Eleccions municipais 99

O teu concello
Candidaturas
Intencion de voto
Linha directa
- Juan Luís Pedrosa (PP)
- Miguel Anxo Fernández Lores (BNG)
- Roberto Taboada Rivadulla (PSdeG-PSOE)

Noticias anteriores

Especial Eleccions
Programa do BNG para Pontevedra

"Para mellorar as cousas en Pontevedra"

Bases para un cámbio necesário

Chegou o momento dun cámbio político en Pontevedra, un cámbio que permita superar a situación de parálise e declive á que nos levou a direita; un cámbio que sente as bases, que relance o proxecte o noso Concello cara ao século XXI.

Pontevedra vai ter un cámbio substancial, Pontevedra vai ter un governo do BNG como eixe e motor dun decidido cámbio de rumo. Quere a cidadania, quere o BNG que este cámbio sexa profundo e definitivo e para iso hai que pór as bases, os roteiros dese cámbio de xeito realista e positivo, acadar que esta nova xeira teña un camiño correcto e non poida desembocar nunha nova frustración.

Estas bases profundas e necesárias para sacar a Pontevedra da situación na que se atopa e dar-lle perspectivas de futuro son colectivas: temos que crer nas nosas forzas, recuperar a auto-estima, e planificar e coordenar as enerxias sociais e institucionais.

Temos que crer nas nosas forzas. Pontevedra ainda ten os recursos, a povoación e o dinamismo social, cultural e económico suficientes como para, con estas enerxias ben dirixidas e aplicadas, poder construir un porvir próspero. Recursos temos de sobra; o que hai é ter vontade e ganas de aproveitá-los; a situación actual e consecuéncia das políticas que padecemos; con outro tipo de política que aproveite os nosos recursos, Pontevedra vai recuperar o pulso do futuro.

Temos que afortalar e recuperar a nosa auto-estima. Para isto hai que recuperar o valor de ser pontevedrés e pontevedresa, de que formamos parte dunha colectividade á que merece a pena e é moi positivo pertencer e de que entre todas e todos podemos facer un Concello modélico.

Debemos planificar e coordenar as enerxias latentes na nosa sociedade e que xa se liberaron parcialmente en Pontevedra nos últimos anos nos diversos níveis sociais, multiplicando-as e aplicando-as a unhas accións previstas e planificadas para a consecución duns obxectivos ben definidos e asumidos. Cando menos, o BNG entende que o prioritário na sua acción de governo vai ser converter o Concello na institución que cumpra esta decisiva función de coordenar, planificar e catalizar estas enerxias, convertendo-se asi na institución que asuma e exerza o liderato efectivo e democrático de toda a sociedade pontevedresa.

 

Liñas básicas do governo municipal do BNG

O Programa de Governo está dividido en catro grandes apartados: Democratización Municipal e Participación Social, Urbanismo e Meio Ambiente, Xeración e Xestión de Recursos, e Promoción do Benestar.

A. Democratización Municipal e Participación Social

Frente á actual situación na que o concello é un reduto pechado, con unha xestión nefasta, dominado por intereses particulares, na que nen tan sequera se recebe aos cidadáns nen aos seus representantes, onde domina a prepoténcia, o Governo do BNG vai transformar o Concello, convertendo nun ámbito de transparéncia e equidade, nun modelo de axilidade e eficácia na xestión, porque nos queremos unha Pontevedra profundamente democratizada, cunha democrácia participativa e non só representativa, cun elevadísimo índice de coparticipación, de corresponsabilidade da sociedade na toma de decisións e na mesma xestión a través de fórmulas organizativas acaídas a tais fins, os Consellos Sectoriais e o Consello Xeral Municipal.

Fronte a actual estado de cousas nas parróquias e bairros, que están a sofrer un proceso acelerado de desintegración debido á política de caciqueo, imos construir unha Pontevedra onde a cidadania estexa integrada socialmente en bairros e parróquias, cos seus centros de relación social tanto ao ár libre como pechados e cun nível de servizos sócio-comunitários axeitado ás necesidades e posibilidades. Unha Pontevedra que se articule en parróquias e bairros co seu correspondente recoñecimento xurídico-administrativo, e cos seus órgaos democráticos de governo, os Consellos de Bairro e Parróquia.

B. Urbanismo e Meio Ambiente

-Integraremos Pontevedra na Área Territorial Urbana que formamos xunto con Poio, Marin, Soutomaior e Vilaboa, facendo deste xeito que pasen á história os pleitos de estremas e os localismos de curtas miras; se os problemas son comuns, as solucións poden e deben ser tamén comuns e actuar coordenadamente tanto na solución dos problemas de xestión internos como, e sobre todo, cara fóra, cara a reivindicación ante outras Administracións.

-Traballaremos para que Pontevedra sexa quen de impulsar e liderar un pólo formado pola Área Territorial Urbana de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés que sexa capaz de ser competitivo e servir de equilíbrio dentro do chamado Eixe Costeiro Atlántico, definindo correctamente o noso papel dentro deste eixe e obxectivando as nosas relacións cos demais pólos, nomeadamente o de Vigo.

-Defenderemos unha Pontevedra ben comunicada por ferrocarril, co aeroporto de Peinador, coa Autovia A-52 e coa Autovia de Portugal, mediante conexión directa e non a través de Vigo.

-Pularemos por unha Pontevedra con boas comunicacións co Salnés e co Morrazo, con unha circunvalación efectiva e racional, que conecte o Campiño, único xeito de que este parque empresarial teña futuro.

