Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Meda de Iria

Era meda o Meda, era palleiro esgrevio un ano e outro ano ardido, era desde as brañas de Laíño e desde as veigas de Lestrove, era chamizo de pau e de raíces desterrado, era camiños de enxurro feitos e refeitos cada inverno, era o postremeiro Sar desde as fartas orelas do Mondego que te espellan, era bico fondo e alto, era dominio ou ilusión, era terra non paisax, era e aquí teño que decer antes de máis que a cita de Colerige é marabillosa e eu gardo esa flor na man do peito comunal e colectiva, era sol de Italia sol de amore oh sole mio it´s now or never xeodésico, era todo contra o pálido sol contra o deserto duro enxoito poeirento, era es ti quen é pequeno, era máis verdura suave core a dignidade, era non hai bosque ningún e gándara areosa, era apousar, era calada memoria de nación o monte Meda Pindo era, era incendio nun solpor de vello ron que cega, era lúa devecente no hemisferio outro, era acolá de fume petroglifo, era piorno codeso matagal laradas das casiñas prados ríos arboredos, era néboa brétema orballo marmaña fodédevos memoriñas, era aurora o teu fulgor, era salvaxe píncaro antes do corazón contradiscurso, era amenos ameneiros, era o mapa vexetal de Fontán de Adrián Solobio contra Burgos Ávila Toledo por París, Köln, Anveres, era mística que va tampouco, era un mundo, era silencio escachado de séculos idades estático reloxo, era quero ir ó San Martiño, era o castro a Grande Fraga, era meda mutuo medo Meda era, era Iria, era eira de saudade con manlle de metal, era historia reiterada de naufraxios e afogados do Ulla da Arousa do mar sindicalista foxa, era arriba do Miranda e do Lapido e por de fronte do Castro Valente, era e dálle coa néboa e co bosque animado e coas meigas esas fóra, era xeo vertical ondulado lazo pedra de esfragarse divisoria, era pelado, era cabos retransmisores e muíños de fame de maquía de blindados postouros, era furacán aleive, era de todos, era edificio, era casa dinamitada esboroada escachizada e outra volta erguida, era intemperie suicidio lareira e lousa, era á man, era adeus éxodo exilio a gaita a falare pano das despedidas que van do colo da branda ría á Europa das nacións pobriñas e de Compostela a Anatí de selvas chairas serras colosais e hox bolivarianas, era Praga e Vigo ardendo mételle Teis Tains cara Times Square, era notas de turista burgués, era chifro de fábricas bicicletas comboios cazoladas The West Galicia Rail Way dorna dinamita, era María, era de noite, era brutal, era sen castelo sen vento sen lúa sen nada Narda norte, era que sexa alto resumo fragueiro pedreiro carboeiro capia capealso agulla rebo tranqueiro xuntoiro pé dereito tronzador demouca estrume batume mulime remexedoiro, era Foxovedro Caldebarcas Valouta Valranco Pedregal, era o Souto dos Covallois, era inocente pecadenta militante, era imperfecto, era chuvia mesta de cerdeira brava de beizos de cereixa de cores de desexo de olliños idos espantoso espiño, era Meda, era de carqueixa carroucha mínima toxo cativo muradella enxamios albariza corticeira tírame da travesía, era recepción pró que non volve nin escribe, era escritorio a mesiña trenca gasta teto teta unha merenda, era ir de húmido de mar de verdura a sempre vexetal barroco e despois e todo a estrela, era goberno con e fechado das marés dos galeóns das insuas todas do universo, era desmantelada e fría o seu deserto de noso, era ourizo cacho cabuxa teixo teixugo furón miñato golpe a coruxa que nos entrou pola cheminea esoutro día zamborcas chupapedras anduriños, era monte de lixo fume de lixo cor de lixo lixo, era a última noite límite marco alén, era chanto altísimo silandeiro soedá, era los robles que foran para palmas do convento de Herbón e logo pra boscos de fentos pra cabalo porque era Meda o fío de chegar á Martíñá e de alí ó Penagache dos infernos, era tomai unha alborada polo monte verde polo verde monte alegrando as herbas alegrando as fontes que sobe pola bocarribeira matizada de camiños da vida deica a raia seca dos océanos metamórficos tacholados de antes, era alto outono e aquí tamén teño que indicar que aquela pastor ben talladiña que caeu entre unhas flores nas ribas do Sar en verso non se ergueu endexamais espidos lombos ermos de múltiples cachotes, era lonxe que nos criou e guerrilleiro, era oh oh orballa nas escalinatas do pazo escangalladas, era monótono fungar patio da cadea de fóra pan e sementeiro, era xigante, era de todos, era morna aurora sol de albor alba de gloria que foi logo de fogax larada viva limpou de brétema as encostas dos Chaos de Amoeiro e morreu estalante en máis alá, era onde se nace o pouso o último, era vieiro portelo código catástrofe, era en fin activa incombustíbel resistencia, era Meda, era e mais é e seguirá sendo, que aínda queda moito vento por pasar.

Foto do monte Meda

Anxo Angueira

Anxo Angueira Viturro naceu en Manselle, municipio de Dodro, en 1961. Traballa como profesor no IES do Meixoeiro e na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. As súas obras literarias colocárono no primeiro plano da vida literaria do país. Como poeta publicou Val de Ramirás; O valo de Manselle; Libro da vertixe e o máis recente Fóra do Sagrado. Mais Angueira tamén destaca como poderoso narrador. Así o ten demostrado no libro de relatos Bágoas de facer illas ou nas novelas Pensa nao ou A Morte de A.

Galería

Foto do monte Meda Foto do monte Meda Foto do monte Meda Foto do monte Meda Foto do monte Meda Foto do monte Meda

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural