Vieiros
300 galegas en Bruxelas


En Bruxelas 1
En Bruxelas 2
En Bruxelas 3
En Bruxelas 4
En Bruxelas 5
. O pasado sábado día 14 milleiros de mulleres fomos manifestarnos a Bruxelas.

Si. Non sentistes mal. Era unha das marchas organizadas dentro da Marcha Mundial das Mulleres, que rematou o martes 17 en Nova York, na sede da ONU, onde unha delegación de 200 mulleres, representantes de 160 países, lle entregaron ao Secretario Xeral, Kofi Annan, unha serie de reivindicacións necesarias para rematar coas discriminacións ás mulleres.

Non houbo ningún incidente, coma en Seattle ou en Praga; non ocupamos portadas de xornais; non sabemos sequera se o acontecemento pasará aos libros da nosa historia (contruída por homes brancos). Non importa.

As pancartas dicían: "pola paz e a democracia, pola liberdade", "pola igualdade de homes e mulleres", "en contra da violencia de xénero", "as súas guerras son a nosa miseria", "igualdade e traballo"… Polo medio, non vaiades pensar, introduciamos algunha pinga de humor, como a consigna cantada "somos malas, pero podemos ser peores".

Do vivido ese día quedo coas formas: máis de 20.000 mulleres marchamos durante máis de tres horas por rúas desoladas, nun sábado en que todos os edificios administrativos estaban desertos. Non había ninguén que nos escoitara. Parece ser que as previsións non contaban con tantas mulleres e o alcalde decidiu cambiar o itinerario inicial. Non había tráfico nin público: estabamos nós cantando e lanzando consignas a un mundo que non nos escoitou.

Sen embargo, respirábase complicidade. Alí estaba unha forma diferente de construír un mundo globalizado. Nas nosas mentes, as malditas cifras: unha máis unha máis unha, ata dous millóns de nenas (de 5 a 15 anos) entran anualmente na roda da industria sexual; unha de cada tres mulleres sofren algún tipo de violencia; a violación é arma de guerra empregada sistematicamente nos conflictos bélicos; o 80% dos pobres son mulleres; en moitos países as nenas non teñen dereito á educación nin aos servicios médicos… Non sigo.

Sei que estabamos alí 20.000 privilexiadas, con posibilidades para abandeirar un movemento deste calado. Estabamos en representación de todas as que compoñen as estatísticas. Con esta, mil marchas máis, e o que faga falla. Pode que a fórmula necesaria non sexa marchar, senón estar nos centros de decisión e poder; se fose así, deberiamos facelo.

Aquí tamén podemos empezar a tomar medidas e ocórreseme algunha: a inspección de traballo debe ter unha sección especial que vixíe e sancione as desigualdades salariais entre homes e mulleres e que controle tamén a economía submerxida utilizada por moitas empresas; as asociacións empresariais deberían abandeirar iniciativas que garantisen a igualdade dentro das empresas asociadas, e non só dar cursos de fiscalidade e formación… Ademais, teríase que compensar nas escolas o peso que nos nenos e nas nenas ten a nosa cultura patriarcal. E habería que destinar recursos para protexer as víctimas da violencia doméstica, e non iniciar discusións estériles sobre a difusión masiva dos nomes dos agresores. Xa ven, non parece tan difícil.

Había en Bruxelas un mundo de ilusións que de seguro ten que levar a algures.

Fina Casal Martínez

Vieiros