[09/04/2006 19:06] "O formato era válido, pero había que darlle unha volta e repensar os contidos e os obxetivos do encontro. Por iso, introducimos tres variábeis básicas: o uso do galego no marco das novas tecnoloxías por parte da mocidade, a accesibilidade dos mozos con discapacidades e o impulso do software libre". O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, cóntanos da satisfacción polo éxito desta edición da maior festa galega de internet. Organización e participantes coinciden en gabar a ciber-romería e fan balanzo positivo destes tres días de banda larga. En axenda, XuventudeGaliza.net 2007...
[09/04/2006 18:58] "Non houbo unha palabra máis alta que a outra". Os encargados de mirar pola seguridade desta macroxuntanza gabaron máis dunha vez a tranquilidade coa que se desenvolveu. Entre a brincadeira e a lenda urbana, hai quen di polas corredoiras internáuticas que misteriosas e ultrasecretas tecnoloxías furan desde a distancia nas nosas cabeciñas tratando de ler o pensamento. As cabeciñas dos ciberfesteiros só transmitiron boas vibracións esta fin de semana. Estropicios electrónicos aparte, que sempre os hai, os circuitos da cabeza funcionaron a pleno rendemento. Sentidiño.net.
[09/04/2006 18:26] No límite dos trinta anos cumpridos, o ourensán Marcos Neves láiase de non poder ir acudir en vindeiras edicións a un encontro que restrinxe a participación a esa idade. Así e todo, a cerimonia de clausura déixalle bo sabor ao decidir o xurado que era merecedor do primeiro premio na categoría de aqueladores. Velaquí o teñen, feliz e de etiqueta logo de recoller o material informático co que o agasallou a organización. Lembren do seu traballo hibridando un computador cun Ferrari.
[09/04/2006 17:54] Para quen lle pareza un exceso toda unha fin de semana sen afastarse apenas do computador, os vigueses preparan para o próximo verán unha nova edición da máis longa maratón da que falando de ciberfestas poidamos atopar en todo o mundo. Serán oito días e sete noites na NX Conecta 2006, con apenas 1.200 privilexiadas prazas. "Compartir xogando" é un dos lemas do encontro, "compartir coñecemento e diversión". A cita, entre o 8 e o 15 de xullo no Pavillón de Deportes da Universidade de Vigo.
[09/04/2006 17:44] "Axudarlle aos que non saben e guiar aos que dan os seus primeiros pasos nas novas tecnoloxías, achegarlle internet aos que descoñecen este medio, especialmente a colectivos e zonas con maior risco de exclusión...". Son algúns dos obxetivos da Asociación de Voluntarios de Internet de Galiza. Serxio Pérez, un dos cibervoluntarios láiase dos números da fenda dixital que aínda acumula o noso país, e cóntanos que teñen realizado numerosas actividades divulgativas destinadas a xubilado, asociacións de amas de casa ou colectivos de pequenos concellos. Aproveitan a presenza en XuventudeGaliza.net para recrutamente de novos voluntarios e xa acumularon nesta fin de semana preto dun cento de potenciais colaboradores.
[09/04/2006 17:26] Precisamente de lectura queren falar na VeriNET, vindeira macroxuntanza pola parte de Ourense. No Pavillón dos Deportes do Concello de Verín, celébrase do 29 de abril ao 1 de maio outra ciberfesta que promete 72 horas ininterrumpidas de banda larga. Primeira ocasión na que acollen este tipo de econtros, programaron de momento 128 prazas, pero ampliaranas no caso de que a demanda sexa significativa. Os de Verín decidiron ademais darlle destaque ao fenómeno do bookcrosing, exitoso concepto que dá mostra de como as novas tecnoloxías poden contribuír ao fomento da lectura. Atención: libros soltos!.
[09/04/2006 17:20] Os manuais informáticos foron a literatura protagonista esta fin de semana no Pazo de Congresos compostelán. Mentres agardamos polo abaratamento e a popularización dos nacentes proxectos de papel electrónico, o papel de sempre segue seducindo coma a e-pantalla. Desconfíen de apocalípticos prognósticos sobre a fin do libro que hai anos se viñan agoirando. Mesmo nesta selva de monitores tamén hai quen atopa tempo para adicarse ao pracer da lectura, gozando do terapéutico lecer de pasar as páxinas dun bo libro.
