Ferrol incomunicado

Un accidente provoca a destrucción dunha Ponte que deixa practicamente incomunicada á cidade de Ferrol".

Semella un resume dun suceso ocorrido hai séculos, nun lugar lonxano, de montanas infranqueabeis e corredoiras sinuosas. Algo que só se pode ver nun fragmento desas películas de aventuras nas que o protagonista cruza a ponte, propina un machetazo ás cordas e corta inexorablemente o camiño dos seus perseguidores.

Pero non é así, ocorreu de verdade, no chamado primeiro mundo, nunha cidade con perto de 85.000 habitantes, cunha tradición industrial de séculos e unha importancia histórica, social, cultural e política de primeira orde.

Nunha cidade do seu tempo, con Estación de Ferrocarril, Peirao, Estación de Autobuses... e, como quedou evidente para quen teimaba en non ver, cunhas vías de comunicación absolutamente insuficientes.

E ocorreu, a pesares das numerosísimas demandas de todos os axentes sociais que, dende décadas atrás, reclamaban infraestructuras viarias acordes coa importancia da cidade e coas súas potencialidades. De feito, en toda canta reunión, xornada e charla na que se falara da cidade nos últimos anos, o tema foi machacón: sen uns accesos máis acaidos, o futuro de Ferrol está hipotecado.

O desgraciado accidente do "Discoverer Enterprise" saca agora á luz unha realidade teimuda á que non se lle quixo prestar suficiente atención. Os accesos a Ferrol pendían dun fío. E o infortunio rachouno.

Agora haberá que buscar alternativas por estrada: habilitando e millorando no posible a alternativa da carretera secundaria de Neda e o corredor do Cantábrico dende As Pontes; por mar: con transporte marítimo de pasaxeiros que, cando menos solventen os transtornos dos concellos que limitan coa ría e que dependen da cidade de Ferrol; por ferrocarril: quizá cheguemos a contar cun servizo medianamente digno -por certo, demandado dende comezos de século- que parchee esta situación.

¿Servirá este feito para pedir responsabilidades sobre a falta de planificación e o abandono sofrido pola cidade?. ¿Servirá de rebulsivo para comezar a amañar esta situación?. ¿Poñeranse parches para salvar a "eventualidade" e seguiremos como estabamos?

É momento para a paciencia e a responsabilidade, momento de arrimar o lombo e de buscar solucións. Son tempos de aprender dos erros, pero, ¿non poderemos nunca aprender dos acertos?


Vieiros