|
|
- Alfonso Eiré: Cidadáns ou clientes dos concellos - Fernando Varela: Un triángulo ¿inestable? - Xosé María Palmeiro: A dimensión Europea - Tino Santiago: As preguntas do 13-X As opinións dalgúns editores dos Vieiros do exterior: - Xose Ramil: Tan lonxe, tan preto - Rafael Rey: ¿Que votan os galegos en Uruguai? - Paul Álvarez: O voto do emigrante |
Un triángulo ¿inestable? FERNANDO VARELA, redactor de La Voz de Galicia Galicia chega ós comicios municipais do 13 de xuño cun mapa político que, a pesar das tendencias comunmente aceptadas e que reflicten unha lixeira tendencia á baixa do Partido Popular (PP), un ascenso do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e un retraimento do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE), resulta ser enganosamente estable. Ven isto a conto porque despois de case vinte anos de exercicio democrático, case esquecidas aquelas taxas de abstención que caracterizaban ós galegos na transición, o máis doado é pensar que o triángulo formado por conservadores, nacionalistas e socialistas constitúe un polígono sociopoliticamente asentado. E quen así pensen deberían botar unha ollada á debilidade que amosan os vértices da figura: hai que agardar á desaparición (física ou política, tanto da) de líderes como Manuel Fraga ou Xosé Manuel Beiras antes de empezar a facerse unha idea do verdadeiro grao de consolidación das súas forzas políticas no tecido social e electoral (o mesmo cabe pensar no caso dos socialistas, mergullados nunha crise de incerto desenlace). Salvada esta cuestión de principio, as vindeiras eleccións municipais teñen necesariamente que situarse no contexto da década protagonizada por Manuel Fraga, un período no que a hexemonía dos conservadores na administración (en tódolos seus escalóns) e nas diferentes instancias sociais e culturais ten acadado cotas inéditas no noso país. O PP xógase o 13 de xuño unha das súas cartas máis valiosas: o reparto de poder na administración local. Os dirixentes conservadores dominan como ninguén a mecánica política a pé de obra, a máis próxima ós cidadáns. Con esa arma (gobernan tres de cada catro concellos) teñen construido boa parte da súa influencia social. Esta é a razón pola que tanto BNG como PSdeG-PSOE van poñer o acento da campaña na necesidade de remover esa base social. Ámbalas dúas forzas políticas están convencidas de que un retroceso do PP nos concellos pode senta-la bases para acada-lo seu obxectivo principal: desprazar da presidencia da Xunta a Manuel Fraga nos comicios que, como moi tarde, se celebrarán no ano 2001. Pola súa banda, o PP afronta nos comicios a necesidade de mante-la hexemonía ou, o que é o mesmo, limita-los danos que lles poidan causar os seus adversarios, as polémicas e escándalos que teñen protagonizado da man do Valedor do Pobo ou do Consello de Contas e o desgaste propio de quen leva nove anos no Goberno da Xunta e nin sequera poden xa botarlle a culpa dos problemas ó Goberno de Madrid. As ringleiras conservadoras dan por perdida a alcaldía de Pontevedra. Se son desprazados da de Vigo e non conseguen compensalo coa conquista de Santiago (están volcando a meirande parte dos seus esforzos en ámbalas dúas vilas) terán difícil aparecer ante a opinión pública como gañadores, inda que manteñan o control da maioría dos demáis concellos. Pola contra, se manteñen Vigo e acceden ó goberno de Compostela, terán compensado con creces calquera retroceso porcentual que poidan padecer. O BNG, unha vez acadada a velocidade punta nas eleccións autonómicas, ten ante si o reto de confirmar que o seu apoio social non tocou teito. O incremento de votos en comparación coas