|
 |
Última actualización: Venres 28, 6:43:44 PM
Vázquez quere ser o
alcalde de todos Vázquez pide o voto a nacionalistas e a
xentes do PP para ser "o alcalde de todos". Joaquín Leguina, ex-presidente
da Comunidade de Madrid dixo que "se eu fora de dereitas, votaría a Paco".
A Vázquez non lle basta con ganar, quere arrasar. O candidato
socialista por A Coruña pide o voto "ós homes e mulleres do PP e do BNG"
porque é, explica, "o alcalde de todos".
Leguina arremeteu tamén
contra Aznar, ó que chamou "Thatcher con bigote" e "Cantinflas". Tamén
dixo que "non son son galego, nin coruñés, non se pode ser perfecto"
Os
lendoiristas parecen estar enfadados Corre o rumor pola
cidade de A Coruña de que Lendoiro e os seus seguidores máis fieis
(súponse que sobre uns mil) poderían votar en branco nas eleccións do
próximo día 13.
O vicepresidente da Deputación, Antonio Gómez,
desmentiu este feito dicindo que "no PP non hai sectores nin faccións, e
que como todos eles son do PP votarán a ese partido, por suposto".
Lembremos que Lendoiro foi apartado como candidato a alcalde e a
presidente da Deputación. Os rumores din que a causa desto é a súa
manifesta enemistade con Romay Beccaría, presidente provincial do PP.
As
mulleres votan pouco ó PSOE en A Coruña O PSOE é a forza
menos votada polas mulleres en A Coruña. A forza máis votada polas
mulleres na cidade sería o BNG, e despois o PP de Antonio Erias.
Tello
critica a insensibilidade co tema das drogas Henrique
Tello, candidato do BNG á alcaldía, criticou a "insensibilidade" do
alcalde cos problemas da drogadicción. Tamén se referiu ó tema da
ubicación do novo centro de drogodependencias e abogou por unha solución
"consensuada, seria e responsable".
Erias promete libros
de texto máis baratos Erias promete libros de texto gratis
para o 80% dos escolares coruñeses. Anunciou que se chega á alcaldía,
destinará unha dotación de 350 millóns de pesetas, un 1,75 % do orzamento
municipal, para facilitar libros de texto "a tódolos estudiantes de ensino
obrigatorio cuios ingresos familiares non superen os cinco millóns", o que
beneficiaría ó 80% dos máis de 25.000 escolares coruñeses.
Vázquez falou en
galego O outro día Vázquez fixo unha das típicas visitas
electorais ós barrios e chegou ata Palavea. Falou en galego, cousa moi
pouco habitual, e dixo por tres veces "Viva A Coruña". Para pedi-lo voto
dixo, textualmente, "vós sodes os que podedes dar mellor testemuña do que
se fixo no barrio". Lembrou tamén que se non lle votan, vaise para outra
cidade, e sinalou que foi elexido como o líder máis valorado en Vigo e
Ourense.
Erias promete suprimi-la ORA Unha das ofertas
electorais que máis está repetindo Antonio Erias é a de suprimi-la ORA. O
outro día, unha vixilante asaltoulle preocupada polo seu futuro e Erias
respostou "recolocación en traballos medioambientais".
Debate a tres sen
Vázquez nin Erias Produciuse o primeiro debate electoral de
certa altura na cidade, nas instalacións de emisora Radio Voz.
Participaron Henrique Tello, Javier Losada, número 2 do PSOE, e Ernesto
Pérez Barxa, número 2 do PP, e ex-concelleiro do CDS.
Posible empate entre
PP e BNG Nalgunha enquisa publicada a semana pasada
comentábase que había a posibilidade de que os 12 concelleiros que non
levaría o PSOE, estarían repartidos por igual entre o PP e o BNG, seis
para cada formación.
Erias segue prometendo As promesas
de Antonio Erias parecen inagotables. Ás expresadas a semana anterior de
suprimi-la ORA e subvenciona-los libros de texto, agora engádense vivendas
por 25.000 pesetas ó mes e acceso a Internet gratuito, e asimesmo a
creación de parques en Monte Alto, Vioño, Monelos, Visma e o Castrillón.
Ataque
ós locais de Democracia Galega Na madrugada do xoves alguén
apedreou e disparou balíns contra a sede do partido Democracia Galega, que
se atopa no número 48 da rúa Antonio Machado. O candidato Luis Correa
acusou a "un francotirador, un profesional da manifestación, por suposto
un exaltado doutro partido". Ese mesmo día, pola mañá, parte dunha cornisa
desplomouse sobre un dos vehículos que Democracia Galega utiliza para
propaga-las súas mensaxes. O candidato atopábase moi preto repartindo
propaganda, en San Andrés. Semella unha campaña moi accidentada para este
partido.
