|
|
|
:viñen ó mundo xusto cando agoniaba o Terror. Polas portas do mundo aínda corría unha friaxe densa de pistolas, os ollos do meu avó dicían liberdade cando amañecín cun cordón umbilical de oitenta metros, así vou coa desmesura que a filla daquel home que dicía liberdade meu deu un 29 de xaneiro. Ía frío no val de Lemos pero o meu corazón quentiño era isto insubmiso que levo aquí, que vai a trompicóns aquí. Entre sístole e diástole non coñece o medo, pero recoñece o corpo no que se aloxou a sospeita de ser paseado á tardiña, o meu corazón vai e vai polas cunetas, uliscando coma un can se aquel morto deixaba fillos coma min, cómo serían eh, de grandes qué farían, qué se inventarían para nin pensalo, ai meu corazón de apenas dez meses, qué dis de todo isto. Ti que odias e ó tempo te compadeces dos militares pola escuridade das súas vidas, qué dis de todo isto cando pensas na independencia de todo fronte a todo, qué dis se coma bestas ceibaron monstros pola terra, qué dis meu corazón, que tanto amas...
Viñen ó mundo medrei e vin e lin e souben case nada, tiven pola dor unha dolor infinda. Tiven polo espanto unha congoxa inmensa pero tiven pola morte a vida. Porque ante a morte dos xustos só se pode erguer a memoria ó longo da vida máis longa, por iso pola morte a vida teño, e ouh meu corazón chea de ti, para bruar nos corazóns dos mortos por culpa das miserias do poder e da intransixencia, por culpa dunha escopeta absurda, por culpa dunha bala chea de chumbo. Qué dis de todo isto, pregúntoche, a ti corazón, ¿que sentes?.
-Que a morte da morte é sempre o nacemento da vida.
Olga Novo |