ENTREVISTA CON MOHAMED KHADAD,
responsable do Frente Polisario ante a MINURSO


"Nós non buscamos o desequilibrio do Magreb senón a independencia do noso territorio"

Mohamed Khadad insiste en todo momento nunha única idea que repite ata a saciedade: a única paz pasa pola celebración do referendum de autodeterminación, tal e como se asinou nos Acordos de Houston de 1991. Levan 25 anos agardando e non están dispostos a facer concesións cunha chamada terceira vía ou vía francesa que lles ofrece certo estatuto de autonomía dentro de Marrocos. Como tampouco se amosan partidarios de aceptar que a opción da súa independencia entrañe inevitablemente o desiquilibrio do Magreb. Eles só queren o que reclaman como seu. Mohamed Khadad



"Hai potencias que non están dispostas á partición de Marrocos"











"Non estivemos sufrindo durante 25 anos para aceptar logo un estatuto de pseudoautonomía. Os saharauís somos pobres pero temos loitado pola nosa independencia"
















"Se nestes momentos se celebrase o referendum, a opción independencia gañaría nun 95-97% a favor dos saharauís"
O continuo aprazamento da celebración do referéndum de autodeterminación acordado en 1991 por ámbalas dúas partes parece ter o seu cerne nas numerosas apelacións presentadas polos cidadáns...

Non é un problema técnico. Iso é evidente. Das 198.000 voces escoitadas pola comisión de identificación, 110.000 viven en Marrocos. O fracaso da política marroquí de converter ós saharauís en marroquís está claro. Agora queren facer ó revés e facer pasar ós marroquís por saharauís para incluílos no censo e non o logran tampouco. O caso é que o propio James Baker recoñece no seu último informe que, dez anos despois dos Acordos de Houston, o verdadeiro problema está en que esquenceron os mecanismos para impor os resultados do referendum. Daquela crían que o resultado ía ser a victoria marroquí e non eran necesarios métodos, agora saben que os resultados vannos ser favorables e vense atados. En realidade, os mecanismos ós que se refire teñen unha traducción política clara: hai potencias que non están dispostas á partición de Marrocos. Tentan facer ver que a liberación do Sahara Occidental vai ser unha desestabilización da zona e iso é unha mentira: nós non buscamos o desiquilibrio do Magreb senón a independencia do noso territorio. Estamos dispostos a favorecer a estabilidade na rexión, dispostos a negociar se o que realmente lles interesa é unha solución ó conflicto. A opción independencia non debe ligarse necesariamente á opción desestabilización. O que si pode desestabilizar efectivamente é a falta de democracia interna en Marrocos e o cancro que supón para a economía marroquí manter a ocupación do Sáhara Occidental.

¿Cal é o estado actual das negociacións?

Marrocos non pode continuar a guerra pero tampouco pode impor a súa paz porque esta pasa inevitablemente pola celebración do referendum. O importante é que nós vamos agora sen condicións á mesa de negociacións. Ata o de agora inscribímonos nunha perspectiva de paz pero se vemos que non hai resultados, que a presencia da ONU no territorio vai significar máis sufrimentos para nós e que as conversas con Baker non avanzan e protexen exclusivamente a orde establecida por Marrocos, daquela tomaremos a nosa responsabilidade e aplicaremos a política que poda defender o noso dereito.

Parece bastante claro que o Frente Polisario non está disposto a aceptar entón a chamada terceira vía ou vía francesa: uns estatutos que permitan ós saharauís certa autonomía dentro de Marrocos

Non o faremos nunca. Non estivemos sufrindo durante 25 anos para aceptar logo un estatuto de pseudoautonomía. Os saharauís somos pobres pero temos loitado pola nosa independencia. Existe unha cultura e unha loita que non se poden ignorar: temos un proxecto político, cultural e organizativo que require dun estado. A única paz pasa pola celebración do referendum de autodeterminación, tal e como se asinou nos Acordos de Houston de 1991.

¿Cal é a súa valoración política tras dun cuarto de século de exilio?

-É importante salientar varias cousas. En primeiro lugar que Marrocos non puido impor a súa solución militar en 25 anos. En segundo lugar cómpre subliñar a resistencia do pobo saharauí en prol dos seus dereitos. Ademais é necesario agradecer unha vez máis o apoio do Estado Alxeriano e indicar que se nestes momentos se celebrase o referendum, a opción independencia gañaría nun 95-97% a favor dos saharauís. Son conclusións clarísimas; todo o peso de 25 anos de presión segue emerxente nos novos tanto nos campamentos coma nos territorios ocupados.

O peso para a economía marroquina do control dos territorios ocupados resulta bastante forte.

Imaxínese. 120.000 soldados marroquíes no Sahara Occidental con dobre soldo e tódolos membros do corpo administrativo cobrando dúas veces máis ca un funcionario normal. E alí non obteñen apenas beneficios xa que a explotación de fosfatos é ó mínimo e dos caladoiros de pesca sacan uns 25 millóns de ouro anual. Nada que ver coa lacra que lles supón manter a normalidade na zona. Actualmente a axuda externa da Unión Europea no canto de destinarse a sanear a súa economía dedícase a manter a guerra e o control do Sahara ocupado. E se a isto lle engaden a falta de alternancia política en Marrocos deducirán que a situación é crítica

De tódolos xeitos a morte de Hassan II e a toma de poder polo seu fillo parece ter aberto a porta da esperanza do cambio

Dubido realmente das capacidades do novo monarca marroquí. El non ten as aptitudes políticas de seu pai e todo parece máis unha operación de publicidade internacional que de verdadeiras intencións. A prensa española fala do cambio en Marrocos co novo rei cando con parte das pertenzas do monarca sufragaríase a débeda marroquí. Nada fundamental cambiou, todo é unha fachada da que non hai alteracións no transfondo estructural. Marrocos segue a defender a súa condición negociadora pero sen dar un paso adiante. Necesitan verdadeira coraxe e determinación política nestes momentos.

¿Cal é o papel que xoga aí a Unión Europea?

A política exterior francesa é o principal condicionante da política europea no Magreb. Esta política traballa cun cliché arcaico nesta historia de descolonización e a súa opción é evidente: o Sahara é de Marrocos, entre outras razóns porque son conscientes de que a volta ós nosos territorios reforzaría a Alxeria, o malo da película para eles.

Estados Unidos semella un elemento interesado na celebración do referendum. De feito dende hai uns anos o delegado especial para o Sahara da ONU é sempre un norteamericano

Son amigos de Marrocos tamén pero hai que recoñecerlles que desexan unha solución pacífica acá, malia que a independencia condiciona os seus intereses en Alxeria. Non están volcados completamente pero si existe gran diferencia entre o seu papel e o xogado polos franceses. De tódolos xeitos, considero que unha das cousas fundamentais para a consecución da paz é o desenvolvemento de relacións entre Alxeria e Francia e, como non, entre Marrocos e Alxeria. Isto podería axudar a un feliz fin do conflicto.

Rosa Aneiros



Vieiros