OS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A MANUEL SOTO, PRESIDENTE DE ADEGA

"As únicas solucións están na prevención, evitando que os accidentes ocurran"

Especial: A negra sombra do Prestige

Manuel Soto falou na tarde do martes 27 de novembro cos lectores de Vieiros sobre a catástrofe do ‘Prestige’, O traballo dos colectivos ecoloxistas, as responsabilidades da administración, as medidas prioritarias que se propoñen,... foron algúns dos temas tratados. A transcripción íntegra podes vela aquí.

Manuel Soto


"Teremos que falar alomenos de dez anos para a recuperación, e non sempre será total”





























“estamos ante un cambio irreversible...moitas especies e equilibrios ecolóxicos se verán afectados a longo prazo”





























“se o vento leva a mancha contra as rias baixas non se dispón de medios suficientes para evitar un impacto xeralizado”





























“unha vez que temos o derrame todo o que se pode facer é paliar, pero non resolver, as únicas solucións están mais atrás, na prevención, evitando que os accidentes ocurran
"
<Vieiros> Hai unha pregunta de Meendinho sobre a saída do fuel dos tanques...
<MSoto> Todo indica que sairá a superfície; informacións provisionáis dun laboratorio francés asi o indican, pero teremos tempo de velo. Pero o correcto non é facer cábalas sobre se si ou non. É preciso preparar-se para o peor. ¿Pero estáse a facer?

<piche> escoitei que unha parte importante dos peixes das nosas costas pasan nalgún momento polas lagoas que hai perto de Corrubedo, ¿que hai de verdade?
<MSoto> Algunhas especies de peixes viaxan moito, por exemplo as sardiñas. Outras moitas, especialmente mariscos, son máis sedentarias.

meendinho: ¿como afectaría unha posible choiva aceda?
<MSoto> Non hai relación deste tema co da choiva ácida. Só na combustión do fuel recuperado é que aparece este problema.

martacorb: ¿Vanse organizar brigadas esta fin de semana?
<MSoto> ADEGA está a organizar brigadas desde mañá mércores, esperamos que de forma continuada. Temos capacidade para 100 persoas voluntarias.

<edu-pais> Segundo teño entendido, as criaturas mariñas afectadas polo fuel-oil poden verse afectadas por mutacións. ¿Provocará isto uns danos a longo prazo solucionables?
<MSoto> Dúas cuestións. Efectivamente, haberá consecuencias a curto, medio e longo prazo como as indicadas; entre elas as mutacións xenéticas. A máis longo prazo, e a nivel xeral, isto é só un episodio da grave contaminación dos océanos. Estímase que as mareas negras (accidentes) contribúen con só o 15 ou 20% da polución por hidrocarburos dos mares.

<piche> Crés que os medios de comunicación están a darlle a cabida que se merecen aos colectivos ecoloxistas do país?
<MSoto> Ao comezo, desde logo que non. Outros grandes grupos internacionais irrumpen con numerosos efectivos técnicos e humanos. Pero hai outra cuestión, en concreto ADEGA tivo moita máis atención nos medios de fóra, sexa do Estado español, Catalunya, Euskadi... e de toda Europa... de feito para quen menos falamos foi para os medios galegos. En especial para La Voz de Galicia: agardamos aínda que nos chamen por primeira vez, agás unha ocasión na que acudiron a min para perdirme información como técnico.

<sergio> ¿Comunicouse nalgún momento algunha institución (Consellería, Ministerio...) con vós para coordenar os trabalhos?
<MSoto> Sobre a coordinación con institucións. De partida nada. Teño que lembrar que desde comezos do ano pasado, ADEGA e a Federación Ecoloxista galega foron excluidas do Consello Asesesor de Medio Ambiente. Despois, acordamos unha colaboración directa cos concellos: Carnota, Malpica... Con Malpica, conseguimos medios da Demarcación de Costas, e agora estamos traballando na organización de brigadas coordinados con esta, ao tempo que esiximos máis medios e a declaración de Zona Catastrófica. Hoxe mesmo nos chamou o Ministro de Medio Ambiente sr. Matas, e falouse con el pola tarde.

<piche> ¿Vai participar ADEGA na manifestación do vindeiro domingo?
<MSoto> Efectivamente, ADEGA forma parte da Plataforma NUNCA MÁIS, e alí estaremos, mesmo organizando e convocando para ese dia.

<edu-pais> Pensando no peor: ¿canto tempo tardará en rexenerarse o ecosistema costeiro (e o non tan costeiro) que se viu afectado? Falábase duns cinco anos, pero á vista dalgúns informes que falan da altísima toxicidade do fuel-oil do 'Prestige' e logo co tema das mutacións... Un pensa que temos para MOIIIITO tempo, e mesmo que a perda é irremprazábel (¿unha caste de Chernobil químico?).
<MSoto> Non podemos falar de Chernóbil... a radiación é outra cousa máis grave. Pero teremos que falar ao menos de 10 anos para a recuperación, e non sempre esta recuperación é total. Vexamos un exemplo: se só ficaban nas costas galegas menos de 30 parellas de Arao dos cons, cantas fican agora?, se cadra menos da mitade? Se era dificil que 30 parellas sobrevivisen como especie, con este accidente é posible que a especie desapareza. Entón estamos ante un cambio irreversible. Pero outras moitas especies e equilibrios ecolóxicos tamén se verán afectados a longo prazo.

<estherlop> chamando mañá a ADEGA ¿pode a xente apuntarse como xa fixo esta fin de semana como voluntario/a?
<MSoto> Para anotarse nas brigadas voluntarias de ADEGA, podedes chamar ao seguinte teléfono: 680 420 807.

<piche> Que posibilidades existen de que a mancha entre nas rias baixas, de Arousa cara o sur?
<MSoto> Todo é cuestión de metereoloxía. As probabilidades por tanto está aí, e no caso de soprar contra as rias baixas, non se dispón de medios suficientes para evitar un impacto xeralizado.

<melmac> estase traballando duro para quitar o chapapote das praias, ¿pero como ou cando se vai quitar dos penedos?
<MSoto> Quitar o chapapote dos penedos é muito máis dificil. A maior parte está a sacalo o mar... que o vai distribuindo cara outras zonas, disolvendoo na auga, (esta é a parte que provoca toxicidade e malformacións...) e evaporandoo... para o resto, fan falta máquinas con auga a presión, ou mesmo cepillos para fregalas de forma manual: imaxinade... poden-se emrpegar disolventes ou dispersantes, pero a toxicidade destes pode ser tan alta como a dos hidrocarburos, e estamos en contra.

<pisuke> ¿non é unha lástima que a conciencia ecolóxica e de protección da terra teña que vir logo das desgracias?
<MSoto> Convén recapitular: unha vez que temos o accidente e o derrame de aceite, todo o que se pode facer é paliar, pero non resolver, as únicas solucións están mais atrás, na prevención, evitando que os accidentes ocurran.

<Loure> A limpeza das praias supoño que será o máis doado de facer pero, ¿como se limpan os fondos mariños? ¿como se limpa o que está pegado as rochas? ¿Deixando que o faga o mar? Se é así, toda esa merda volve ó mar, e volve entón de novo ás praias ¿como de rexeneran -biolóxicamente e non estéticamente- as praias afectadas?
<MSoto> ¿os fondos mariños? ¿quen pode imaxinar como limpa-los?. Só o tempo, e a capacidade de biodegradación do mar..... pero os contaminantes vanse acumulando, non só os dos accidentes, senón todo o que botamos desde terra, desde os coches, desde os portos, mesmo dede os buques de pesca ou recreativos.

<Loure> ¿o que queres dicir é que a catástrofe non se pode solucionar, que temos todo contaminado, cheo de chapapote, e que nada podemos facer?
<MSoto> NON. Podemos recuperar unha parte do vertido. As estadísticas
din que pouco mais do 20%. Probablemente perto da metade xa se disolveu en auga ou se evaporou á atmósfera, e este vai ser o principal proceso, xuntamente coa biodegradación por micoorganismos. Pero repito: o mais importante é prevenir futuros accidentes, e reducir tamén outras fontes de contaminación. Mesmo reducir a nosa dependencia do petróleo, unha substáncia tóxica e perigosa. Daí o lema de NUNCA MÁIS que elixiu a plataforma.

<piche> ¿Crés que o piche chegou ó fondo nalgunha zona, digoo polos naseiros, ou enlixaron os aparellos ó halalos para bordo?
<MSoto> O piche tivo que chegar aos fondos mariños en muitos lugares e irá chegando ainda mais. Ao comezo aboia na auga, pero a medida que perde volátiles faise máis denso e acaba indo ao fondo. Nas praias temos comprobado como hai bolas a 30 ou 40 cm de profundidade, e cada vez entérrase máis, ainda que en ocasións volta a reflotar.

<piche> ADEGA xa se manifestou na defensa dos rios e das rias, ¿crés que é o momento para quitar dunha vez os depósitos de hidrocarburos do Ferrazo en Vilagarcia?
<MSoto> Efectivamente, estes depósitos teñen que ser alimentados por buques, ainda que de menor tonelaxe, que poden causar marés negras no interior da Ria de Arousa. Un pequeno cargamento deste tipo pode convertirse nunha catástrofe para todo o ecosistema, e para pescadores e mariscadores. A plataforma da Ria de Arousa ten toda a razón e ADEGA apoiouna desde o primeiro momento.

<sergio> Ten ADEGA preparada algunha mobilización (ou semellante) para evitar o paso dun petroleiro como o do Prestige nos próximos dias polo corredor de Fisterra? ¿Non se debería presionar para evitalo?
<MSoto> De forma imediata, penso que nin ADEGA nen ninguén pode evitar o paso de petroleiros por onde teñen autorizado. Pero o que non debemos agardar é a 5, 10 ou 15 anos para aplicar as medidas de seguridade adoptadas depois do accidente do Erica, hai 3 anos...Non podemos aceptar máis moratorias, e outras medidas adicionais terán que adoptarse. Temos que presionar (Manifa do domingo, etc) para que en breves meses se adopten aquelas medidas mais urxentes.

<Loure> Aproveitando a marea negra, hai cantidade de barcos que limpan os seus contenedores na zona ("un pouquiño máis de merda non se nota") mentres os galegos limpamos as praias coa man. ¿Os gobernos están a facer algo para evitalo? ¿seguen pasando 600 barcos diarios polo corredor? ¿Non se podería desviar esta ruta provisionalmente, esperemos que definitivamente?
<MSoto> Sobre o que algúns buques aproveitan para verter... isto ocorre durante todo o ano, día a día, sen que as protestas ecoloxistas teñan moito eco. E é unha indicación máis de que non hai vixiancia, e de que a Xunta de Galiza (ou o Ministerio de MA, de Pesca, etc) lle preocupa pouco o ambiente. Ademais é algo que tamén ocorre en terra, nos nosos ríos, ou mesmo coa empresa PMA que queima aceites de coches en Laracha e foi multada varias veces (multas símbólicas) e agora encárgase do tratamento do piche recuperado... Unha ironia!.

<piche> Non crés que en certa medida os mariñeiros somos pouco consecuentes. Agora poñemos o grito no ceo porque corremos o risco de perder o noso sustento pero non hai mais que dar un paseo por calquera praia e ver a cantidade de merda que teñen...
<MSoto> Efectivamente, son numerosos os vertidos icnontrolados que se poden atopar nas nosas costas, e resíduos químicos en todo o litoral. Isto indica que non hai moita consciencia ambiental, que hai descoñecemento, pero ¿que podemos conseguir se os ministros continuan a afirmar que isto non é unha marea negra e que os danos son escasos? O domingo é unha boa ocasión para sabermos que opina e como reacciona toda a xente implicada, non só os ecoloxistas.