municipais de 1995 dáse por feito e só a confirmación do seu recén estreado papel de segunda forza (por enriba do PSOE) pódelles permitir mante-las expectativas abertas cara ás eleccións xerais do ano 2000 e, sobre todo, as autonómicas do 2001. Sen esquecer que ese segundo lugar, alí onde o consigan, é a mellor garantía coa que contan para facerse coa alcaldía nos concellos onde o PP non acade maioría absoluta. O PSdeG-PSOE, despois de varios meses sen a penas problemas internos (polo menos cara á opinión pública) precisa desesperadamente frea-la súa caída electoral. Un novo retroceso sería un desastre para os actuais dirixentes e reabriría a batalla polo poder que os socialistas galegos se empeñan en reavivar despois de cada fracaso. O único síntoma de recuperación digno de tal nome que poden considerar válido pasa por quedar por diante dos nacionalistas, unha prioridade que xa empeza a apuntar a posibilidade de que os pactos poselectorais vaian ser máis complicados do que nun principio parecía. Así as cousas, máis aló das verbas
autocompracentes que sen dúbida escoitaremos na noite
electoral por parte de tódolos partidos, só pode haber
unha vara de medir os resultados do 13 de xuño: que se
manteña a situación actual ou que aconteza un cambio
sustancial. BNG e PSdeG-PSOE, á marxe da batalla particular
que libran entre eles, saben que sen un retroceso do PP nos concellos
pouco ou nada poden esperar das vindeiras eleccións
autonómicas. Ir arriba A dimensión Europea XOSÉ MARÍA PALMEIRO, Director de ONDA CERO-Galicia Deberiamos ter moi presente a inevitable dimensión europea destes comicios, a necesidade de proxectar más globalmente o local. Tamén polo que atinxe á reafimación de Galicia un pouco máis alá. Deberíamos. Pero a bon seguro a batalla local non permitirá abrir moitos vieiros nesa dirección. Polo demais, de portas adentro semella que non haberá grandes variacións cuantitativas, aínda que pidan paso xa algunhas modificacións, cualitativas, algúns cambios nun mapa ata agora moi marcado, abonado e controlado polo monoteísmo. Algo se moverá no día de autos, e, algo máis, nos posteriores ó reconto. O Partido Popular, con todo o peso institucional, electoral, sociopolítico, económico, mediático e inauguracional -entre outros- tirará "a BLOQUE" para evitar sorpresas, nomeadamente no eixo urbano atlántico. O reto dos nacionalistas pasa por un novo impulso das tendencias alcistas xa coñecidas. Os socialistas semellan dispostos a non asumir riscos para manter posicións e recuperar o moito tempo perdido. Hai outras bazas, claro, pero -máis ou menos "independentes"- estarán en función dos "grandes". Así que moito ollo ós parches, ás cintas e a
algunha chapuza de urxencia. E non perdan de vista a "súa"
pantalla. Ir arriba As preguntas do 13-X TINO SANTIAGO, Xornalista Un tema recurrente na literatura de Jorge Luis Borges é o do poeta que consigue que un verso, se cadra unha palabra, non só reflicta a realidade senón que se convirta na realidade mesma . Así, o poema sobre a batalla será o medo e o compañerismo, a suor e o sangue, o caos da fuxida e a satisfación da victoria. tódalas contradictorias vivencias realidade o mesmo tempo. Esa é a meta imposible de cada escribidor ou polo menos, xa que non podemos recrea-la realidade mesma, crea-la ilusión de que a comprendemos, de que a facemos nosa. Este longo preambulo non é máis ca unha reviravolta para disculpa-la miña pouca competencia para dar un diagnostico do que pode pasar o 13-X, a convocatoria máis complexa na historia da democracia moderna en España. E como saber preguntar é o primeiro paso para poder saber, aí van as preguntas do 13-x.