[09/04/2006 17:07] Daquí nunha semaniña, do 14 ao 16 de abril, o recinto feiral de Vilagarcía, Fexdega, acolle outra cibercita. Organizada pola asociación Airbag, o primeiro macroevento electrónico logo da festa compostelá, a ArousaParty ten xa programada a asistencia de Xavier de Blas co seu Linux Show e do coñecido profesor valenciano Jorge Cortell, experto no polémico asunto da propiedade intelectual e as novas tecnoloxías.
[09/04/2006 12:27] Cumprimos medio cento de horas conectados, ou segundo outras métricas incluso tres mil minutos ou mesmo botando aqueloutras contas, 180 mil segundos. Kilómetros de paseo, ciberlercheo, metros de cinta gravada e moitos bytes cargados e descargados despois, sentamos a facer balanzo deste tempo de ciberfesta. E como as imaxes valen máis ca as mil palabras. Velaí un resumo audiovisual do que levamos vivido nesta cita coa banda larga:
[09/04/2006 12:16] As baterías dos computadores portátiles, que algúns dos cibertolos trouxeron á festa, veñen tendo unha autonomía de entre dúas e tres horas sen necesidade de conectaren ao enchufe. No terceiro día da macroxuntanza xa lles temos claro que polo que lle toca ás baterías dos propios participantes, as reservas enerxéticas son case que inesgotábeis. Iso si, cando o sono vén, chega de vez. Ás portas da sala de torneos batemos con estes romeiros. Espértenos só en caso de emerxencia.
[09/04/2006 11:51] A relixión dos cibernautas tamén ten os seus momentos de recollemento e espiritualidade. Nalgunha ocasión, os máis abnegados crentes mesmo especularon coa necesidade de definiren un patrón que vixie polo benestar das almas tanto de fieis como descridos da boa nova de internet. Santa Tecla, San Feofán o Ermitaño ou San Xoán Crisóstomo foron algúns dos candidatos a asumir tal condición. Na ciber-romaría, Adrián Pacios, un romeiro chegado de Lugo, descóbrenos neste Domingo de Ramos outra alternativa pouco coñecida: o "Xesucristo Colega", personaxe popularizado hai uns anos nun filme de culto nos tapadillos, Dogma, de Kevin Smith. O BuddyChrist ten a súa pequena confraría na rede. Unha cousa: o que hai á beira do santo non é auga bendita.
[09/04/2006 11:35] Abouxou a música durante horas e mesmo os máis apegados aos seus computadores foron quen de atraver un movemento de canelas nalgún dos momentos álxidos da última electro-noite. A canfurnada tivo celebrados intres, como foi a proxección do vídeo internauticamente popularizado e coñecido co nome de "botáronme drogha no colacao" ou mesmo unha curtametraxe directamente saída da factoría creativa dos participantes que ofreceu un elaborado simulacro da Guerra das Galaxias, espadas láser incluídas, con escenario nos corredores de XuventudeGaliza.net. Na heteroxénea fauna de XGN, algúns levárono mellor ca outros na última noite. Houbo a quen non se lle alterou o peiteado e houbo quen rematou cun ollo aberto e outro sen pechar.
[09/04/2006 02:42] Counter, Quake, Warcraft... As posibilidades do videoxóguico mundo son moitas e variadas. Para un reducido grupo de expertos, "eu sonche moibodedios nisto", os enredos virtuais acadaron categoría deportiva case-profesional. Atención. Concentración máxima na sala de torneos. Entramos sen facer moito ruído en terreo de épicas batallas e desafíos cibermortais. Hai competitividade pero respeto entre os participantes. O nivel é alto en todas as eliminatorias. Doutra banda, investigamos ese gran dilema dos videoxogadores máis expertos: e ti que es, de Xbox ou de PlayStation? Non prometemos solución ao conflito, pero un rapaz apúntanos unha reflexión: fronte ás limitacións da videoconsola, o mellor, sen dúbida o computador. Non vai ser todo videoxogueta.