-Levaremos a cabo unha actuación sobre o meio ambiente tanto urbano como rural non só conservacionista senón cunha concepción moito máis ampla como fonte xeradora de riqueza, de entorno agradábel, de produción, de criación de traballo, de aproveitamento das terras e dos montes, de prevención de incéndios, etc.

-Recuperaremos o noso valiosísimo e único sistema Ria-Rios como fonte de calidade de vida, de riqueza e de atractivo turístico, saneando-o completamente e adoptando as medidas de traslados de indústrias nun horizonte a curto e médio prazo.

-Recuperaremos o crecimento harmónico da cidade e a sua conexión co rural, para que pase á história a especulación pura e dura e o estrago da cidade e de todo o Concello; poremos as bases firmes e percorreremos un longo camiño avanzando na dirección de que o Concello sexa un lugar agradábel para viver, humanizado, de mellor calidade urbana; que a cidade deixe de ser un mero e vulgar armacén de edifícios e de coches, para ser un contorno para as persoas, executando un novo grande parque, reordenando o tráfico, primando seriamente o transporte público sobre o privado e recuperando as escasas superfícies públicas para disfrute da cidadania.

-Aplicaremos as máximas enerxias para que o Casco Antigo de Pontevedra sexa decididamente un foco de promoción e progreso con políticas sérias e planificadas, corrixindo a anarquia de usos e de intervencións que se dan na actualidade.

-Sacaremos o noso Concello de SOGAMA, aproveitando o lixo para xerar riqueza e postos de traballo, para fertilizar as terras e eliminar deste xeito todo perigo de construción da empacadora de Vilaboa-Pontevedra.

-Imos actuar tratando ao rural igual que a cidade, exactamente igual pois para nós todos os cidadáns son iguais ante o Concello.

C. Xeración e Xestión de Recursos

-Reorganizaremos e racionalizaremos a administración municipal, para que o Concello sexa unha institución modélica na xestión dos servizos públicos e na administración dos seus recursos materiais e humanos.

-Lograremos unha Administración transparente na información e no gasto público, eliminando a burocrácia para responder coa máxima axilidade ás demandas cidadás.

-Planificaremos e coordenaremos as actuacións a desenvolver mediante a elaboración dun Plano Estratéxico para Pontevedra e a sua Área.

-Potenciaremos Pontevedra como núcleo administrativo, comercial, turístico, cultural, universitário e de servizos, proxectando-a para que cumpra un importante papel como centro de referencia da sua área urbana.

-Impulsaremos a xeración de actividade económica aproveitando os recursos turísticos, modernizando o comércio e convertendo a Pontevedra nun atractivo e dinámico espazo comercial, cultural e de ócio.

-Potenciaremos o Cámpus e promoveremos unha maior integración da vida universitária dentro da cidade.

-Defenderemos o mantimento no máis posíbel das institucións derivadas da capitalidade, ainda sendo conscientes de que o novo entramado administrativo lle ten restado moita da sua virtualidade.

-Faremos que o Concello asuma un papel activo na criación de postos de traballo, impulsando un Pacto Local polo Emprego no que se coordenen e se canalicen as actuacións actualmente dispersas, poñendo de acordo a todas as institucións e a todos os axentes económicos e sociais que teñan relación, directa ou indirecta, coa criación de emprego.

 

D. Promoción do Benestar

-Posibilitaremos que a cultura recupere o protagonismo que tivo noutras épocas, con proxectos colectivos de grande envergadura como a Fundación-Museo Castelao, pero ao mesmo tempo mediante unha elevada acción de animación sócio-cultural, que atenda aos diversos intereses e chegue a toda a povoación.

-Apoiaremos desde o Concello o labor dos clubes deportivos, pularemos polo Deporte como referéncia colectiva do Concello, como elemento de relación, integración e dinamización social e mesmo de desenvolvimento económico; ao tempo que promoveremos que toda a povoación disfrute da actividade física e deportiva para mellorar a saude e a calidade de vida.

-Defenderemos que a Área Territorial Urbana de Pontevedra conte con unha rede de centros de ensino que sirva de preparación axeitada para as necesidades da sociedade e do sistema produtivo, mellorando a descompensada rede do Ensino Secundário Post-Obrigatório prevista pola Consellaria de Educación.

-Promoveremos a educación, entendida como un proceso que se desenvolve dentro e fóra da escola e ao longo de toda a vida, que ten que servir para nivelar as desigualdades sociais e como instrumento de transformación cara a unha sociedade máis xusta e igualitária.

-Avanzaremos na superación do espírito caritativo tan arraigado en certos sectores da vida pontevedresa, atendendo asi aos máis desfavorecidos, e sobre todo, evitando que se sigan criando bolsas de marxinación e pobreza.

-Poñeremos as máximas enerxias en corrixir as desigualdades por razón de xénero, impulsando con decisión actuacións que permitan facer de Pontevedra un Concello modélico no que respeita á participación activa e igualitária da muller na vida social, económica e política.

-Impulsaremos meios e medidas para facer da mocidade un grupo social dinámico, cun elevado nível de autoorganización e participación social, desenvolvendo unha acción de governo que atenda as demandas e intereses da xuventude e que lle de perspectivas de futuro.

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG por Pontevedra
Candidatura do BNG por Pontevedra


O teu Concello | Intención de voto | Noticias anteriores | Especial Eleccións99 | Vieiros