|
Última actualización: Venres 28, 6:43:44 PM Enquisas contradictorias para Lugo capital As dúas enquisas publicadas hai días ofrecen resultados moi contradictorios no pronóstico electoral para a capital lucense. Mentras que o traballo encargado polo xornal El Progreso lle da 15 concelleiros ó PP e lle asegura un goberno estable, a enquisa publicada por La Voz de Galicia deixa ós populares con 12 postos, un menos da maioría absoluta, o que posibilitaría o goberno alternativo do BNG (7) e o PSdeG-PSOE (6). Arias admite a posibilidade de pactos co PSOE O candidato do Partido Popular, Ramón Arias, admitíu no chat de Vieiros a disposición do seu partido a pactar cos socialistas despois do 13 de xuño. Malia que as enquisas apontan que o PP ten doado manter a maioría absoluta, Arias amosouse disposto se é necesario "polo ben de Lugo". O candidato escribíu sempre en castelán (foi o único participante que non empregou o galego) e preguntado pola súa opinión respecto da suspensión das oposicións municipais, dixo que lle parece "bien, si eso mejora el acceso a la función pública". Semella que el non forma parte do equipo de goberno que fixo a convocatoria. Os candidatos do BNG e PSdeG-PSOE, hoxe no chat O chat de Vieiros adicado ás eleccións terá hoxe dous representantes lugueses, os candidatos á Alcaldía polo BNG e polo PSdeG-PSOE, Branca Rodríguez Pazos e Xosé López Orozco. A candidata nacionalista estará no chat a partires das 18:30 e o socialista, e a cita con Orozco é ás 20:00 horas. Dafonte: "Temos un proxecto mundial" Carlos Dafonte, o candidato de Esquerda Unida - Izquierda Unida á Alcaldía de Lugo, estivo o mércores no chat de Vieiros e aproveitou o coloquio para defende-lo proxecto que el representa como "mundial, europeo, estatal e galego" fronte ós seus antigos compañeiros de Esquerda de Galicia. Por ese motivo considerou que a escisión non terá apenas incidencia no resultado final e que non perderá case votos dos máis de 6.000 acadados hai catro anos. Programas e biografías en Gaceta de Lugo A ampla información de Vieiros sobre as eleccións do 13 de xuño ten o seu complemento na oferta de Gaceta de Lugo. Programas e biografías dos candidatos da capital luguesa, os resultados de 1995 en tódolos concellos da provincia e artigos de análise integran o especial Municipais'99 do informativo dixital lugúés. O BNG insiste na necesidade de democratización Branca Rodríguez Pazos pasou polo chat de Vieiros. Segundo ela, a democratización do Concello sería o cambio máis importante dun goberno que ela dirixese. Preguntada sobre que faría unha alcaldesa nacionalista e comunista na capital da provincia que rexe Cacharro Pardo, a candidata do BNG dixo que precisamente o cambio que necesita a cidade pasa por esas premisas e que neste caso concreto sería un cambio liderado por unha muller. Orozco rexeita un pacto co PP López Orozco chegou a entrar no chat de Vieiros, moi tarde, por certo, pero só por un intre. Antes de respostar á primeira pregunta, quedou sen conexión e non atopou xeito de restablecela. O que non puido dicir en Internet díxoo nun acto do partido. Quixo deixar moi claro que non vai pactar có PP en ningún caso, porque o que Lugo necesita é un cambio de política despois de tantos anos. O candidato popular, Ramón Arias, amosárase un día antes, no chat de Vieiros, disposto a chegar a acordos de goberno cós socialistas se non acadaren maioría absoluta. De Vivero propón a creación de reservas biolóxicas Unha das propostas de Esquerda de Galicia - Os Verdes nas municipais é a creación de pequenas reservas biolóxicas na zona rural de Lugo. Estas áreas integraríanse en rutas turísticas na natureza que se completaría coas rutas culturais, de xeito que se acada a promoción económica que o municipio de Lugo precisa. Xurxo de Vivero, o ecoloxista que encabeza a candidatura de EdeG-OV, foi o último candidato de Lugo que pasou polo chat de Vieiros e O Correo Galego. |