[09/04/2006 02:28] Logo do éxito da nosa futboleira selección, os obxetivos apuntan xa cara a outros deportes. No crecentemente popular mundo do videoxogo nacera hai tempo a idea de fundar unha comunidade estábel de xogadores, "gamers", galegos coa meta de forneceren unha selección propia que nos represente no mundo dos deportes electrónicos? Adicámoslle un intre a esa lembranza histórica do noso ciberdeporte: era setembro de 2004 e a e-selección galega participaba na súa primeira competición fronte a un equipo croata: 3-2 para Galiza.
[09/04/2006 01:29] Poñémoslles estas liñas desde XuventudeGaliza.net no gume das corenta horas desde o inicio desta macrofesta informática. Por diante aínda moitos bytes quedan por moverse neste niño de ciberadictos que somos. Hai quen sae buscar aire ou comprobar que as estrelas seguen asomando no ceo de Compostela. Outros prometen acordarse só de que "hai un mundo aí fóra" cando a inevitábel desconexión chegue na tarde do domingo. Osíxeno para o impulso final.
[09/04/2006 01:57] Este que ven e Diego López Axpe, de Vigo, que volve de recoller o seu premio. De entre todos os veteranos que xa estiveran na edición inaugural de XuventudeGaliza.net foi o único que conservou e trouxo o agasallo que os organizadores repartiran daquela aos participantes: unha taza. "Non só a conserva, senón que ademais a usa", gaba a organización mentres o Diego lle bota un grolo ao café.
[09/04/2006 01:48] Teclados para computador flexíbeis, videoxogos, aplicacións informáticas varias, camisetas... Un golpe de premios os que se levan repartidos no que vai de festa. Velaquí unha das últimas e gratuítas ofertas, que desafiou aos asistentes a achegárense cara á organización co maior número de capas de roupa posíbeis para competir polo prezado trebello prometido. Na foto poden ver a Daniel Sebio, de Santiago, que coa axuda de seus compañeiros foi quen de botarse enriba vinte camisetas e xerseis.
[09/04/2006 01:30] Pequenos e maiores subiron até a sala Obradoiro do Pazo de Congresos para, xunto con moitos dos cibertolos, completar todo un récord de asistencia a unha proxección cinematógrafica. Non quedou libre praza nun espazo con capacidade para 1.500 persoas. Satisfacción á saída de Gisaku, a historia dunha loita entre o ben e o mal, creada pola sección de debuxos animados de Filmax e proxectada aquí en lingua galega. Gisaku é un diaño ao servizo de Gorkan, o Señor das Tebras, que nunha batalla terríbel perde todos os seus poderes e queda convertido nun pequecho e amigábel cachorro de demo que fai amizade con Riki, un espilido pero solitario cativo. Na escena aparece Yohei, un mozo samurai que esperta dun longo sono nunha época e nun país que non coñece. Con vistas da catedral compostelá e da Coruña entre outros escenarios de inspiración galega, trátase do primeiro filme do estilo xaponés manga rodado a nivel estatal.
[08/04/2006 23:32] "Estase a demostrar que os galegos temos unha cultura, unha identidade e un idioma propio", comentou Anxo Quintana no seu percorrido por XuventudeGaliza.net, chamando a "aproveitar as novas tecnoloxías para espallar estes valores polo mundo". Velaí teñen ao vicepresidente da Xunta de Galiza amarrado ao mando dunha das máis espectaculares atraccións desta ciberfesta, que lle fornece ao visitante unha viaxe virtual e en tres dimensións ao longo do país. Na cabina de GalizaDixital, e co sistema avanzado de navegación sobre terreos interactivo, bautizado Santi, Quintana aproveitou para botarlle unha ciber-ollada pola parte de Allariz. "O trinomio Xuventude, novas tecnoloxías e Galiza está a funcionar á perfección", asegurou o vicepresidente. Acompañado polo director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e pola secretaria xeral do Benestar, María xesús Lago, o vicepresidente visitou todos os recunchos deste ciber-encontro que, na súa opinión, "sempre fora unha boa idea, pero "o reto desta sétima edición era demostrar que se fai en Galiza".
