.
O catolicismo está ferido de constantinismo. Aquel emperador fíxolle un fraco favor á nova relixión, utilizándoa para unificar o Imperio e xustificar o seu poder. Afacerse ao poder e á espada, deixarse aloumiñar polos privilexios, logo se fai, pero é droga: desengancharse custa un mundo. Houbo rebelión dentro da Igrexa, movementos proféticos cun pé –ou mesmo con tres- fóra da ortodoxia, vidas coherentes, mulleres e homes que viviron a súa fe como servizo aos pobres feito desde a pobreza. Pero non foi ata o século XX, cando se forma unha corrente sólida de pensamento e acción que fai, desde dentro, unha crítica radical do “lugar social” da Igrexa Católica, unha crítica de con quen a Igrexa compartía mesa e pan no teatro da vida.