Vieiros rétache a definir a lingua galega a través de propostas gráficas. Queremos que nos digas o que significa para ti a lingua, como ves o seu futuro, ou como cres que se podería mellorar, pero aforrando palabras. Envíanos unha fotografía, que pode ser obtida directamente ou tratada posteriormente, pero sempre tendo como base unha imaxe fotográfica. Quedan excluídos os deseños e ilustracións.
Non queremos rosalías. Non queremos castelaos. A dificultade da proposta é que deberedes evitar unha serie de tópicos tabú. As fotografías non poderán incluír nin retratos de autores ou xente da cultura, nin bandeiras, nin, libros, nin letras, nin bibliotecas, nin imaxes de xornais impresos. As fotografías (.jpg, .png, .gif, tif) deberán ser apaisadas (1 Mb máximo), e poderán ser reencadradas lixeiramente para adaptalas ao tamaño de publicación.
As mellores imaxes iranse publicando neste patchwork que ves arriba durante todo o mes de maio. Cada imaxe ten que vir acompañada do nome do ou da creadora (ou creadores, se son varios), lugar de residencia, correo electrónico e un texto de 250 caracteres de máximo que contextualicen a imaxe enviada.
De entre todas as imaxes recibidas un xurado decidirá cal é a mellor, onde valorará un conxunto de parámetros que teñen que ver coa significación, a orixinalidade e, tamén, a calidade da fotografía. O premio consistirá nunha cámara dixital reflex Nikon D50 SLR prateada, con lente 18-55 mm.
Entendemos que as imaxes que nos mandedes son orixinais e da vosa propiedade e que nos cededes aos dereitos de reprodución para este evento.