Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Convoco ás avésporas

Valeime, quen escoite a miña voz desde o máis fondo do Rego Foxo. Valeime. Isto non son liñas dun relato, senón berros. Quen me dera seren ficción!

Prendinme ás pólas do sabugueiro con vincallos, con espiñas do abruñeiro. Non me tirarán de aquí. Como as árbores do Rego Foxo, os carballos e sanguiños, as bidueiras e pereiras bravas, nacín neste lugar. Cando desterrida, respondo armada como o espiño. En febreiro, a destempo, ínzome de flores de cinco pétalos. No sabor áspero imítome aos abruños. Se desaparece o Rego Foxo esvaerase a terra baixo as miñas uñas, ceibaránse as raíces que terman dos meus pés. Que vai ser de min sen Rego Foxo. Fun a última nena en nacer na casa, antes de enviar as nais ao hospital da Coruña. Tanta vontade tiña algunha, como María, de nacer na parroquia que se botou fóra no taxi á metade do camiño.

Aquí fico, ensarillada ao sabugueiro no Rego Foxo, pronunciando en voz alta o seu nome, Rego Foxo, e mais todos os nomes que se han perder con el: Porta Ventosa, Prado Noucho, a Chousura, Seis Ferrados, as Corredoiras, Herbal do Prado, os Anovados, Prado Grande, Croa dos Milladuiros. Ouh Rego Foxo, Rego Foxo, Rego Foxo. Porque só nomeando logramos tirar para a existencia árbores, regos, estivadas, torneiras, vaos, arrós, termar deles nesta inestábel banda da realidade. O Nordés oulea na Porta Ventosa, os castiñeiros disparan as pugas dos seus ourizos nos Seis Ferrados, as uces florean nos Milladuiros, as avésporas afánanse en levantar niños crocantes como a codia do pan na Chousura, porque nós guindamos os seus nomes ao ar. O día no que a miña lingua deixase de chuspilos os seus nomes desaparecerian por sempre.

Rego Foxo. Resistiu sete incendios (pobres de nós!) que abrasaron o Monte de Toba desde o alto de Setegrixas aos ameneiros que beirean o río de San Adrián. Ao veren arder Setegrixas, o marco que tomaban como referencia ao navegar polo Mar de Fóra, os mariñeiros de Louro e Muros choraban bagullas de sal. Os morotes ventureiros que apañabamos de nenas nas beiras do río foron soterrarse na lama. O verán pasado, dois días coas súas noites os veciños disputaron ao lume fieital a fieital, croa a croa. Sobreviviu ao fuel que turrou dos areais para a súa insaciábel gorxa negra. Será inútil tanto empeño? Non o asolagou o chapapote que veu polo mar e vaino asolagar o chapapote chegado por terra. Non o achandou o bafo do lume e vai ser arrasado polo cemento. Chámana vía de comunicación, mais incomunica árbore de árbore, rego de rego. Creba as paredes de pedra, puntadas que manteñen unidos os anacos da paisaxe. Que será de nós cando a paisaxe se esfarele?

Os camiños no Rego Foxo, corredoiras que é posíbel percorrer a cegas, seguindo as leves pegadas das follas caídas, as ladaíñas da auga. As únicas contendas que coñeceron foron as de edra intentando esganar a carballo, as únicas construccións os niños de papel das avésporas. Camiños para andar neles cos pés nus. Non será camiño o que non pode ser tocado cos pés descalzos, o que non estará beireado de árbores, o que non dá refixeira aos cáncaros. Nesa vía de cemento, onde encontrarán as avésporas o néctar e a saiva? Na miña imaxinación non cabe o monte cacarañado por ela.

Non sei se fun eu quen escolleu o sabugueiro para prenderme, se foi o sabugueiro quen me escolleu a min. Hai árbores aparentemente máis rexas, porén ningunha con tantos poderes de antigo. Enguedellada ao sabugueiro, poño a miña esperanza nos trasnos que nel achaban mantenza. Coas derradeiras gotas de chuspe farei un té de sabugueiro para curar de todo mal. Talvez, a través dos ocos nas súas pólas, a Cartuxeira de Baíñas retorne para amparar o seu. Talvez acuda a Roldiña que só entre os seus ramallos encontra acougo. Nelas confío para praguear á vía. Valeime, pugas dos toxos, xistras da Porta Ventosa, trenlas dos vimbios, velenos das píntegas, vincallos das silveiras, ferretes das avésporas, xa que non me valen os homes. Vós sodes Rego Foxo, Seis Ferrados, a Chousura, os Milladuiros. Vós a fraga e o herbal, a braña e a duira. Vós sodes eu.

Convócovos, airadas da Porta Ventosa, arrebolade ao ar os ucases que levan inscrita a desfeita. Petando cunha pedra no legón, convoco ás avésporas, arreconchegadas nos seus niños. Se non hai saiva, alimentareinas co meu sangue. Convoco ás avésporas, gardianas do Rego Foxo, a envurullalo nun impenetrábel agocho de papel. Convoco ás avésporas a brandir os seus innumerabeis ferretes. Ás avésporas e a vós.

Foto de Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre

É bióloga e escritora. Ten publicadas numerosas obras de relatos, novela e poesía, entre elas, Tránsito dos Gramáticos, A compañía clandestina de contrapublicidade e Catálogo de velenos. Foi galardoada tamén cos premios da Crítica, o Xerais e o Merín e o Esquío. Vive en Santiago de Compostela onde ensina Didáctica da Bioloxía e Educación Ambiental na Universidade, e escribe. Na súa web podedes atopar máis información.

Galería

Foto do monte Rego Foxo Foto do monte Rego Foxo Foto do monte Rego Foxo Foto do monte Rego Foxo Foto do monte Rego Foxo Foto do monte Rego Foxo

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural