OS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A RAMÓN CHAO

"Nestas máis vale Chirac ca nada, pero sen ilusións"


Ramón Chao fálanos dende unha conexión de wanadoo.fr, a piques de comezar tralas súas fiestras a primavera parisina. Tamén está a piques de comezar unha guerra. Fala Ramón Chao dende unha postura privilexiada, de articulista en Le Monde, de membro fundador de ATTAc, de man dereita (ou esquerda) de Ignacio Ramonet, e ao mesmo tempo de home de Vilalba fondamente relacionado con Galicia: en constante visita.
















“O meu vindeiro libro será sobre Papus, un esotérico do XIX francés, que naceu na Coruña”



















“Quería montar unha Fundación en Valga, facer un centro cultural, e Pérez Varela nin me contestou”




















“Nin Ignacio Ramonet nin eu poderiamos traballar en Galicia, non poderiamos escribir en ningún xornal”




















“Non renunciei ao premio gastronómico de Lalín, quero darlle o importe a Nunca Máis"
<Vieiros> Xa que falas desde París, como explicas a postura de Chirac ante o inmintente ataque a Iraq?
<vilalba> Chirac pode facelo, porque ten todo o país detrás, a esquerda tamén; Jospin non podería, porque a dereita estaría en contra; de modo que penso que se trata dunha rivalidade entre países capitalistas polo dominio dos mercados.

<Vieiros> ¿É só polos mercados, ou unha loita pola hexemonía?
<vilalba> Exactamente: os Estados Unidos están coa economía moi baixa, e Europa - a vella Europa- quere tomar o relevo. ¡Tanto mellor!

<Rfnga> Eu son malpensado e diría que Chirac é o espírito da contradicción, que segue iso da 'grandeur'. Tería algo de razón?
<vilalba> Iso da 'grandeur' hai tempo que Chirac o esqueceu. Agora trátase de mercados

<Rfnga> Entón, nada de independencia política, só intereses económicos. Do 'heroe Chirac', daquela, nada, non?
<vilalba> Home, na situación actual, máis vale iso ca nada, pero sen ilusións...

<Vieiros> ¿E como valoras a postura de Aznar?
<vilalba> Non ten nome; indecente, servil. O Papa debería excomungalo.

<chao> ¿Que quere conseguir Aznar con este apoio incondicional a Bush, se en teoría se vai retirar nas próximas eleccións? ¿Ser un Sadam á española?
<vilalba> En canto a Bush, ¿qué máis da? Puxérono aí despois dun golpe de estado, e despois poñerán outro peor.

<cume> Queria que me deses tres escenarios... imaxina que traballo nunha enciclopedia e necesito facer o apéndice do 2003... ¿Acabaremos o ano con Irak gobernado por Sadam? ¿con guerra?
<vilalba> Penso que non. Os americanos están dispostos a todo, a arrasar incluso con bombas atómicas.

<Ribeira> ¿E cres que os presidentes belicistas (Aznar, Bush e Blair) poden chegar a ser xulgados polos tribunais internacionais por non cumprir (ao igual que Sadam) as resolucións da ONU?
<vilalba> Os EEUU xa non recoñecen ese tribual. Xa sabemos que a xustiza favorece, protexe os poderosos. O de Nuremberg ocorreu porque perderon a guerra.

<fatima> Despois de Prisciliano, Carolina e a corda de heterodoxos das túas novelas... ¿Cal será o próximo?
<vilalba> Non sei se dicircho cho... Acabo de rematar un libro con e sobre Barceló, e estou preparando outro con Ramonet sobre a mundializacion. Despois, un sobre o Papus, ¿sabes quen foi?

<xenxete> ¿Quen foi Papus?
<vilalba> Foi un grande esotérico do século XIX; un dos máis grandes de Francia, e naceu na Coruña

<Rfnga> Non é unha crítica, pero pertencendo vostede a unha cultura minorizada, non podería facer un pouco máis polas linguas minorizadas francesas dende Le Monde?
<vilalba> Eu no Monde escribo críticas de novelas españolas e latinoamericanas: qué lle vou facer...

<Rfnga> Xa, pero de cando en vez... entre liñas...
<vilalba> Ben, entre liñas escribo moito, pero as linguas minoritarias francesas, moitas delas, terían que resucitar ata chegar a ter unha literatura.

<Arau> Lin o artigo sobre os celtas de Ramón. Estou de acordo e aínda "por estética" tamén me sinto celta, sobre todo en Novembro.
<vilalba> O artigo non era meu: era unha resposta miña.

<Ribeira> ¿Como era a relación nos anos mozos entre a familia Chao Rego e Fraga Iribarne en Vilalba?
<vilalba> Interesante. Eu pai tiña un hotel fronta á casa dos Fraga. Viñanme a oír tocar o piano. Meu pai dáballes banquetes de balde, as primeiras comuñóns das irmás e ata a voda da sua irmá... Así foi sacando bolsas, non porque eu fose xenial...

<cume> Seguro que estás cansado de que cho pregunten, pero ¿que tal te levas co teu hipercoñecido fillo Manu?
<vilalba> ¿O que? Lévome de marabilla, cun verdadeiro amor recíproco.

<Ribeira> ¿Como é a relación que tes co teu grande irmán Pepe, o noso tan prolífico escritor, pensador, teólogo, antropólogo, lingüista, etc... ¿Falades a cotío? ¿Non cres que aquí Pepe está, digamos, algo censurado?
<vilalba> Co Pepe teño unha relación moi cariñosa. Chamámonos case todos os días por teléfono. É un gran tipo. Non sei se está censurado, pero é moi modesto. Sempre digo que o malo e que escriba tanto de relixión!