[08/04/2006 23:46] Alén dos 1.500 participantes no XuventudeGaliza.net e do equipo de case 200 técnicos e monitores que apoia o seu desenvolvemento, destaca este ano o impulso da zona de libre acceso, con medio cento de computadores de balde que poden ser utilizados por calquera, as múltiples atraccións lúdicas e a proposta de conferencias. A atrativa oferta levou non só a parentes de ciber-romeiros, senón tamén a un feixe de visitantes, a maioría composteláns a achegárense deica o Pazo de Congresos da capital galega para ver de preto a macroxuntanza. A cativada gozou sobre todo das ducias de consolas postas á súa disposición e houbo lista de espera para pasar por todos os brinquedos. Hai un ano, pechando a cita foran 35 mil as visitas. Desta volta, co domingo aínda por diante e preto de trinta mil sumadas, os números apuntan alto para a clausura.
[08/04/2006 23:04] A viguesa Isabel Briones estuda Belas Artes en Pontevedra e hai medio ano decidiu aplicar as súas inquedanzas artísticas ao mundo da tecnoloxía. Chegamos onda ela cando lle está dando uns retoques a un debuxo cunha ferramenta informática de deseño e revélanos que veu a todas as edicións de XuventudeGaliza.net. Velaí a primeira veterana real que atopamos na ciberfesta. Notou que a participación das mulleres foi medrando a cada paso desde aquela primeira edición e relátanos que iniciou o desafío da personalización do seu computador sen unha idea fixa. A inspiración suxeriulle o contorno dun coello para unha das beiras e na fronte deixou o seu alcume en caracteres xaponeses: Hitomi.
[08/04/2006 22:20] "Tifosi" desde pequeno, así lles din aos seareiros máis entregados ao coñecido equipo da Fórmula 1, o ourensán Marcos Neves Salgado é quen argallou este modelo completamente personalizado e inspirado na marca Ferrari. "Mentres non haxa cartiños para mercar un", suspira. Un amigo que viña de mercar o portátil dunha marca á que lle cede imaxe á coñecida empresa automobilística inxectoulle o pique necesario para desenvolver este espectacular deseño que presenta ao concurso de aqueladores, a primeira vez que o fai logo de cinco anos asistindo á ciberfesta de Compostela. Un ano e varios meses lle cumpriu para o detalle final, o máis complicado, o recurte da silueta do cabalo.
[08/04/2006 21:44] En internet a velocidade non tén cancelas, e canta máis velocidade, mellor. Hai tempo que os seareiros galegos da velocidade automobilística veñen reivindicando que Galiza teña un circuito de seu. Silleda, Cerceda ou Ourense foron algunhas das localizacións xeográficas propostas para unha iniciativa que non só traia aos profesionais da velocidade por estes pagos senón que sirva para o desafogo dos afeccionados a estas adrenalinas, de xeito que forcen aceleradores en territorio controlado no canto de levar o perigo polas estradas. Tecnobrinquedos coma "Devezo pola velocidade", "Need for Spedd, son a alternativa virtual barateira fronte a esas infraestruturas. Máis aínda, o coñecido videoxogo chegou ao Pazo de Congresos do XuventudeGaliza.net en pantalla grande e en 3D. Reparen na ledicia deste romeiro mentres forza o motor dun Porsche polas rúas dunha cibercidade calquera.
[08/04/2006 21:00] "Do mesmo xeito que a ti che axudan, presta ti a túa axuda". Velaí un dos lemas posíbeis para a defensa do movemento do software libre, baseado na cooperación entre usuarios a prol do ben común e que, neste 2006, XuventudeGaliza.net se está esforzando en promover. Semella que a cada ano que pasa os mozos chegan máis preparados para os desafíos informáticos, segundo nos conta Iván, integrante do equipo de ducias de técnicos que se moven entre os 1.500 participantes coa fin de resolverlles calquera conflito coa tecnoloxía. Alén de que a cada ano amosen maior nivel de coñecementos, Iván destaca o excelente clima de cooperación que se establece entre eles, sempre dispostos a axudárense. "Aprender" máis sobre as tecno-reviravoltas posíbeis é un obxetivo moi citado entre os ciber-romeiros e ademais dos obradoiros do programa oficial, a propia xuntanza cos demais unha vantaxe clara a prol do aprendizaxe: intercambiar, compartir e cooperar.
