Eleccions municipais 99

Especial Eleccions

Última actualización: Venres 28, 6:43:44 PM

Toxo e Villanueva falaron onte cos internautas
Os candidatos polo PSdeG ás municipais de Santiago, Luis Toxo e Manuel Villanueva, contestaron onte martes no chat organizado por Vieiros e El Correo Gallego as preguntas que sobre urbanismo, vivenda, facenda, tráfico, lles fixeron os internautas. Entre outras cousas, Toxo anunciou o establecemento de tarifas reducidas nos aparcamentos para traballadores e residentes e Villanueva explicou a xestión e as cifras da débeda municipal. Hoxe mércores teremos no chat o candidato do PP Dositeo Rodríguez, tamén ás seis da tarde. Para saberdes polo miúdo que foi o que se falou onte, podedes ver a transcrición aquí.

Encarna Otero visita o seu barrio
A candidata nacionalista acudiu o martes ao barrio onde naceu, Pontepedriña, para comprobar o estado de abandono que este presenta, segundo o BNG, por parte do goberno municipal. Encarna Otero considera que é imprescincible comunicar Pontepedriña co centro de Santiago mediante un paso subterráneo e comprometeuse a mellorar as infraestructuras de urbanismo, especialmente en canto á rehabilitación de espacios públicos e de vivenda.

PP e DG, cos empresarios do Tambre
Os empresarios do Polígono industrial do Tambre recibiron onte visitas electorais por partida dobre: do candidato popular Dositeo Rodríguez e de María Sierra, de Democracia Galega. Mentres esta última propuña unha forte remodelación de todo o polígono debido ao seu "grave deterioro", Dositeo, acompañado do conselleiro de Industria Antonio Couceiro, falou de introducir Compostela "na empresa do século XXI" por medio de infraestructuras de tecnoloxía punta, especialmente nas telecomunicacións.

O BNG mantense á marxe facendo campaña nos barrios
A candidata do BNG, Encarna Otero, segue a recorrer o Concello compostelán parándose en canto local social de barrios ou de parroquia existe, manténdose aparentemente á marxe do cruce de acusacións que mantiveron estes dias PP e PSOE relativos a fraudes e pucheirazos. No local social de Aríns, Otero reclacou un dos principais obxectivos do seu programa, "priorizar as políticas de súde e benestar social, descentralizando a rede municipal de servicios sociais e colaborando estreitamente coas asociacións". O domingo, no Castiñeiriño, recalcou a importancia do diálogo coas institucións á hora de levar a cabo infraestructuras e iniciativas de tipo cultural, principalmente.

PSOE e PP disputan o voto a golpe de inauguracións
A carreira electoral en Santiago, que as enquisas presentan máis que disputada, está a facer que á xa apretada axenda dos políticos se lle sume o labor de cortar cintas a esgalla. O pasado venres foi inaugurado o Hospital Clínico Universitario de Santiago, unha mastodóntica obra de avanzada tecnoloxía que Fraga e Bugallo coincidiron en adxudicarse. Á inauguración deste "intelixente" edificio asistiron ducias de cargos do PP, incluído o candidato a Raxoi, Dositeo Rodríguez, e varios membros da corporación municipal. O actual alcalde e candidato socialista, Sánchez Bugallo, subliñou que o Concello aportara case mil millóns dos 21.000 que costou o proxecto e Cochón e Fraga lembraron o ben que funciona o SERGAS. Moita cinta e moito bombo para un hospital que non estará aberto ata despois do verán...

De paseo por San Pedro
E mentres Manuel Fraga non para de cortar cintas por toda Galicia, Bugallo reparte o seu tempo de campaña entre inaugurar obras e prometer outras novas. O sábado estreouse a remozada rúa de San Pedro, que non se abrirá ao tráfico ata o vindeiro xoves, e ademais do alcalde e candidato socialista tamén asistiron ao acto Encarna Otero e María Jesús Sáinz, como membros da corporación municipal e demostrando teren tamén algo de responsabilidade no remate da rúa. E o alcalde en funcións -que incluso ten tempo para deixarse ver no concerto que Os Diplomáticos ofreceron na Alameda- xa vai anunciando outras obras, como por exemplo a remodelación de Xoán Carlos I.