<melmac> Algo me comentaron dun proxecto que tiñas aquí en Valga... ¿podes avanzarnos algo?
<vilalba> Eu quería montar unha fundacion, e doarlle a miña biblioteca para facer un centro cultural. Pérez Varela nin me contestou, e dinlla ao Instituto Cervantes de París. Están encantados.

<Ribeira> ¿Son certos os rumores de que algúns artigos asinados na Voz por Ignacio Ramonet están escritos por ti e viceversa?
<vilalba> É certo. Pero non che vou a decir cales. Ese é o misterio.

<Ribeira> ¿Cres que hai xente dabondo para impulsar un xornal decente en galego? ¿Por que cres que aínda non o hai xa?
<vilalba> Home, eu estou en París e non me permito opinar sobre o que descoñezo

<cume> Nos medios franceses hai máis liberdade de expresión ca nos españois? ¿Ves moitas diferencias entre o xornalismo que se fai nun país e noutro?
<vilalba> Ben, sen dúbida o nivel é moito máis alto aquí. Se é certo que El País é o mellor de aí, que o dubido, non chega á altura do Monde, malia todo o que acaba de pasar.

<Vieiros> Por certo, cal é a túa opinión sobre a polémica de Le Monde? Aquí El País só dá unha versión....
<vilalba> Penso que algunhas cousas graves son certas, como o de Plenel, que escribía para un policía, ou o de Colombani, o director, que simpatizaba cos terroristas, e tamén o penso do País, que apoia o Monde, cando condea o terrorismo... Pero eso xa o escribín eu ( ou Ramonet?) nun artigo

<fatima> Ramón, ¿non pensas que ás veces a prensa francesa divulga unha imaxe simplista, reductora de nós, de Galicia, que nos fai pasar do enxebrismo a un neo-enxebrismo (etno ma non troppo, e isto vale tamén para os bretóns) progre?
<vilalba> Penso que ninguén é o embigo do mundo, nin Francia nin Galicia. Sobre todos os países hai clixés, e non vexo que haxa máis con nós.

<Ribeira> En Galiza sempre adoramos o de fóra e non apreciamos o de aquí. A xente ten que triunfar fóra para que lle recoñezan os méritos. ¿Pensas que ti ou Ignacio Ramonet, se estivesedes aquí, teriades o voso traballo recoñecido? ¿Que persoas galegas cres que non teñen o seu traballo recoñecido polo feito de quedaren na terra e non triunfar fóra?
<vilalba> Primero, nin o Ignacio nin eu poderiamos estar aí: non poderiamos escribir en ningún xornal. Penso que o meu irmán, por exemplo, aquí sería unha gran personalidade.

<Vieiros> Ben, Ramón, escribides na Voz de vez en cando...
<vilalba> E certo; mais tamén noutros medios de aquí. Na Voz retéñome, polo do posibilismo. E non creas que non fan esforzos para publicar todo o que mandamos Ignacio e mais eu (ou viceversa)...

<melmac> ¿Non cres que precisamente un par de intelectuais críticos é o que necesita todo periódico... para seguir sendo conservador?
<vilalba> Tamén, xa o temos pensado, que servimos de coartada. Mais ¿qué facer? Sen comparar, cando Sartre publicou as reportaxes sobre Cuba, fíxoo en France Soir, de moita tiraxe, e non na súa revista Os Tempos Modernos.

<Ribeira> Con respecto ao de antes, á xente que non está aquí recoñecida, ¿atreveríaste a dar máis nomes ademais do de teu irmán? E perdoa pola insistencia...
<vilalba> Penso en poetas como Ferrín; aínda que hai xente reoñecida, como Rivas. Tamén coido que Lamazares é un gran pitor, e Ana de Matos, que se estivesen aquí outro galo lles cantara.

<Vieiros> Algo falla na democracia cando os líderes toman decisións á marxe dos cidadáns. ¿Hai un déficit democrático nas sociedades "occidentais"?
<vilalba> Por suposto: as democracias e os Estados están a desaparecer. Agora mandan as grandes empresas, polo diñeiro

<cume> ¿Cal é a túa actividade en ATTAc?
<vilalba> Eu en ATTAc son socio fundador, tal vez de honra, pois só asisto ás reunións.

<Vieiros> Renunciaches ao premio de xornalismo gastronómico de Lalín... ¿sabes que no acto de entrega non leron o teu comunicado, como pediras?
<vilalba> Claro, nin o agardaba. Queríanme facer unha encerrona, que fose alí e que falase no meu nome o xornalista da Razón, de extrema dereita. Non quixen. Pero quero dicir tamén que non renunciei ao premio de Lalín: quero darlle o importe a Nunca Máis.

<melmac> Mira... ¿como andades por aí coas manchas do Prestige... e co petróleo informativo?
<vilalba> As manchas de aquí non son nada en comparanza coas de aí, pero fan moito barullo polo verán que se aveciña.

<daniOrrea> ¿Como se ve en Francia o terrorismo da ETA e a iniciativa do referendo do PNV?
<vilalba> Francia é moito dicir: algúns xornais falan da ETA, pero a xente moi pouco. E o goberno de agora colabora coa policía española: o outro, o socialista, tamén.

<Ribeira> A última... ¿Que pensas do de Egunkaria?
<vilalba> Repito o de antes: estou en Francia e non tenho elementos de xuízo, pero creo que non se pode en xusticia tomar unha decision así, xamais.

<Vieiros> Nas túas respostas hai algo así como un optimismo da vontade e un pesimismo da razón?
<vilalba> Home, a definicion é bonita, e tería que pensala para responderche. Tes razón..


Transcrición íntegra do chat (18/3/2003)



Vieiros