<Loure> ¿cales son as medidas máis urxentes que se deben tomar?
<MSoto> As máis urxentes: alonxar o tránsito da costa e das zonas de pesca (a mais de 200 millas), pero sobre todo esixir o doble casco. Isto último pode facelo a UE e os estados/portos europeos. Outras moitas medidas de seguridade tamén se poden adoptar: mellorar a situación laboral das tripulacións, e sobre todo a vixiancia por parte das autoridades locais, proibir a circulación por augas comunitarias de buques con bandeiras piratas, etc.

<melmac> ¿pensas que se presionou abondo, e refírome tamen ao que fixeron os colectivos ecoloxistas, dende o ultimo suceso, Mar Exeo, para que houbese medios para afrontar estas situacions? ¿púidose facer mais?
<MSoto> A ADEGA colleunos este accidente cunhas xornadas sobre a pesca e o litoral. Nelas abordabamos por exemplo o problema de contamianción desde terra, pero en diversas ocasións tratamos do grave problema do tráfico marítimo. E todas as medidas das que se fala xa foron analizadas e propostas por ADEGA, e outras muitas entidades, hai anos. Sen dúbida puidemos facer moito máis, pero sobre todo a responsabilidade é das institucións públicas, das autoridades.

<tordatron> Os diferentes grupos ecoloxistas, Adega, Greenpeace, WWF,... ¿estades colaborando, hai contacto, traballades xunto nisto ou noutros asuntos?
<MSoto> Traballamos xunto nalgunhas cousas, noutras non, e tamén hai subordinación, ou intentos de impoñer algún liderado. A tendencia destes últimos días é a coordinarse os colectivos galegos entre si (ADEGA, FEG, CEMMA, SGHN) a nivel de actuacións, e coordinarse a nivel de información cos restantes ONGs e tamén coa administración naqueles eidos nos que isto é posible.

<degres> Doulle ánimos a Manolo e a todos nós. Por certo, en Galicia non hai voluntarios/as? Na prensa só saen de Madrid, Greenpeace, etc. ... ou é que tamén nesto hai gato encerrado?
<MSoto> A implicación de miles de persoas galegas, sobre todo da xente nova, sexa das bisbarras afectadas, ou de Compostela, de Ourense, de A Coruña e sobre todo das universidades, foi elevadísima. A resposta de voluntarios é infinitamente superior que no caso do Mar Exeo. Nós mesmos nos vimos sorprendidos (gratamente) e tamén a Admisntiración. ADEGA contou con mais de 300 colaboradores a pasada fin de semana. Agora veremos como vai para os próximos dias. Tamén é certo que chaman grupos desde fora do país buscando quen os coordine. A negativa da administración a aceptar voluntarios foi o único problema neste sentido.

<degres> ¿A que se debeu esa negativa?
<MSoto> A negativa da administración: a que non queren por os medios, e a que están acostumados a facer clientelismo coas axudas públicas. Por iso parece que prefiren pagar a todo o mundo. ADEGA só traballará con voluntarios, sen cobrar, ainda que coordinandose coa admisnitración, pois non se pode facer por libre. Lembro de novo o teléfono para partiticipar con ADEGA: 680 420 807, só para persoas que se atopen en Galiza, pois dificilmente podemos coordinar grupos que veñan de fora. Para as persoas que queiran traballar directamente coa administración, cobrando: 900 606 022. Tamén é unha boa forma de participar, e mesmo estar no allo e esixir máis medios e unha actuación máis decidida.

<Loure> O Comité de Empresa de TVE en Galicia denunciou que o director está impoñendo censura informativa, obrigándolles a omitir palabras coma "marea negra" e facéndolles ocultar o evidente...
<MSoto> Pois o certo é que en inglés úsase o termo Oil Spill, é dicir: derrame de petróleo, o que técnicamente nos traballos científicos se traduce nas linguas latinas por marea negra. Se negan que sexa marea negra, tamén negan que sexa un vertido ou derrame de combustible no mar...



Especial: A negra sombra do Prestige | Vieiros