[08/04/2006 19:04] Escoitamos falar de "háckers" de cando en vez nos medios de comunicación e sempre con desconfianza. A prensa difundiu unha imaxe distorsionada do que é un "hácker", no sentir dos propios afectados, que se definen coma persoas con coñecementos profundos das reviravoltas e tapadillos máis agochados da informática. O hácker está no lado bo da "forza" e ten afán de seguir aprendendo e de usar dos seus achados para o ben común. Cando pasa sen ser convidados polos inescrutábeis buracos dos equipos alleos é para dar conta e aviso das eivas de seguridade e propoñer melloras. Na beira escura da forza están os crackers, os que pisan sen permiso ciberterreos privados para faceren mal ou obter beneficio económico. Chegado de Sevilla cóntanos disto un dos conferenciantes, Francisco Caballero, auditor da empresa de seguridade telemática "S21sec" e presidente da organización White Hack.
[08/04/2006 19:26] Habémoslles falar máis adiante de Óscar Guillán Rodríguez, un mozo de Vilagarcía que acode a XuventudeGaliza.net con súa moza, e autor dun importante traballo de carpinteiría tecnolóxica que afecta directamente á freba nostálxica dos que lembren aquelas máquinas recreativas con espazo de privilexio en bares tabernarios dos anos 80. Desta volta, na imaxe de aquí enriba poden ver o maquinillo co que participou hai un ano no concurso de aqueladores. O debuxo é un dos seus favoritos, e tamén ocupa lugar de privilexio no medio do cadro do coche de Óscar. Para saber máis sobre os "aqueladores", non perdan o vídeo: Aquelando os cachifallos.
[08/04/2006 18:29] "O lecer é un bo espazo para aprender, e aprender xogando é a mellor forma de achegármonos á nosa literatura, á nosa historia, á nosa xeografía, a nós mesmos". Coa colaboración da Asociación Sociopedagóxica Galega, AS-PG, a ciberfesta propón unha ambiciosa versión galega do trivial na que poden participar simultaneamente catro milleiros de xogadores e que inclúe máis de 7 mil preguntas. "Cal é a característica principal do granito do Porriño?", "Que ex-ministro do franquismo foi presidente da Xunta?", "Cal é o nome do xornal escrito en galego e dirixido por Lamas Carbajal en 1876?"... O 60% dos contidos propostos están directamente vencellados a Galiza e os propios internautas poden propoñer novas preguntas. "Elaboramos este xogo tipo trivial pensando na xente moza e na que non é tanto, co obxectivo de contribuír a galeguización dun espazo vital, o do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza", subliñan os promotores.
[08/04/2006 16:44] Ás 22h deste sábado xoga o Celta fronte ao Valencia e o próximo domingo xogará en Villareal o Deportivo. Seareiros vigueses e deportivistas mudan as bancadas de Riazor e Balaídos pola herba virtual dos mellores campos internacionais, convertindo os videoxogos futboleiros da zona de libre acceso de XuventudeGaliza.net nos máis demandados. Por certo, na cafetería topamos cun directivo de Microsoft, empresa hexemónica no mundo informático e especulamos que, ademais, vivindo en Madrid simpatizará co equipo monopolizador de conversas, rifas e telexornais. Ao desafío respóstanos cunha confesión baseada en vellas raíces familiares: "Pois eu sonvos do Celta", puntualiza.
[08/04/2006 17:01] Haberá quen se lembre dun antigo xoguete consistente nun boneco que simulaba o paciente dun quirófano ao que os rapaces debían "operar" extraéndolle diversas pezas corporais cunhas pinzas. Había que facelo co mellor coidado para que non soase o timbre e se acendese a luz vermella na altura do narís do enfermo. Non se equivoquen: na súa simplicidade ese vello enredo seica tiña fondas implicacións pedagóxicas, acudándolle aos cativos a coordinaren ollos e mans e desenvolver o que os estudosos lle din a "motricidade fina". Para divertimento dos máis pequenos visitantes e satisfacción nostálxica dos ciber-romeiros, os organizadores dispuxeron unha versión en tamaño real daquel brinquedo.
