ENTREVISTA CON JOSÉ ANTONIO FERREIRA, ITC COMUNICACIONES

"Ninguén da Xunta se interesou nunca por nós"


J. Ferreira








"A R fanlle máis caso e nin é galega nin é nada. ¿Que ten R? ¿Que fai? ¿Cantos clientes ten? ¿Onde está a súa rede? ¿Téñena despregada, funciona? Estamos a ver tamén no mundo dos media un certo salvagardar dos intereses de R"
















"Xa pasou a época de falar, agora hai que transmitir datos. Hoxe a información é poder"
















"As empresas de Galicia teñen que ser máis competitivas. E iso conséguese a base de incorporar novas tecnoloxías"
















"O goberno da Xunta é clave e debería tomar unha posición máis activa"
















"Usamos o galego porque cremos que é o idioma do noso país"
José Antonio Ferreira é o clásico "self-made man". Un home feito a si mesmo e cunha empresa que agora move miles de millóns e dá traballo a máis dun cento de traballadores. E quéixase... "Fíxate, lanzamos o primeiro operador 100% galego e non tivemos noticias de ningún organismo, nin da Xunta nin de ninguén que viñera preguntar que carallo eramos", afirma. "Iso é triste". Ferreira admira a outros, que coma el, sendo da Coruña foron quen de construír empresas e vender fóra: Amancio Ortega ou Tojeiro. Pero comecemos polo principio...


VIEIROS. De ITC sorprende, sobre todo, a súa chegada a escena. Ninguén, agás a xente do sector, sabe moi ben de onde saístes, pero o certo é que xa tedes 15 anos de historia detrás, non?

J.A. FERREIRA. Ben, o certo é que o do operador era un proxecto bastante complexo e entón, para estar seguros de que o desenvolvemento do software que xestiona funcionase perfectamente, decidimos poñelo en marchasen facelo público. Así, contratamos os primeiros 500 clientes -fidelizados e que nos coñecen- porque no caso de que houbera un problema sería máis fácil de subsanar. Unha vez cumprido os primeiros tres meses de proba -que era unha proba real- procedemos a facer público a saída da nosa operadora. E así foi...

V. Pero antes vendiades centraliñas, teléfonos móbiles... ¿Como foi esta transición? ¿Houbo unha inxección de capital? Cóntanos un pouco como foi todo...

F. Nós empezamos hai 15 anos no sector das telecomunicacións co único producto que daquela estaba liberalizado. Isto non é máis ca froito da liberalización, da caída do monopolio de Telefónica. Naquel momento, no 86, o único servicio de telecomunicacións ao que nós podiamos acceder eran os sistemas de radiocomunicación privada. Instalabámosllo ás policías locais, ás empresas de construcción, de transporte, para que se comunicaran entre eles. Vamos, o que vulgarmente se chaman "walkie-talkies"... Dous anos máis tarde liberalizouse o segmento da radio búsqueda, os buscapersoas. Aí empezamos a distribuír un servicio de Telefónica que se chamaba Mensatel.

Posteriormente, no ano 90 comezou a telefonía móbil, cando era de verdade móbil, é dicir, cando eran aparatos que se instalaban nos coches. Nese momento empezamos a distribuilo. E logo chegou o GSM, que é o sistema que perdura hoxe, que é a 2º xeración de telfonía móbil. Agora xa estamos ás portas de comezar a distribución de UMTS.

No que respecta á telefonía básica, hai tres anos que se liberalizou. A primeira empresa que entrou no mercado foi Retevisión, e nós aí estivemos asinando un contrato de distribución con eles. De todas formas, a nosa intención é darlle servicios aos nosos clientes, e consideramos que estes operadores globais que teñen a súa ubicación en Madrid ou Barcelona non son o suficientemente coidadosos co xeito de facer as cousas aquí, coa idiosincrasia das empresas en Galicia, que merecen e teñen necesidades específicas que eles non cumpren.

Vimos a necesidade de que Galicia contase cun operador galego que comprendera tanto as grandes urbes como dunha empresa dos Peares ou do Barbanza.

V. ¿Cal é o voso reparto accionarial? ¿Hai algún gran grupo detrás?

F. Detrás da nosa compañía hai dous socios: un son eu e o outro é Juan Carlos Rey, que leva a parte técnica. Non existe nin financiamento nin ninguén detrás de nós, o cal non quere dicir que non o intentaran ou que non tiveramos ofertas, que efectivamente as temos. Empezamos modestamente e a repercusión do tema obríganos agora a sobredimensionarnos.