Ir arriba As opinións dalgúns editores dos Vieiros do exterior: Tan lonxe, tan preto XOSÉ RAMIL, Editor de Vieiros Madrid Dende o punto de vista da politoloxía, tanto as eleccións municipais como as europeas quizá sexan as que máis interesantes nos resulten, e por motivos practicamente antagónicos. As eleccións municipais son as que máis preto caen aos cidadáns. É moi posible que estes coñezan persoalmente a algún candidato das diferentes listas, coñezan a súa traxectoria e, a lo menos, intúan cál será a súa maneira de facer política, no caso de que se trate dun candidato novel. En realidade, é como se fosen miles as eleccións que van ter lugar o 13 de xuño, unha por concello. Na maioría das vilas, temos moitas probabilidades de atoparnos cos candidatos na rúa pedindo o voto. Non nos aledemos, digamos o que pensamos, o que queremos, o que opinamos. Só cada catro anos, e nun período de quince días, poderemos ter a seguridade de que os candidatos nos escoitarán. Ben distinto é falar das eleccións europeas. Non é casualidade que coincidan no día unhas eleccións tan preto dos cidadáns, as municipais, con outras tan lonxe, as europeas, e esta vez aínda máis. Os acontecementos no panorama internacional, no que vai de ano, están condicionando a forma de facer campaña de cara ás europeas. Os dous grandes partidos do Estado, PSOE e PP, pouco falan de Europa, prefiren centrar a atención nas municipais, porque o panorama europeo non é moi alentador. Temos unha guerra, parece que a piques de acabar, pero que traerá moitos problemas políticos e humanitarios, da que os políticos non gustan de falar nos mitins. O PP apoia incondicionalmente esta guerra e un militante do PSOE, Javier Solana, a dirixe. Só os partidos á esquerda do PSOE están poñendo de relevo unha Europa en crise. Pero aínda hai máis, só hai uns meses que dimitiu a Comisión europea. Foi a súa maior crise institucional dende o Tratado de Roma. Moitos esperamos que con esta crise o Parlamento europeo sairía reforzado. Non parece que vaia ser así. Os Gobernos da UE parecen dispostos a ceder boa parte da súa soberanía económica para a circulación libre de capitais, pero nin un anaco da soberanía política para institucións europeas de carácter político. O parlamento europeo é a única institución do vello continente elixida directamente polos cidadáns, pero o seu poder político é ínfimo. Por iso se permite ser tamén a institución con máis liberdade para criticar a política arrasadoramente neoliberal de institucións tan xoves como o Banco Central Europeo. Europa non vai ben. O ano pasado houbo unha forte campaña da moeda única coa que, dende xaneiro deste ano, xa se fan transaccións comerciais e, teoricamente dentro de tres anos, circulará fisicamente. ¿Por qué será que este ano xa non se fala tanto do euro? Tan lonxe, unhas eleccións para unha institución que non da acadado unha posición política forte. Tan preto, unhas eleccións onde podemos abordar aos candidatos, facerlles propostas, recriminarlles o que prometen e non cumpren, mostrarlles a nosa simpatía ou antipatía. Os que vivimos fora de Galicia, temos que facer esforzos por saber quén se presentan, qué posibles alianzas pode haber, que predín as enquisas, etc. Pero sentirémonos algo máis preto da nosa vila seguindo a campaña pola prensa, navegando por Internet e votando por correo. E seguirémonos sentindo igual de lonxe desa Europa de comerciantes en crise. Ir arriba ¿Que votan os galegos en Uruguai? RAFAEL REY, Editor de Vieiros Uruguai ¿Realmente os galegos da emigración, cando votan, coñecen a realidade política de Galicia?. ¿É lexítimo que xente que non vive en Galicia incida nas eleccións? O tema do "voto emigrante", coma é dado en chamar, sempre foi motivo de polémica tanto en Galicia coma no resto do Estado Español. Desde que a Constitución do 78 consagrara-lo dereito dos emigrantes a votar por correo, as opinions foron dispares. Hai que di que o dereito o voto coma tal non debe prescribir nin suspenderse por mor da residencia temporal ou definitiva no extranxeiro. Mais están os outos que din que xente que leva moitos anos fora e descoñece a realidade concreta de Galicia non debería intervir en decicions póliticas que en definitivan non van a afectarlle a él directamente. Lembrome das primeiras eleccions nas que os galegos de Uruguai votaban por correo, daquela era o referendum polo Estatuto de Autonomía, alá polo ano 80. Venme a memoria o asombro de meu pai intentando comprender que era aquelo da Autonomía, o comentario con seus paisanos era que agora poderían falar galego sin que foran tratados de paletos, ignorantes e burros. Por enton Galicia ainda era para moitos o recordo duna pequena aldea, as cartas da familia, que chegaban ou non, dependendo do funcionamento dos correos, e a propaganda do franquismo tardío por meio de publicacions coma "Carta de España" ou mesmo desde alguns centros galegos moi afectos a facer loubanzas do xeneralísimo e o seu rexime. Hoxendía en alguns casos as cousas seguen igual, pero poderíase decir que a relidade da emigración virou moito desde aquela. Agora os galegos da diaspora estamos bastante mais o tanto do que pasa na nosa terra, en parte polo esforzo que faise desde a propria Galicia para que non quedemos illados e fundamentalmente polo avance nas comunicacions: o teléfono, os avions, os satélites, internet, etc., que fan que a xente teña unha aproximación a realidade, que se ben non é o mesmo que estar alí, danos un panorama un pouquiño mais axeitado do que está a pasar en Galicia. E non debemos ezquecer as "visitas" dos políticos galegos por estas datas. Certo é que desta vez non veu Fraga, pero chegaron moitos alcaldes, candidatos a alcaldes, concellais e candidatos a concellais, e mesmo hoxe temo-la ilustre visita do Presidente do Congreso dos Deputados, Federico Trillo, coma para que os emigrates vexan que non so Fraga está a "preocuparse" polos temas da emigración. Sen dúbida os partidos mais poderosos, os partidos no poder, teñen mais posibilidades de comunicarse cos emigrantes, aprobeitando calquera viaxe institucional, calquer actividad política internacional, entran en contacto cos galegos de eiquí. Polo contrario as forzas políticas que non dispoñen de cartos públicos para estas andainas, elle mais complicado facer coñecer os emigrantes as suas propostas. Iste é seguramente o gran problema dos galegos en Uruguai, o acceso a información, a toda-la información, non somente a "versión oficial". Os problemas "técnicos" foron superandose, os inconvintes cos correos foron solucionandose coa posibilidade de votar nos proprios consulados españois, conformáronse padrons electorais actualizados con todos aqueles cidadans censados, en fin, o mecanismo electoral funciona bastante ben. En canto a motivación dos emigrantes, esta foi medrando nos últimos tempos, incluso a dos fillos. Sen dubida interesa o que está a pasar en Galicia. Pero o gran defice sigue a ser o que plantexabamos: a posibilidade que todalas opcions políticas poidan comunicarse cos galegos de fora en igualdad de condicions, que desde o aparello do Estado non haxa unha informacion cesgada da realidade. Iste é o único xeito de que o voto emigrante sexa realmente un voto democrático, plenamente válido e lexítimo. Ir arriba O voto do emigrante PAUL ÁLVAREZ, Editor de Vieiros Alemaña Pódese afirmar, baixo o meu punto de vista, e despois de dous anos de observación do fenómeno, que o voto do emigrante prodúcese condicionado por unha importante ausencia de información. Como exemplo, podo nomear a desinformación total sobre o programa dos diferentes partidos que conforman a actualidade política galega e española. Na miña estancia en Frankfurt nos dous últimos anos, levo vistas cousas que dan que pensar. Mentres que tres ou catro persoas afiliadas ao partido socialista, convirten certos comunicados do Consulado e do Consello Xeral da Emigración en verdadeiros panfletos electorais nunha campaña que xa dura catro anos, a información que chega procedente doutros partidos como o PP ou o BNG e absolutamente nula. Ademáis de esta falta de información, outro dos factores que fai que o voto do emigrante sexa un voto condicionado, é a causa da chegada dos emigrantes hai trinta anos, e o resentemento que esta provoca hacia o que coñecemos como dereita, aínda que hoxe non teña nada que ver cunha dictadura nin nada que se lle pareza. Por outra parte débese facer referencia ao sentemento nacionalista case inexistente entre os emigrantes galegos, en parte quizáis debido a esa pouca información, pero principalmente porque é moi difícil ter un sentemento nacionalista canto se leva tantos anos no extranxeiro. A terra quérese máis cando un está lonxe pero non hai qie confundir iso co nacionalismo; aquí todos se sinten moi orgullosos de ser españois, e están convencidos de que non é necesario renegar de España para ser máis galego, as dúas cousas son compatibles. Así, penso que estou en condicións de afirmar que o 90% do voto emigrante vai destiñado á ezquerda e en moitos casos nin sequera se produce, posto que non hai que esquecer que unha grande porcentaxe deste voto é a que conforman os votos da segunda e terceira xeración de emigrantes, e entre eles reina unha crecente despreocupación pola vida política do seu país de orixe, independentemente de que estas tamén sexan unhas eleccións europeas. Xa noutro orden de cousas, nin que dicir ten que a pesar da falta de información, a política é un dos temas de conversa máis habituáis, pero xa se di que de polítia e de fútbol todo o mundo entende. Referente a isto, e como anécdota destas eleccións, a conversa destes días se centra nunha chegada un pouco tardía das papeletas para votar, e na posibilidade de que sexa unha maniobra gubernamental posto que ao goberno non lle interesaría o voto do emigrante. En fin, algo ten que haber que lle poña o morbo. Especial Eleccions 99 | Vieiros | Ir arriba |