[08/04/2006 15:04] "A compañía que fundaron Gates e Allen vende sistemas operativos como Gillete vende follas de afeitar. Lánzanse novas versións de sistemas operativos como se fosen películas de Hollywood, co apoio de celebridades, aparicións en talk-shows e xiras mundiais. O seu mercado é o bastante vasto como para que a xente non se preocupe de se foi monopolizado por unha compañía". Así o recolle o volume No principio foi a liña de comandos, obra de referencia que foi especialmente traducida e distribuída para esta edición de XuventudeGaliza.net, que lles lembramos tén entre as súas metas contribuír ao crecemento da comunidade do software libre en Galiza. Daniel Bañobre e Francisco Alvarellos, da Asociación Compostela Wireless, estiveron este sábado para unha conferencia baixo provocador título: "1.001 motivos polos que non empregar Linux", co obxetivo de desmitificar as dificultades para o emprego dos equipos baseados en GNU/Linux, amosar as súas vantaxes e dar conta da súa facilidade de instalación e emprego. Poden consultar tamén o escáner de Vieiros: Libre e aberto, software para outro mundo posíbel.
[08/04/2006 14:43] Logo do trunfo das bitácoras, noutras xeografías internáuticas prendeu forte o "podcasting". Novas sobre temas variados, monólogos humorísticos, receitas de cociña, opinións ao fío de asuntos diversos... Hai quen no canto de darlle á tecla prefire deixar os seus pensamentos de viva voz. Aí naceu o podcast, comentario falado que moitos combinan con música e que se convertiu nunha curiosa alternativa ou complemento na rede para a radio en liña. A ciberfesta proponlles aos participantes colaborar na tradución do Audacity, a ferramenta gratuíta para a edición de arquivos de audio que vén sendo máis usada para a elaboración dun podcast. Nós, de paso, improvisámoslles unha alternativa á palabra inglesa para referirnos a eses bagullos dixitais que recollen as reflexións dos internautas: falangullos?
[07/04/2006 23:44] Fachendeo, habilidade para o bricolaxe, unha boa caixa de ferramentas e doses extra de creatividade son a base do que os ingleses bautizaron "modding" e nós por aquí vimos de resolver que ben pode definirse coma a arte de "aquelar o computador". Resumindo, trátase da personalización do equipo informático, actividade na que acostuman a destacarse moitos dos participantes deste tipo de encontros. "E isto que é kriptonita?", especulamos á vista das tripas verdes do equipo de Ernesto, "é desconxelante", relata ao tempo que nos conta da competitividade dos cursos de "aqueladores". Buligando polo campo da ciberfesta atopamos ao gañador do concurso do ano pasado, Alexandre Rico Plata, quen trae unha evolución do chintófano premiado en 2005. "Parece que non hai moitos computadores modificados nesta edición", opina. Descansan os do "modding" este ano?
[08/04/2006 11:57] Nunha sondaxe rápida confirmamos sospeitas. XuventudeGaliza.net esperta ao sábado cun alto índice de insomnes. Son as primeiras 24 horas batendo trécolas e chintófanos videoxóguicos e as cabeciñas aparecen sorprendentemente espilidas. Queda todo un día por diante, xa apretara o sono cando lle cadre. Iso si, irreductíbeis aparte, cando o cansazo chega calquera acubillo é bo para improvisar unha durmida. A maioría estende o saco e inicia a soneca. Os máis metódicos aínda teñen tempo para inflar o colchón e quitar os zapatos.
[08/04/2006 00:09] Os que non deixaran a gorxa enfrontados ao karaoke da zona de lecer, sacaron peito a medianoite para berrar a conta atrás para o acendido oficial da ciberfesta. Coma mestre de cerimonias obrou o Mago Teto, animador durante todo o día, poñéndolle maxia á tecnoloxía e encargado do sorteo dos agasallos entre os participantes. De dez a un, unha conta atrás que por vez primeira tivo o galego coma lingua oficial. E logo das campás de medianoite, a luz volveu aos monitores e a música subiu en decibelios para acompañar as primeiras horas de loita ao sono. Foguetes de sete estalos, virtuais.
[07/04/2006 23:44] Intercambiar material variado é un dos obxetivos cos que moita xente chega a estes macroencontros. Pero non vaian pensar que todo é cobiza de gigabytes. Máis dun asegúranos da súa vontade de aproveitar a cita para aprender un pouco máis do inescrutábel mundo cibertrónico. A pé de conferencia, un mozo mesmo deixa apalabrada cun dos expertos a promesa dunha contratación en prácticas. Non viven aquí, pero non lles importaría quedar unha semaniña máis. "Durmir esta noite?", cóntanos un participante mirando para a bebida isotónica coa que repón minerais entre partida e partida, "non creo". O tempo é pouco e banda larga, moi larga.
[08/04/2006 00:49] "Os de sempre", "Brasil", "Lexión Escura" ou os "Avestruces" son na última hora competidores destacados do Warcraft III, a última versión do famoso videoxogo que se desenvolve nun mundo medieval ficticio que acumula seguidores por todo o planeta. Ao torneo oficial organizado acudiron os competidores organizados en parellas. O escenario da batalla: as Pradeiras retorcidas. Conta a lenda: "en tempos inmemoriais xurdiu o universo e con el unha raza de seres de pel metálica, chamados Titáns, que viaxaban polo universo dándolle forma e facéndoo progresar. Ordearon milleiros de mundos...". "Warcraft", ou "Arte da guerra", un combate nun mundo imaxinado que non sae dos teclados e a pantalla. Toda a información nos Mundo de Warcraft.
[07/04/2006 22:47] Libre e aberto, o outro software posíbel. XuventudeGaliza.net puxo nesta edición entre os seus obxetivos destacados a promoción do software libre. Así e todo, xa os participantes se encargan de facer campaña polas alternativas posíbeis ao software propietario e de facer forza polo sistema operativo Linux. A imaxe oficial dos seus seguidores: o pingüín Tux. Continuar
[07/04/2006 22:55] Daniel tén tres aniños e enzuca con nós cando imos micrófono en man para preguntarlle a última hora da ratiña Lola. Con parche pirata no ollo, quere seguir a lidar cos personaxes de Cativadas, espazo virtual especialmente arranxado para os máis pequenos. "Coloreo", "Aprendo as letras", "Xa sei vestirme", "A casa dos animais", "Os transportes", todo un brinquedo virtual de cores e sons a xeito para os pequechos, aos que lles armaron un recuncho coas caixas dos computadores reconvertidas a gatiños. Imposíbel de resistírense a ir petarlle na tecla. "E que che conta a ratiña Lola?", "Cousas".
[07/04/2006 19:06] "Esta edición supón un replantexamento total sobre o que se viña facendo", cóntanos o director xeral de Xuventude e Solidariedade. Rubén Cela explícanos os tres eixos deseñados pola Vicepresidencia da Xunta para esta sétima edición da ciberfesta de Compostela: Impulsar o uso do galego no marco das novas tecnoloxías, mirar polo acceso de mozos e mozas con discapacidade ás novas tecnoloxías da información e a comunicación e traballar na promoción do software libre entre os máis novos.
[07/04/2006 21:50] "É máis entretido falarlles disto aos rapaces que ensinarlles matrices matemáticas", dinos Alberto Sánchez Escudero, consultor de desenvolvemento de Microsoft Ibérica. Con el asistimos á inédita entrega dun auditorio de mozos aos que lles falan de funcións, senos, cosenos e outras herbas físico-matemáticas cun obxetivo ben diferente ao habitual. Continuar
[07/04/2006 20:24] "As novas tecnoloxías abren posibilidades clave para os alumnos con necesidades educativas especiais", comentou María Xesús Lago, secretaria xeral de Benestar. "Estamos facendo un esforzo orzamentario neste eido", subliñou Elena Veiguela, directora xeral da Sociedade da Información. "Perdeuse moito tempo en anos pasados e queda moito por facer", comentou a pedagoga Paloma Jara. A importancia das novas tecnoloxías para atender as necesidades educativas especiais foi tema central da principal conferencia deste venres. Continuar
[07/04/2006 15:33] "Aquí contan moito os detalles". Foron meses de traballo para que todo funcione a xeito durante estes únicos tres días. Así nolo conta Eduardo Mato Montero, subdirector de Centros e Servizos da Dirección Xeral de Xuventude. O labor de loxística, desde aloxamento, transporte, o deseño da extranet, o control do soporte eléctrico... "Era moi importante para nós a axilización de todo o proceso, das acreditacións e a instalación, que a xente non bote moito tempo agardando e poidan acomodarse canto antes", dinos Montero. Serán arredor dun cento de monitores e outro cento de electricistas e técnicos varios: duascentas persoas vixiando os detalles para que non haxa problemas.