Vázquez se basta, e non necesita a Touriño
Vázquez califica de "contraproducente" a intromisión de Touriño
na campaña. O candidato socialista por A Coruña fai máis propaganda que
nunca, preocupado polas enquisas. E ademáis, proclama que non necesita o
apoio de ningún secretario xeral ou, nas súas propias palabras: "o menda
lerenda chega e sobra". "Nas eleccións municipais os que teñen que
intervir son os candidatos"
Erias promete vivendas sociais Na
súa línea de promesas, Antonio Erias prometeu vivendas sociais nunha
visita á Igrexa Evanxélica de Os Castros, porque "o problema dos máis
desfavorecidos é o que hai que abordar en primeiro lugar". Tamén prometeu
mellorar e amplia-los lugares para a celebración dos cultos.
Debate radiofónico
dos candidatos en Oleiros Aínda que non era do todo certo,
e precisamente niso está a noticia. Na emisora Radio Voz celebrouse un
debate cos candidatos dos principais partidos de Oleiros. Participaron
Francisco Cerviño (PSOE), Jesús María Fernández Rosende (PP), Antón
Tenreiro (BNG) e Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños). Éste
último é o grupo ó que pertence a actual alcaldesa, Esther Pita, que se
presenta á reelección. Nembargantes, o fundador do grupo e ex-alcalde, que
está inhabilitado, é Ángel García Seoane "Gelo". De feito, no cartel de
propaganda, aparece a fotografía de Gelo e non a de Esther Pita. Este está
sendo un dos temas máis candentes da campaña en Oleiros. García Seoane
está considerado como "o poder na sombra" en Oleiros.
Tello apoia as
cooperativas para xoves O candidato á alcaldía do BNG,
Henrique Tello, promete o apoio institucional de carácter informativo,
xurídico e financieiro para a creación de cooperativas por parte dos
xoves. Segundo Tello, que considera tamén necesario o impulso de cursos de
formación profesional para xoves desempregados, "os 100.000 millóns dos
orzamentos non deben ser para a promoción e lucimento persoal dun señor
chamado Paco Vázquez".
Vázquez critica ós outros dous candidatos
O candidato socialista á alcaldía, Francisco Vázquez, acusou ós
seus rivais, Erias e Tello, de ocultarse detrás dos seus líderes, Fraga e
Beiras, respectivamente. Dixo que mentres avanzou a campaña, "o BNG
desapareceu e ó PP máis lle valía face-lo mesmo". O candidato socialista
presumiu que "o cidadán percibiu que o alcalde pelexou o voto".
Peche
de campaña na cidade O PSOE pechará campaña cun mitin no
Pazo de Congresos no que Francisco Vázquez será o único participante. O PP
organizou un mitin-festa no Playa Club no que intervirán Antonio Couceiro,
Romay Beccaría e Antonio Erias. Despois haberá un concerto de música
latina. O BNG organiza unha festa lúdica con sardiñas e empanada,
amenizada por un grupo de gaiteiros, no colexio Ramón de la Sagra.
Erias
quere ós mariñeiros na Dársena O candidato do Partido
Popular á alcaldía, Antonio Erias, fixo público un manifesto de apoio ó
porto coruñés, que se asenta sobre a base da "recuperación do emprego, a
revitalización de iniciativas empresariais e sociolaborais ó redor da
actividade portuaria e a conservación dos recursos naturais como fonte
futura de riqueza". Apoiou que a pesca de baixura siga na Dársena e dixo
que "hai que respeta-la tradición, o que non se contradi con outros usos
do porto nin co porto exterior, senón todo o contrario".
Resultado final das
eleccións en A Coruña Francisco Vázquez obtivo de novo unha
aplastante maioría absoluta, con 17 dos 27 concelleiros, mellorando os
resultados que lle auguraban as enquisas. O PP, con Antonio Erias ó
frente, baixou ata os sete concelleiros, xusto os que se supoñían, e o BNG
sube de dous a tres, un ascenso menos amplio do que se esperaba. Ningún
outro grupo obtivo representación.
Quinta maioría
consecutiva de Vázquez Será a quinta lexislatura
consecutiva na alcaldía de Francisco Vázquez, conseguida sempre por
maioría absoluta. O alcalde emocionouse cando lembrou que o membro número
17 da súa candidatura (en loita durante toda a noite co número 4 do BNG)
era para o fillo do antigo concelleiro Esteban Lareo, que morreu en
accidente de tráfico en 1996.
Para Couceiro eran unhas eleccións de
transición Segundo o presidente local do PP, Antonio
Couceiro, "estabamos convencidos que eran unhas eleccións de transición".
"Coincido plenamente con Antonio Erias en que o noso labor é traballar
durante catro anos seriamente, facendo unha oposición constructiva, e irse
preparando para o futuro". Na festa final non estaban nin Lendoiro nin
Romay.
Gran alegría de Tello Henrique Tello, candidato
do BNG, sentía "felicidade pola subida modesta" do partido, "pero non a
costa dos desencantados do PP, senón de aqueles que apostaron pola única
alternativa, a esquerda, a progresista". Tamén estaban moi felices no BNG
pola gran subida nas demáis cidades, e pola acta de eurodeputado acadada
por Camilo Nogueira.
|