V. Para facérmonos unha idea do tamaño de ITC.... ¿Cal é o voso volume de negocio?

F. Actualmente temos máis de 2.000 clientes, nun 90% pemes e un 10% residencial porque nos solicita a xente das pemes liñas para as súas casas. Imos dar agora servicio residencial porque gracias a unha campaña na hai moitos particulares que queren traballar con nós. Iso no que é o operador.

ITC é unha empresa que o grupo o ano pasado facturou máis de 1.000 millóns de pesetas. Son 5 razóns sociais co mesmo accionariado. E este ano a previsión era 1.500 pero creo que o imos sobrepasar.

V. Cantos traballadores tedes?

F. Actualmente somos unha plantilla media de cen persoas.

V. ¿Tedes rede propia ou revendedes/alugades liñas doutras operadoras?

F. Nós o que fixemos foi sacar unha licencia de `reseller' ante a Secretaría Xeral de Comunicacións e agora neste momento encontrámonos en pleno desenvolvemento da licencia B1 e facendo o proxecto de nodos de conmutación na Coruña, Santiago e Vigo. Sería para o primeiro semestre do ano 2001.

V. Entón agora mesmo non tedes rede propia, ¿non si?

F. Non, subcontratamos redes de terceiros.

V. ¿Tedes numeración propia ou premarcación?

F. Xa solicitamos numeración e terémola, gracias á licencia B1, cando teñamos os nodos de conmutación.

V. ¿Ides ofrecer datos ou só voz? F. De todo tipo. Ofrecemos voz, datos, Internet, multimedia... Tamén outros servicios como intelixencia de rede e valor engadido. Damos acceso directo a través de tecnoloxía LMDS. Con respecto a Internet, unha conexión con acceso directo.

V. ¿Ofreceredes tarifa fixa?

F. Ese mercado é aínda unha incógnita. É probable que a deamos en certas franxas horarias.

V. ¿Ides dar servicios só ás cidades ou tamén nas zonas rurais?

F. Nós montamos o operador para chegar ata a última poboación de Galicia cos nosos servicios, ben sexa con acceso directo ou indirecto. Hai zonas onde non se pode chegar directamente.

V. ¿Qué vantaxes ofrece ITC? Se eu fose unha pequena empresaria, ¿por que ía elixirvos a vós e non a outra empresa máis consolidada, como un operador grande?

F. Se es unha peme elixes ITC porque, primeiro, é máis barato, a nosa factura media é a máis barata do mercado actualmente: contra o operador dominante, Telefónica, chegamos a aforrar máis da metade da factura. Segundo, porque ITC ten unha experiencia de 15 anos dando servicios de calidade e tena certificada no entorno ISO 9002. E ademais somos a única empresa de Galicia, e podía dicir de España, que non nos quedamos só en darlle a voz e os datos á empresa, se non que nos facemos cargo do mantemento da rede, montamos e mantemos a centraliña, os sistemas de comunicación móbil, de radiocomunicación e trunking... Non é o único servicio: o operador ITC é un dos servicios que nós temos.

V. Explíqueme iso das redes de fonotendas DIGA...

F. Hai un ano e pico decidimos facer unha escisión da empresa en dúas vertentes. Para o cliente residencial unha cadea de tendas, Diga, e para as pemes conservamos o nome da matriz, que era ITC. A estratexia de venda do operador cando vai a residencial é facer que Diga distribúa os servicios de residencial de ITC, que é un acordo que acabamos de asinar entre os dous departamentos.

V. En canto a Internet, ¿cales son os vosos plans de futuro inmediato?

F
. En base á nosa web estamos facendo un portal onde vai haber contidos interesantes sempre dirixidos a Galicia. Sería un portal xeralista, con información, banners publicitarios, con algunhas cousas de interés para o sector: como teño que coidar da batería, do meu móbil, as mellores tarifas,...

V. ¿E cando vai sair?

F. Pois non o sei, hai xente traballando agora, e non sei, pouco a pouco... Pero por aí van os tiros. En Internet, imos abrir un apartado de comercio electrónico na web de Diga, onde se poderán mercar teléfonos, a través dunha pasarela bancaria, cunha tarxeta... dirixido ao público de Galicia.