[07/04/2006 15:09] Apenas medio minuto foi necesario para que os máis cobizosos internautas acudisen á chamada do XuventudeGaliza.net. Os organizadores non contan facer cheo até o sábado pola mañá en que se incorporen os máis tardóns, a miúdo xente que ten xornada laboral este venres. En todo caso, os 1.500 participantes ben poden bautizarse coma os máis rápidos a esta beira da internet: cando hai poucas semanas se abría o prazo oficial de inscrición a través da rede, en escasos 33 segundos estaban cubertas todas as prazas. En terras de fenda dixital, a banda larga é ouro, e os máis rápidos quedan co tesouro.
[07/04/2006 14:49] Non hai presa por ir á mesa encher o bandullo. Os ciber-romeiros espremen as primeiras horas de banda larga e de momento non son maioría os que acordan de que chega a hora do xantar. A cota de participación dá dereito a comida e cea e entre 14 e 17h30 os participantes poden facer turnos para sentar a mover o dente. E de que se alimentan os ciberadictos? Velaí o menú: Pastel de filloa, carne asada, iogurt, refresco, auga e cola. E pola noite, antes de desafíar o sono a pé de computadores: pizza, pincho, e dose extra de cafeína.
[07/04/2006 14:00] Oito de cada dez participantes deste XuventudeGaliza.net veñen dalgún recuncho do noso país, o 78%. Pero a promesa de un fin de semana navegando os mares da internet a altas velocidades deixáronse seducir alén das nosas xeografías. De Madrid vén un 12% dos participantes. A organización destaca tamén o número dos que veñen de Valladolid ou Cáceres. Pola parte galega, os coruñeses foron os máis interesados en asistir: son un 48.6% do total de 1.500 persoas inscritas. De Pontevedra vén o 31.33%, de Ourense o 11.88% e de Lugo o 8.18%.
[07/04/2006 13:54] Seica o mundo dos computadores veu sendo de interese maioritariamente masculino durante anos. Os números das Facultades de Informática ou dos estudos sobre o uso de internet, amosan que esa fenda de xénero vaise recurtando significativamente. As ciberfestas viñan sendo exemplo desa ausencia da muller nestes escenarios, aínda que as cousas van cambiando. Iso si, na edición 2006 de XuventudeGaliza.net, os rapaces son maioría: un 89% de homes fronte a un 11% de mulleres.
[07/04/2006 13:44] Carretar un equipo informático ten a súa dificultade. A organización dispuxo unha flota de carricoches do tipo dos que poden atoparse nos supermercados para facilitarlle o traslado dos computadores e monitores. Algúns, os máis curtidos neste tipo de experiencias, viñan con rodas de seu. E aínda que a banda larga xa abriu a outra dimensión os equipos conectados, soprendeu a cantidade de xente que optou por empezar con outras actividades menos sedentarias afastadas do computador. Continuar
[07/04/2006 12:18] Nin media horiña lles levou aos cibernautas asolagar o ermo dos corredores do Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. En pouco tempo, o espazo virou nunha espectacular selva informática e a luz fíxose en centos de equipos informáticos. Un amplo dispositivo organizativo axudou a que todo marchase á perfección. Arredor dun milleiro de participantes enchen xa o recinto. Daquí á noite agárdase completar recunchos co desembarco do medio milleiro que fará a suma dos 1.500 inscritos.
[06/04/2006 21:03] Entre o venres 7 e o domingo 9 de abril, 1.500 internautas xúntanse na maior ciber festa que se celebra en Galiza cada ano: XuventudeGaliza.net. Coincidindo co evento, o xornal electrónico Vieiros, que neste 2006 celebra o seu décimo aniversario, realizará un seguemento especial do encontro desde o propio Pazo de Congresos de Santiago. Ao tempo promóvese unha iniciativa informativa pioneira na internet galega, cun equipo de televisión que realizará oito microespazos audiovisuais sobre o que alí aconteza e que serán emitidos a través da rede. Continuar
[06/04/2006 17:57] "Mantense o continente, pero cun contido radicalmente diferente". Explicábao este venres o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, na presentación da edición 2006 de XuventudeGaliza.net, a macroxuntanza informática que entre o 7 e o 9 de abril se vai celebrar en Santiago de Compostela. Aproveitar a cita para turrar pola lingua galega, traer a primeiro plano a reinvindicación do software libre e o impulso da accesibilidade son as grandes novidades este ano. Continuar
© Vieiros