LUISA GONZÁLEZ, alcaldesa da Veiga do Valcarce

"Tarde ou cedo, o galego será oficial na Veiga"


Luisa GonzálezLuisa González é a alcaldesa socialista da Veiga do Valcarce, o concello estremeiro do Bierzo que fixo historia o 24 de febreiro deste ano ao proclamar oficial o galego oficial. Pero logo das presións por parte da Junta de Castela-León (e quen sabe se algunha máis), o acordo que fora proposto polo grupo da oposición (Renovación de Valcarce) foi revogado o 31 de agosto nun polémico pleno que botou polo chan parte dos azos que collera o movemento galeguista no Bierzo. Pero ela deféndese dicindo que "hai que ser realistas", que agora non é posible, pero que se o for, a ela pareceríalle moi ben....


"Mira ti que temos que ver nós cos de Valladolid.... ¡Somos Bierzo! E o Bierzo é máis afín ao Caurel ou aos Ancares que á Maragatería... De Vilafranca para aquí somos coma os dos Ancares"





















"Non é certo que cambiara a cooficialidade por subvencións"





















"E ese pensamento de son menos cós demais porque falo galego' aínda non desapareceu en Galicia e moito menos aquí"





















"A cooficialidade en si non axuda a preservar o galego. Creo que hai outras accións que fan máis polo galego, como a materia optativa, clases para adultos,..."
Vieiros. O venres 31 no pleno do seu concello revogouse a cooficialidade. E todos nos preguntamos os motivos...

LG. É que cando se aprobou a Junta interviu a continuación e dixo que era ilegal. Entón meteron o Concello nun contencioso, no Tribunal Superior de Xustiza e este remitiu o acordo adoptado e dixo que era imposible admitir a cooficialidade, aínda que dixo que se podían admitir outros acordos que se adoptaron naquel pleno para preservar o tema do galego. Porque iso tería que ser a partir dunha lei orgánica no Congreso dos Deputados.

Entón mantivemos distintas conversacións coa Junta e vendo a imposibilidade, a cousa era ou quedarse a cero e non facer nada polo tema ou poñerse a traballar nas cousas que podía existir algunha probabilidade. E despois de moitas reunións chegamos a un acordo: retirábase a cooficialidade e a Junta colaboraba noutros aspectos: o galego como patrimonio, o tema de facer estudios de bilingüismo, as sinalizacións en bilingüe, todas esas cousas aceptábaas. Pero non o da cooficialidade, aínda que eu creo que nalgún momento terá que aceptalo, porque está aprobado a nivel europeo e tarde ou cedo van ter que desenvolver esta historia.

E foi por iso que se revogou, porque ao Concello tampouco lle interesaba nun momento determinado litigar coa Junta. Íalle supoñer un coste importante e non iamos sacar ningún beneficio. Iamos perder o pleito para nada. E pensouse no mellor.

V. Na prensa berciana publicouse algo así como que vostede cambiara o asunto da cooficialidade por subvencións.

LG. Non, iso non é certo. Eu o único pacto que fixen coa Junta no tema da cooficialidade foi o de dicir "se nisto non podemos traballar, pois desenvolvemos o resto dos temas do galego ata onde se poida". O tema desas subvencións que dá a Junta a este concello xa estaba pedido dende hai tempo, tanto o do alumeado do Camiño, como o da residencia.

V. Pero no Concello de Lubián, que seguiu ao da Veiga na declaración de oficialidade, non se revogou...

LG. Non se puido revogar porque non se mandou. Vamos a ver... en Lubián hai tempo que están sen secretario, entón, si que se aprobou a moción, pero non se mandou en ningún momento á Junta. Entón se non se manda, e alomenos foi iso o que me dixo Felipe (o alcalde), non existe, e polo tanto non se pode revogar.

V. ¿Cales son as directrices do PSOE autonómico no que respecta ao galego do Bierzo e de Zamora?

LG. O PSOE está por apoiar o galego e por facer todas as accións necesarias, porque é unha riqueza, é algo que temos nós e que non ten outra xente. E de feito a min apoiáronme sempre.

V. Si, pero o Bierzo é unha zona con moitos alcaldes socialistas e a maioría deles son bastante contrarios ao galego, ¿non?

LG. Porque, pasa aquí e pasa en Galicia, o tema de falar galego antes era síntoma de desprestixio, e de que tiñas un baixo nivel cultural e económico, e cando saías da casa dicíanche: "Ti fóra fala castelán, oiches?". E ese pensamento de "son menos cós demais porque falo galego" aínda non desapareceu. Será un problema de conciencia que quizais leve anos superar, e o que se pretendeu dende A Veiga foi tentar que a xente se sinta a gusto falando galego, que ten algo máis que os que só falan español.

V. ¿E que medidas se están a levar agora mesmo dende o Concello?

LG. Agora mesmo estou pendende da Junta para ver en que cousas podemos traballar, con convenios, con subvencións, como fose. Agora mesmo xa vai haber a posibilidade do galego optativo no CRA (Colexio Rural Asociado), xa se asinou o convenio e aprobouse a través do Consello Escolar. E despois vendo a demanda que pode existir de rapaces ou persoas maiores, faremos todo o posible. Fíxose o Mapa Toponímico dos Pobos, que o realizou o Instituto de Estudios Bercianos, e logo veremos todas e cada unha das posibilidades que temos para traballar, e iremos a por elas.

V. E como persoa ¿como ve a situación do galego nos concellos do Bierzo Oeste?

LG. A min dáme medo que se perda o que hai porque nos pobos os rapaces aínda seguen falando, pero canto máis abaixo vas, en Balboa, e na Veiga a xente tampouco fala demasiado, en Trabadelo tampouco e en Corullón tampouco. Entón o que eu penso é que se pode perder e é unha pena, porque ademais é moi nosa.

V. Volvendo ao polémico pleno, a oposición (Renovación de Valcarce) está a preparar un recurso porque -segundo eles- non o convocastes no prazo legal estipulado...

LG. Ben, primeiro ten un mes para presentar o recurso a nivel do Concello, e se o Concello non o acepta irá ao Contencioso. Eu asinei a convocatoria un día 27 á unha da tarde e o pleno celebrouse un día 31. E teñen que pasar 48 horas dende que se efectúa a convocatoria ata que ten lugar. E segundo el (refírese a Gaspar Méndez, voceiro de Renovación de Valcarce) dicía, recibiu a convocatoria un día 29 e, se o pleno foi ás 11 da mañá, non a recibiu ás 11 da mañá, pois foi unha cuestión de horas. Pero teñen dereito a facer o que consideren oportuno.

V. Entón a oficialidade queda anulada a non ser que o recurso acabe gañando, ¿non?

LG. A cooficialidade agora mesmo é imposible tela, non a imos ter. Imos traballar no que podemos. Iso é algo que teño moi claro. E no momento en que sexa posible a cooficialidade, adiante con ela.

V. ¿Non é un pouco contradictorio por unha banda ter medo a que se perda o galego e polo outro revogar a cooficialidade?

LG. A cooficialidade non axuda a iso. E dígoche por qué: a xente chega ao Concello e fala igual, non van cambiar por iso. Porque o único que conseguiría sería que os escritos, os bandos e demais, foran en bilingüe. Hai moita xente que ten moitísimos problemas para ler o galego, hai que ser realistas. Eu mesma teño moitos problemas para escribilo. E agora pode chegar un señor ao Concello e falar en galego igual, eh? E aténdeselles en galego. E creo que hai outras accións que fan máis polo galego que o tema da cooficialidade, como a materia optativa, clases para adultos,... Iso axuda moito máis, porque a cooficialidade en si non axuda a preservalo.

