SOCIEDADE DA INFORMACIÓN EN GALICIA
Un novo tempo histórico


Ninguén nos vai preguntar se queremos estar nisto. A Sociedade da Información é un feito histórico, igual que no seu día a revolución industrial ou a invención da imprenta, algo que modificará o contorno e o contexto das nosas vidas, a organización das sociedades, as relacións interculturais e o noso comportamento persoal.

Dicía Neil Postmann que, periodicamente, segundo cada momento histórico, as sociedades tenden a pactar coas novas tecnoloxías (a roda, a imprenta, a máquina de vapor) e que dese pacto nacen os novos modelos de cultura e civilización, os novos paradigmas. Podemos quedarnos ou actuar. Este é o dilema.

A Sociedade da Información e o Coñecemento enfróntanos a un novo tempo histórico, do que polo de agora só albiscamos a cabeciña do iceberg. Moitos modelos, usos, rotinas e valores desaparecerán, algúns especialmente queridos. Outros permanecerán, ou mudarán. Outros aparecerán novos... En calquera caso, a sociedade galega (o conxunto de intereses e valores que a constitúen) enfróntase unha vez máis ó desafío da súa propia identidade, en certo modo: a súa vontade de querer ser. Igual que sucedeu co Humanismo e a Imprenta. Igual que sucedeu cos cambios do Antigo Réxime á modernidade histórica. A identidade dos pobos (e dos individuos) non é algo eterno, nin inamovible, é un feito dinámico, que se apoia na capacidade de adaptación, dialogo e resposta en cada momento.

Prepararnos e dotarnos de recursos para este novo tempo é unha cuestión vital, case diría que de supervivencia, diante da cal cómpre tomar posiión e non caben posturas ambiguas. Ou queremos estar (e poñemos oe medios para conseguilo) ou a enxurrada nos leva por diante.

Víctor F. FREIXANES
Relator da ponencia "Galicia na sociedade do coñecemento" do proxecto Galicia 2010



Vieiros | Sociedade da información en Galicia