V. Pasamos agora á parte "filosófica" da cuestión J... ¿Cre que Galicia é unha sociedade tecnoloxicamente avanzada?

F. Non, nin moito menos. Hai que recoñecer que politicamente se fixeron enormes esforzos por parte da Xunta en que se contratara RDSI, en subvencións, en equipamento... pero eu penso que o avance tecnolóxico vai moito máis alá.

Primeiramente, fíxate, lanzamos o primeiro operador 100% galego e non tivemos noticias de ningún organismo, nin da Xunta nin de ninguén que viñera preguntar que carallo eramos. Iso é triste. E nós tampouco imos alí porque tampouco pretendemos nada deles. Pero simplemente é unha mostra do interese que hai neste país polas empresas. Iso si, interese dos clientes, moitísimo.

V. Si, efectivamente, foi sorprendente a vosa chegada...

F. Claro, sobre todo porque somos unha empresa pequena...

V. Se cadra, é por iso polo que non vos fan caso...

F. A R fanlle máis caso e nin é galega nin é nada. ¿Que ten R? ¿Que fai? ¿Cantos clientes ten? ¿ Que é R? ¿Onde está a súa rede? ¿Téñena despregada, funciona? Estamos a ver tamén no mundo mediático un certo salvagardar dos intereses de R. De feito, houbo medios que participan no accionariado de R, que no seu momento viñeron á rolda de prensa e nos coseron a preguntas e logo non saíu ningún artigo no xornal. Iso dáme que pensar... Pero iso non vai ser óbice para que nós sigamos a medrar.

V. Dime como ves Galicia dentro de 20 anos, dentro xa da chamada "sociedade da información".

F. Galicia hai que vendela, iso é o que penso e o que pensei sempre. Galicia é unpaís que hai que vender turisticamente, por iso respaldo moito a xestión da Xunta coa montaxe do Xacobeo e estas historias.... Creo que iso é moi beneficioso. As empresas de Galicia téñense que poñer ao día, automatizarse, utilizar a transmisión de datos, migrar a protocolos informáticos sobre IP para podelos utilizar sobre Internet. Téñense que automatizar máis e apostar e, sobre todo, apostar polos servicios de transmisión de datos móbiles.

Xa pasou a época de falar, agora hai que transmitir datos. Hoxe a información é poder e cada día máis. Nós o que aportamos nese sentido son proxectos e sistemas de axuda á explotación onde unha empresa, cun visionado dunha pantalla, sabe onde ten as grúas, cando se puxo a traballar a empregado, cantos metros cúbicos bombeou,... Iso é información on line para poder tomar decisións... ao fin e ao cabo estamos a falar de competitividade. As empresas de Galicia teñen que ser máis competitivas. E iso conséguese a base de incorporar novas tecnoloxías.

V. ¿Es pesimista ou optimista?

F. Optimista, totalmente. Eu penso que a xente non coñece Galicia. Sinto moita admiración por persoas como Amancio Ortega ou Luis Somoza ou Tojeiro, con iniciativas de saír adiante, de vender os seus productos fóra, de mellorar e de facer industrias. Eu penso que no futuro, cando se coñeza máis Galicia e a xente que hai aquí, que é marabillosa e traballadora, florecerán iniciativas tanto de aquí coma de fóra.

V. Identifíqueme empresas e persoas clave na comunicación en Galicia.

F. O goberno da Xunta é clave e debería tomar unha posición máis activa. No futuro, o poder está cada vez máis en mans dos concellos, e penso que estes deberían tomar unha parte máis activa no desenvolemento empresarial do concello. Nomear unha persoa... non sei. Non hai, creo, nin sequera nas empresas. A única referencia é Televés, porque logo está Arteixo Telecom que, vaia por Deus, non consigue... Lin o outro día na prensa que por fin collera carga de traballo suficiente para todos os traballadores… iso é triste. É moi triste tamén que todos os equipos, agás no caso de Televés, que se instalan son de fóra de Galicia e tamén de España.

V. Ti cres que unha lingua como o galego ten futuro nun mundo como o das telecomunicacións e de Internet?

F. Está clarísimo. Eu creo que en Galicia se ten que falar galego e iso non quere dicir que se deixe de falar castelán. É dicir: o ser humano ten a liberdade de falar como lle entendan, pero a tendencia é a que se fale galego e que as comunicacións se fagan en galego. Nós facemos a nosa comunicación en galego, agás cos clientes que nos piden o contrario. Non somos sectarios: usamos o galego porque cremos que é o idioma do noso país.



Vieiros