FRANCO E O FRANQUISMO NA REDE
 
Outras opinións:

Víctor Fernández Freixanes

Olga Novo

Amable Dopico

or aqueles anos eu estaba de párroco en Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, parroquia suburbana obreira, conflictiva porque algúns dos cregos andaban moi metidos en política. Concretamente, o coadxutor e mais eu -párroco-, fomos procesados polo Tribunal de Orde Pública, él con máis méritos ca min, pois saín absolto e a miña rebeldía era politicicmente mínima, aínda que de abondo preocupante no terrreo relixioso para a autoridade policial.

O meu pai era republicano e ós dez anos entrei no Seminario e escoitei todo o contrario do que oía na casa. Vivín así, roto por dentro, ata que cando tiña 20 años fun estudiar a Roma. As saídas a Francia a convivir dous meses con exiliados vascos, e por Alemaña, en medio de católicos conservadores, pero antifanquistas, espertáronme do sono. Fun sendo cada día máis crítico co réxime.

Pronto fun entrando a padecer ese grande escándalo de que a Igrexa, fundamentalmente, estaba a carón do réxime, aínda que nos tempos derradeiros do franquismo xa existía moita crítica e contestación. Isto en canto a cristiáns e clérigos, pero, en conxunto, a Igrexa deixouse agarimar polos privilexios do franquismo, perdendo o pouco creto que lle quedaba.

Cando morreu Franco escribín un libro de encarga sobre a Igrexa no franquismo, e saíronme uns centos de páxinas de anécdotas, documentos e relatos que realmente dan a entender como a Igexa se embarcou cos vencedores. Este libro e os últimos anos do franquismo fixéronme espertar do sono político e aínda que endexamais participei en actos de estricta política nin pertenzo a ningún partido,. agradezo a conciencia crítica que me arrincou dunha inxenuidade inicial. Aquel era un réxime terrible, criminal, carente en absoluto de liberdades.

Todos fomos cómplices da vergoña de que uns tipos coma aqueles, conducidos por un personaxe de tan escasa estatura cultural e moral, fose soportado por un pobo maiormente republicano.

Xosé Chao Rego


Vieiros | Franco e o franquismo na rede