Acusacións de fraude e de "medo a debater"
Por se a política de inauguracións e de promesas en campaña non é dabondo, Dositeo e Bugallo xa comezaron a tirarse mutuas acusacións de fraude electoral. Ao PSOE non se lle escaparon as palabras dunha muller que lle preguntou pola rúa a Dositeo se xa tiña "arranxados" os votos dos asilos, e xa levou a gravación dese momento, captada por un xornalista, á Xunta Electoral. O PP non lle deu importancia a esa gravación e coontratacou acusando o PSOE de ofrecer transporte de balde nas residencias. Por suposto, Bugallo nega esta acusación e convida a clarexar o tema, xunto co do plan do Ensanche, nun debate público. Argumenta que Dositeo "fuxa dos debates", e este asegura que "non hai medo a debater" e que agarda que cos dous encontros que restan as ansias do candidato socialista "queden satisfeitas".

Independentes de Santiago xa ten web
O partido dos Independentes de Santiago de Compostela (ISC) conta xa coa súa propia páxina web. Nela atopamos información sobre este partido de nova creación e sobre a candidatura que lidera Maria del Carmen Fajardo, así como o perfil biográfico desta profesora de historia que se presenta por primeira vez á alcaldía de Raxoi.

Tocino, nas beiras do Sar e do Sarela
A ministra de Medio Ambiente, Isabel Tocino, acompañou o luns ao candidato popular, Dositeo Rodríguez, na súa campaña para apoiar "un programa de ideas magníficas no que se refire a Medio Ambiente". Ademais de asistir ao mitin que o PP celebrou no hotel Araguaney, Tocino visitou o contorno dos ríos Sar e Sarela e mais o Monte Pedroso e sinalou que a calidade ambiental de Santiago non está á altura do seu prestixio cultural e artístico

De Ánxel Casal a Encarna Otero
Xosé Manuel Beiras proclamou onte a Encarna Otero como a heredeira do espíritu de Ánxel Casal -alcalde nacionalista compostelán asasinado no 1936-, no mitin que o BNG celebrou o mércores 8 en Santiago e no que participaron a candidata santiaguesa e Camilo Nogueira. Encarna prometeu ser unha "alcaldesa para todos" e facer de Compostela un "crisol" de culturas e de referencia para todos os galegos. E o cabeza de lista para as europeas lembrou o "vergoñento" feito de que Galicia fose a terceira comunidade autónoma con peores infraestructuras ferroviairas despois de Baleares e Canarias...

Santiago seguirá rodeado por concellos do PP
Na comarca de Santiago as cousas non cambian demasiado e segue a manter a hexemonía o Partido Popular, que goberna en seis dos nove concellos veciños con maioría absoluta.En Brión son os indepedentes quen revalidan a maoiría absoluta e en Touro segue o mesmo alcalde, só que en vez ir polo PSOE agora vai coas siglas de Democracia Galega. Destes concellos, só Vedra se alzaría cun goberno de esquerdas, encabezado polo PSdeG-PSOE. Velaquí a nova composición dos concellos:
  • Ames: 10 PP, 4 BNG, 3 PSOE
  • Boqueixón: 9 PP, 2 PSOE
  • Brión: 8 CGI, 4 PP, 1 BNG
  • Oroso: 6 PP, 4 PSOE, 1 BNG
  • O Pino: 11 PP, 1 BNG, 1 PSOE
  • Teo: 10 PP, 4 PSOE, 3 BNG
  • Touro: 7 DG, 5 PP, 1 BNG
  • Val do Dubra: 8 PP, 4 PSOE, 1 BNG
  • Vedra: 6 PSOE, 4 PP, 2 AVIVE, 1 BNG



  •