V. Pero se gran parte da cuestión é cousa do prestixio, ¿non cre que un idioma ao ser oficial, ao estar escrito en todas partes, non contribúe a aumentar ese prestixio?

LG. Non sei ata que punto. Eu o que si manteño é que no momento en que legalmente sexa posible, si que se vai implantar, e igual que aquí, en Trabadelo, en Balboa... En principio aos concellos créanos un problema económico. Porque se ti queres traducir os documentos ao galego necesitas a alguén que o faga, e eu teño un secretario que non fala galego, por exemplo.

V. ¿Por que ese empeño dende Valladolid en impedir que un concello pequeniño teña como cooficial o galego?

LG. Ao parecer non é problema só da Junta. É un problema de Lei orgánica a nivel do Parlamento. Algún día terán que poñerse a traballar sobre iso, non lles vai quedar outro remedio. Eu espero que se faga e estou convencida de que se vai facer.

V. ¿Pero logo quen ten a responsabilidade?

LG. A Junta nun dos estatutos está o tema do galego, ten unhas competencias determinadas do Goberno central, pois terá que ter outras que ten Navarra ou Aragón, que agora mesmo non ten, para poder levar isto a cabo...

V. ¿Pero o partido a quen vostede representa está loitando por iso ou vai a remolque do que pasa?

LG. Si, está loitando, de feito Felipe Lubián é do PSOE.

V. Si, pero el mesmo recoñece que é o único...

LG. É o único neste momento, pero pode haber moitos máis... Tampouco é que teñamos unha representación enorme na Junta como para levar unha loita a efecto... hai que ser realistas. Temos non sei cantos procuradores e ten o PP moitísimos máis... Aínda que hai alcaldes do PP que si están a favor do galego.

V. ¿Vostede foi a Bruxelas convidada polo BNG a tratar este tema?

LG. Si, moi ben, ademais un trato exquisito. Xente moi amable, tanto Camilo Nogueira, como Raimon Obiols, ou Enrique Barón. Hai outra forma de facer política en Bruxelas...

V. ¿E que sacou en claro daquel encontro?

LG. Pois nada, quedamos todos en arrimar un pouco o ombreiro a favor destas linguas, porque non é só o problema do galego, acontece o mesmo noutros moitos países. E adquirimos o compromiso de loitar por elas.

V. ¿Cre que o leonesismo está a interferir na reclamación do galego?

LG. Home, obviamente a UPL (Unión del Pueblo Leonés) sempre loita polo seu. Para eles somos leoneses. É que como somos fronteirizos estamos nun espacio que ao final non é de ninguén. Únicamente cando pasan estas cousas a xente di "anda, pois mira, existen, están aí". E máis nunha comunidade tan grande como é Castela-León, e mira ti que temos que ver nós cos de Valladolid.... Somos Bierzo! E o Bierzo é máis afín ao Caurel ou aos Ancares que á Maragatería... De Vilafranca para aquí somos coma os dos Ancares.

V. ¿Persoalmente que che parecería unha hipotética anexión a Galicia?

LG. Non o sei, porque seguiriamos a ser fronteirizos. Historicamente xa pertencemos... o que eu son partidaria é de que as distintas comunidades deberían facer accións conxuntas nos concellos fronteirizos, que sería rendible para todos. E no caso da lingua, un organismo comarcal podería facer ese servicio de traducción de documentos ao galego, por exemplo. Tiña que ser todo máis racional, pero a política faise dende os despachos e xa se sabe...

Xa se sabe como é a política... Con este escepticismo deixamos A Veiga do Valcarce, un pobo pequeno, que antes da autovía debeu ser fermoso. Algúns sinais da estrada están chatados. Barxas, non Barjas, que carafio. E debeu haber festa, porque colgan da praza algunhas bandeiriñas galegas.



Texto: Rocío Castro Tarrío
Fotos: Miguel L. Calzada



Vieiros